Dende esta semana o ex-conselleiro Alfonso Villares volve contar cun posto de máxima visibilidade no organigrama do Goberno galego. Apenas dous meses despois de que a Audiencia da Coruña ratificase, co sobresemento provisional da investigación, que non vía motivos para xulgalo pola denuncia de agresión sexual que motivara a súa dimisión en 2025, o presidente da Xunta nomeouno delegado do Goberno galego en Lugo.
O movemento ten unha dupla vertente. A primeira e máis obvia, a da rehabilitación política ao máximo nivel que o propio Alfonso Rueda prometera a Villares se o seu caso era arquivado. Tamén bosquexa, a apenas un ano das eleccións municipais, un contrapoder da máxima confianza política e persoal do presidente en Lugo -cidade e provincia-, territorio cobizado polos populares dende hai décadas e aínda en plena axitación tras a moción de censura que situou na alcaldía lucense a Elena Candia da man da tránsfuga ex-socialista María Reigosa.
O novo rol do ex-conselleiro outórgalle unha presenza política practicamente constante en toda a provincia, capital incluída. Como superdelegado representa a todas as consellerías e é o primeiro interlocutor do Goberno galego para todo tipo de entidades, dende os concellos a empresas ou o tecido asociativo.
O novo rol do ex-conselleiro outórgalle unha presenza política constante en toda a provincia cunha axenda superpoboada que alimenta as cábalas sobre a súa posible postulación a presidir a Deputación se o PP lograse maioría para dirixir unha institución que perdeu hai dúas décadas
Así, por exemplo, no seu primeiro día completo no cargo acudiu á presentación dunha festa e ao Pregón da Caridade de Cáritas na cidade de Lugo e á inauguración das Xornadas Xurídicas de Sarria. No segundo visitou en Xermade unha das unidades móbiles que Política Social emprega como Centro de Información á Muller e acudiu a outras catro citas en Lugo cidade: a presentación doutra festa, o aniversario do hospital Lucus Augusti, a inauguración dunha exposición e un campionato de hamburguesas. A visita ao CIM foi recibida con desagrado nalgúns foros e mesmo lamentada pola ministra de Igualdade, Ana Redondo: "Puro recochineo impune", considerou a través das redes sociais.
Este tipo de axenda superpoboada e apegada ao territorio, acorde co cargo e co propio perfil político de Villares, alimenta na política lucense as cábalas sobre unha posible postulación de quen fora alcalde de Cervo para ser candidato a presidir a Deputación de Lugo no caso de que o PP lograse en 2027 maioría para gobernar. Nesta institución sentan na oposición dende 2007 coa única excepción dos seis meses de 2015 en que o bastón de mando o ostentou Candia grazas á ruptura da disciplina de voto por parte do daquela alcalde socialista de Becerreá. Para facelo, non obstante, tería que presentarse nalgunha lista ás eleccións municipais.
Á estreita ligazón política e de amizade con Rueda engádese outro factor relevante. En 2016, cando Candia logrou o control do aparello provincial do partido, Villares encadrouse pública e claramente na candidatura rival, a que encabezaba Raquel Arias no tenso proceso congresual que acabou gañando a daquela alcaldesa de Mondoñedo. Arias, precisamente, vén de remudar na vicepresidencia do Parlamento a Candia, quen incorreu en incompatibilidade sobrevida para continuar como deputada tras ser elixida alcaldesa pola aprobación da censura en Lugo.
Se o PP lograse continuar na alcaldía tras o paso polas urnas, Villares permitiría á dirección do PPdeG evitar o risco dunha baronía provincial cunha concentración de poder mesmo maior á que tivo Cacharro. Se a esquerda lucense volve sumar absoluta Rueda disporía dun mecanismo para encapsular o fracaso en Candia
Neste contexto, no caso de que o PP lograse continuar na alcaldía lucense tras o paso polas urnas do ano vindeiro, a presenza de Villares na primeira liña neutralizaría, para a dirección galega do partido, o risco de constitución, de facto, dunha baronía provincial cunha concentración de poder institucional e orgánico en Candia. Mesmo maior que a que chegara a acumular Francisco Cacharro Pardo.
Se, pola contra, a esquerda lucense suma nas municipais a súa oitava maioría absoluta consecutiva e, polo tanto, o PP non conserva a alcaldía que lle brindou a tránsfuga, Rueda disporía dun mecanismo para encapsular o fracaso en Candia. Quer para dirixir a Deputación se as cifras lle permiten gobernala, quer para controlar unha nova xeira no partido na provincia en vésperas de ter que activar os mecanismos para as eleccións galegas de 2028.
Mentres, en paralelo, a denunciante de Villares -que decidiu recentemente falar en público ao respecto- advirte nunha entrevista coa revista ¡Hola! de que "isto non rematou" dado que o sobresemento do caso foi provisional e non libre, "como solicitaba a defensa" do ex-conselleiro. O agora delegado lucense, pola súa banda, dá por "concluída" de vez a investigación dunha "acusación que carecía de fundamento".