Rueda nomea o ex-conselleiro Villares delegado en Lugo e remuda o xerente do Sergas

Alfonso Villares, nun acto como conselleiro do Mar co ata agora delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, a quen pasa a substituír CC-BY-SA Xunta

A Xunta sitúa o antigo titular de Mar nun posto de máxima visibilidade tras o arquivo da denuncia por agresión sexual que motivara a súa dimisión

Pasado o ecuador da lexislatura e en vésperas dun ciclo electoral que adoita implicar mudanzas no organigrama da Xunta, o Goberno galego deu o seu visto e prace a sete remudas e dous novos nomeamentos en cargos do seu segundo nivel. Algúns con máis repercusión política ca outros e todos, nun Consello marcado pola confirmación da solicitude formal da automobilística chinesa SAIC para instalarse en Ferrol e nas Pontes, que deixa en segundo plano todos os demais asuntos.

Por orde de repercusión política é posible afirmar que o nomeamento máis significativo dos aprobados este 1 de xuño é o da delegación do Goberno galego en Lugo, ata agora a cargo de Javier Arias. A Xunta pasará de agora en diante a estar representada na provincia lucense por Alfonso Villares, ex-conselleiro do Mar, apenas dous meses despois de que a Audiencia da Coruña ratificase, co arquivo da investigación, que non vía motivos para xulgado pola denuncia de agresión sexual que motivara a súa dimisión en 2025.

Reunión do Consello da Xunta, este 1 de xuño de 2026 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O propio presidente Rueda admitira días despois a súa disposición a encomendar un novo cargo a Villares, que pediu o reingreso no PP. Agora outórgalle un posto de máxima visibilidade, máis aínda en vésperas municipais, sinalando que co arquivo da causa, "a situación mudou completamente" xa que "el entendía que mentres persistise esa situación, non procedía a súa presenza no Goberno". Preguntado polas decisións ante unha eventual reapertura, dado que o arquivo foi provisional, o presidente evitou "facer futuribles", se ben agrega que "a coherencia que se amosou ata agora se seguiría mantendo.

O presidente atribúe o nomeamento dun novo xerente no Servizo Galego de Saúde á intención de "abrir unha nova etapa"

Outra delegación territorial que muda de titular é a de Pontevedra. Agustín Reguera, que chegou ao posto tras perder a alcaldía de Soutomaior nas municipais, é substituído por Pablo Fernández, ata agora Secretario Xeral de Emprego na Consellería de Emprego, posto que neste Consello ficou vacante.

Sergas: Xerencia e Primaria

Especialmente significativa, pola súa relevancia e contexto, é tamén a remuda do xerente do Sergas. Quen perde o cargo é José Ramón Parada, chegado ao posto hai dous anos, cando co cambio de conselleiro foi nomeada unha nova cúpula completa no Servizo Galego de Saúde. E quen o gaña é o oncólogo Luis León, ata agora xefe de sección no Servizo de Oncoloxía do CHUS e presidente do Comité Molecular de Tumores do Sergas. A preguntas da prensa pola posible influencia das protestas e folgas sanitarias na decisión, o presidente di "agradecer" o "traballo" a Parada e liga a remuda á vontade de "abrir unha nova etapa", algo "bo" que "facemos con toda a normalidade".

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, co agora novo xerente do Sergas, Luis León, o pasado abril nun acto contra o cancro en Boiro CC-BY-SA Xunta

En paralelo, o Consello encomenda a nova dirección xeral de Atención Primaria e Comunitaria a Salvador Mariño-Ageitos, ata agora director asistencial na Área Sanitaria de Ferrol. A mesma xuntanza aprobou a creación desa nova dirección, que o Goberno encadra na "reforma integral" da Atención Primaria.

A vaga de substitucións atinxe tamén a Igualdade, o Porto de Ferrol e Seaga nun Consello que encomenda o comisariado do Xacobeo 2027 a un xornalista da máxima confianza de Rueda

Os movementos chegan tamén a outra área social. Eloína Injerto, dende 2024 directora da FUNGA, a fundación coa que a Xunta tutela máis de 3.000 persoas adultas, é nomeada directora xeral de Promoción da Igualdade en substitución de María Quintiana, antiga asesora de Rueda e primeira titular do posto tras a división en 2024 da antiga Secretaría Xeral de Igualdade en dúas direccións xerais dependentes da Consellería de Política Social.

Alén das áreas sociais, Rueda confirmou tamén a designación de José Antonio Álvarez como novo presidente da autoridade portuaria de Ferrol nun momento especialmente relevante para a terminal por mor do proxecto de SAIC. Álvarez era ata agora presidente de Portos de Galicia, o ente que xestiona os peiraos competencia da Xunta, cargo que non foi cuberto neste Consello. Ao tempo, a Consellería do Medio Rural confirmou -neste caso, o nomeamento compete ao consello de administración- que cambia de mans a xerencia da empresa pública Seaga, dirixida de agora en diante por Martín Martínez Abal, director técnico da compañía dende a creación polo Goberno de PSdeG e BNG en 2007 

Ademais, o Goberno galego escolleu o comisario do Xacobeo 2027. Encarga este labor a Marcos Gómez Román, xornalista que foi xefe de prensa da Consellería da Presidencia, con Rueda como conselleiro de 2009 a 2020, cando ascendeu a xefe de comunicación do presidente, aínda con Feijóo, que o levou consigo a Madrid para exercer un posto semellante no PP estatal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.