O vindeiro sábado o PP galego comeza a súa xeira de congresos provinciais coa reelección de José Manuel Baltar como líder do partido en Ourense. O congreso ourensán ten un único candidato igual que o de Pontevedra, con Alfonso Rueda, e o da Coruña, no que só Diego Calvo aspira a suceder a Carlos Negreira tras a ruidosa retirada do controvertido exdeputado Javier Escribano. Neste contexto, o único conclave con máis dunha candidatura, o de Lugo, chega á súa recta final coa tensión interna subindo varios graos tras a denuncia de fraude lanzada dende Sarria por un grupo de afíns a Raquel Arias, considerada a candidata máis próxima a Feijóo, que compite polo posto con Elena Candia, expresidenta da Deputación e alcaldesa de Mondoñedo.
O conflito, latente dende que Candia se impuxo na elección de compromisarios na votación do 22 de febreiro, estourou a comezos desta semana, cando o grupo de afiliados nucleados en torno ao edil sarrián Manuel Sangil inseriron na prensa local un anuncio que, asinado por Cincuenta afiliados del PP, denunciaban que se "prohibira" que "militantes históricos" do partido votaran no proceso congresual. "Por que se nos prohibiu o voto? Por pedir un cambio? Por pensar diferente?", cuestionaban, ao tempo que advertían de que "as feridas" deste episodio "van tardar moito en cicatrizar" polo veto á participación, aseguraban, de 135 militantes dos arredor de 600 na vila.
Os afiliados críticos publicaron un anuncio na prensa denunciando que lles impediran votar
"O PP en Sarria chegou a extremos perigosos e con esta fraude electoral, moito máis", subliñaba o anuncio sobre un suceso que a dirección provincial do partido atribúe á falta de pagamento de cotas por parte dos afiliados que non puideron votar. Os cartos pendentes, uns 1.600 euros, foron achegados por Sangil na sede provincial do partido, onde lle foron aceptados e despois, rexeitados. Ante este desbotamento, segundo relatou o propio Sangil, decidiu depositar o diñeiro ante un notario que, asemade, certificou a prohibición de votar. Sobre ese documento este grupo de militantes valoran xa impugnar legalmente a elección de compromisarios, segundo recolle El Progreso.
O grupo sarrián estuda impugnar o proceso, no que compiten pola presidencia Elena Candia e Raquel Arias
A posible elevación aos tribunais de Xustiza do proceso congresual do PP de Lugo tensa aínda máis o enfrontamento entre partidarios de Candia e Arias. Espalla tamén pola provincia lucense o conflito interno do PP sarrián, protagonizado polo grupo de Sangil, por unha banda, e por afíns do exalcalde José Antonio García, un dos homes fortes do fugaz goberno de Elena Candia na Deputación provincial. Á Deputación, precisamente, está a afectar tamén este proceso, xa que os populares teñen paralizada de facto a negociación dos orzamentos co goberno que dirixe o socialista Darío Campos -en minoría por mor do alcalde de Becerreá, Manuel Martínez- ata a fin do congreso.
Neste crispado ambiente a dirección provincial saínte continúa ultimando os detalles da cita do vindeiro domingo, na que a Mesa do congreso estará presidida pola exconselleira Manuela López Besteiro. O comité organizador, encabezado por José Manuel Balseiro, subliña que este congreso pode ser considerado "unha cita histórica", tanto "porque concorrerán dúas candidatas" como porque Candia ou Arias vanse converter, ao suceder a José Manuel Barreiro, "na primeira muller que presida a formación política popular na nosa provincia".