O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou este mércores, na sesión de control á Xunta no Parlamento, o clientelismo do PP co recente plan de 25 novas residencias de maiores anunciado pola Consellería de Política Social. O socialista salientou que 23 delas prevense en concellos gobernados polo PP, ao que Rueda respondeu asegurando que traballa "pola igualdade de todos os galegos".
O líder socialista salienta que 23 dos 25 novos centros de maiores anunciados por Política Social estarán en concellos do PP, mentres o presidente tenta desviar o debate para criticar a Pedro Sánchez
Besteiro comezou a súa intervención criticando que para o PP "os dereitos se cifran en onde vives ou a quen votas", e lamentou a falta de servizos e moitos núcleos rurais galegos. Tamén criticou que a Xunta "nega recursos a aqueles concellos que non goberna o PP" mentres destina aos municipios populares "máis de 200 millóns de euros en convenios directos". Pero fundamentalmente o socialista puxo o foco no novo plan de residencias, do que ademais de criticar que vaian principalmente a concellos do PP tamén censurou que o 40% das súas prazas serán "privadas".
Rueda comezou a súa resposta a Besteiro criticando ao Goberno de España por supostas aldraxes a Galicia en cuestión de transporte ou financiamento e asegurou que, fronte a Pedro Sánchez, desde o Goberno galego "traballaremos para garantir a igualdade de todos os galegos".
A resposta de Rueda fixo que Besteiro lle afease que a deste mércores no Parlamento de Galicia "parece unha sesión de control en Madrid, renunciou vostede a exercer como presidente e trasladou ese poder a Feijóo". Unha crítica á que Rueda retrucou que "ninguén defende a Pedro Sánchez como vostede". "En canto cambie o Goberno todo será moito máis fácil", rematou o presidente da Xunta.