Política Social impulsa 24 residencias de maiores nas que cederá 700 prazas para explotación privada

Rueda coa conselleira de Política Social este luns e emprazamento das 24 residencias CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Tras deixar en mans de Amancio Ortega a construción de residencias nas cidades, agora a Xunta quere "colaboración público-privada" para crear en vilas 1.800 prazas das que só un milleiro serán públicas, unha décima parte do que se precisa

En 2017 o daquela presidente Feijóo anunciaba que a Xunta construiría unha nova residencia de maiores en cada unha das sete cidades galegas que sumarían 900 novas prazas públicas. Esas residencias aínda están a ser executadas como unha doazón pola Fundación Amancio Ortega e a Consellería de Política Social está a privatizar a xestión das que se van poñendo en servizo. Agora, unha década despois daquel anuncio, a Xunta anuncia 24 novas residencias para vilas e concellos pequenos cun total de 1.800 novas prazas, pero quere facelas "mediante unha fórmula de colaboración público-privada" coa que algo máis dun milleiro das prazas serán de titularidade pública fronte a 700 que serán cedidas para a explotación privada. 

Ademais, as prazas públicas tamén poderían ser xestionadas por empresas privadas, como fixo a Xunta coas novas residencias nas cidades. E en todo caso o milleiro delas anunciadas apenas supón unha décima parte das necesidades reais de prazas en residencias de maiores que calcula o sector que se precisan en Galicia. 

Coa construción en marcha das sete residencias das cidades doadas pola Fundación Amancio Ortega, a Valedora do Pobo advertiu de que as súas 900 prazas "serán insuficientes". Unha carencia que a Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais cifra en 11.500 prazas máis necesarias en Galicia para chegar ao mínimo recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en función da poboación maior. Porque as 25.000 prazas de maiores xa existentes en Galicia sitúan o país á cola de España, con 3,4 prazas pro cada 100 persoas maiores de 65 anos, fronte á media estatal de 4 e a recomendación da OMS de 5.

A Xunta vén entregando a xestión de prazas públicas a empresas privadas co argumento de que non ten persoal para atendelas pero si cartos para subcontratalas

Neste contexto chegan as 1.800 prazas agora anunciadas pola Xunta a través dun plan que as reparte por vilas que ata agora non contan con prazas públicas para persoas dependentes de graos II e III. Segundo avanzou este luns o Goberno galego, "este proxecto desenvolverase mediante unha fórmula de colaboración público-privada na que a Xunta garante que como mínimo o 60% das novas 1.800 prazas sexan de titularidade pública autonómica". Isto é, 1.080 das prazas serían de titularidade pública e 720 privadas, á espera de coñecer o mecanismo concreto de licitación das obras e xestión de cada centro. 

Ademais, as 1.080 prazas de titularidade pública poderían ser á súa vez entregadas pola Xunta para a súa xestión de xeito privado, como vén facendo o Goberno galego con numerosos centros co argumento de que ten cartos pero non persoal para xestionalas directamente.

As novas 24 residencias repartiranse por todo o país por pares, ligando en cada caso un centro de máis de cen prazas con outro denominado "satélite" de menor tamaño e situado "nun concello próximo para optimizar os recursos". Segundo a Xunta, agora os concellos elixidos, a maioría deles gobernados polo PP, teñen un mes para adherirse ao plan, que implica que sexan eles quen cedan os terreos nos que instalar cada centro, o que deberán facer despois nun prazo máximo dun ano. Se non sucede así, a Xunta valorará outros emprazamentos. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.