Escanos en xogo e prensa do corazón no sexto día da campaña do 29N

CC-BY-NC-SA Praza.gal
  • Feijóo, entrevistado no podcast 'El sentido de la birra' © ESDLB

    Feijóo contempla "por suposto" unha "derrogación total ou parcial" da Lei de Eutanasia se goberna tras o 29N

    O ex-presidente Feijóo abre a porta a "derrogar" a Lei de Eutanasia de maneira "total ou parcial" se goberna tras o 29N. O líder do PP foi entrevistado no podcast El sentido de la birra e, ao ser preguntado ao respecto, reiterou a súa oposición a esta norma, coa que "non" está de acordo. "Esa modificación pode ser unha derrogación total ou parcial? Por suposto", afirma Feijóo no transcurso da entrevista, no que entre outras cuestións tamén afirmou a existencia de "fascismo de dereitas e de esquerdas"

  • Feijóo, comparecendo como presidente tras un Consello da Xunta. De fondo, certificado da aprobación do pago dun millón polo informe da fusión das caixas CC-BY-NC-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

    Auditorías Feijóo: do "buraco" ao millón de euros para xustificar a fusión das caixas

    A promesa dunha "auditoría ás contas públicas" se goberna en España remite por enésima vez á estratexia de oposición do ex-presidente en Galicia, pero tamén a unha das súas decisións máis controvertidas tras volver á Xunta: pagar sen facelo público 1,03 millóns de euros por un informe para impulsar a fusión de Caixa Galicia e Caixanova. A consultora KPMG, autora do traballo, reiterou anos despois que o elaborado non fora unha "auditoría" nin "avalaba" a fusión, como asegurara o Goberno do agora líder estatal do PP. Seguir lendo

  • Recta final para pedir o voto por correo: o prazo finaliza este xoves, día 19

    Este xoves, 19 de novembro, finaliza o prazo para solicitar o voto por correo nas eleccións xerais do día 29. Pódese pedir presencialmente nas oficinas de Correos ou no seu web. Dende o día 19 Correos está a remitir as papeletas ao electorado que solicitou participar por esta vía con cadanseu certificado de inscrición censual.

    O prazo para enviar o voto postal está aberto -agás ampliacións de última hora- ata o día 25. Na propia xornada electoral, as papeletas emitidas por esta vía mestúranse nos colexios electorais con todas as demais. Nas xerais de 2023 o voto por correo disparárase en Galicia ata duplicar as da anterior convocatoria (2019), ata superar as 146.000 nun contexto marcado polas datas nas que se celebraran os comicios, en pleno verán.

    Resumo do calendario do voto por correo nas eleccións xerais do 29N CC-BY-NC-SA Praza.gal
  • Olalla Rodil, cabeza de cartel do BNG por Lugo, no debate de laSexta este 17 de novembro. Á dereita da imaxe, Tesh Sidi, da Fronte Ampla © laSexta

    Rodil defende no debate de 'La Sexta' a política de vivenda do BNG en contraste coa de Feijóo

    A cabeza de cartel do BNG por Lugo ás xerais, Olalla Rodil defende no debate electoral celebrado por La Sexta este martes as políticas de vivenda da formación nacionalista en contraste coas de Feijóo. O ex-presidente, resaltou a candidata lucense, "derrogou" ao chegar á Xunta a protección permanente da vivenda pública que aprobara a Consellería de Vivenda dirixida polo BNG: "Desprotexeu esa vivenda e púxoa no mercado para seguir fomentando a especulación".

    Neste contexto, Rodil advertiu no transcurso do debate de que abordar o problema da vivenda "non consiste só en poñer máis oferta" porque "construír non significa directamente que se vaia poder pagar". Así, resalta, o BNG defenderá tamén na vindeira lexislatura estatal "acompasar varias políticas", dende impulsar "nova vivenda protexida" con ese carácter permanente ata "alugueiros accesibles, non só para persoas en situación de vulnerabilidade" e "mobilizar vivenda baleira". No debate participaron o PSOE, Fronte Ampla, PNV, Podemos, Coalición Canaria e o propio BNG. PP e Vox decidiron non acudir.

  • Portada da revista 'Lecturas' coa entrevista a Pedro Sánchez e mitin do PP en Pontevedra © Lecturas | PPdeG

    Rueda mófase da entrevista de Sánchez na revista 'Lecturas'

    Pedro Sánchez concede unha entrevista á revista do corazón Lecturas  e Rueda mófase del no mitin dentral do PP en Pontevedra. "Dice que no puedo vivir sin Begoña, y a nosotros qué nos cuenta", reprochou o presidente e líder do PPdeG, que tamén atribuíu a Sánchez permisividade con prácticas corruptas: "Ten un problema cos seus colaboradores máis estreitos, era o único que ía no coche e non se enteraba de nada"

  • Feijóo e Abascal reunidos en 2023 e vídeo no que a popular Ana Vázquez admite que o PSOE pode obter grazas á fuga de votantes populares a Vox máis escanos en Lugo e Ourense CC-BY-SA imaxe: PP | Montaxe: Praza.gal

    O PP xa admite a posibilidade de perder escanos en Lugo e Ourense a prol do PSOE

    Os populares, que estaban a centrar a súa campaña na Coruña para acadar alí un quinto escano, ven que o ascenso de Vox pode quitarlles o terceiro escano nas provincias orientais para darllo ao PSOE e xa apelan a concentrar o "voto útil". Seguir lendo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.