A promesa dunha "auditoría ás contas públicas" se goberna en España remite por enésima vez á estratexia de oposición do ex-presidente en Galicia, pero tamén a unha das súas decisións máis controvertidas tras volver á Xunta
"Farei unha auditoría ás contas públicas de España. Non creo os datos". Esta está a ser unha das ideas-forza que nos últimos días o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo está a trasladar en diversos mitins de campaña como candidato do PP ás eleccións xerais do 29 de novembro e tamén nunha das entrevistas que, a priori, pode ter maior eco internacional, a concedida á edición española de Político.
Poñer en cuestión as principais institucións por non estar o PP é unha das múltiplas estratexias que o equipo de Feijóo empregou en Galicia mentres exerceu a oposición ao Goberno de PSdeG e BNG (dende que substituíu a Fraga en 2006 e ata que gañou a Xunta en 2009) e que está a replicar para España. Tanto no que atinxe ás contas públicas como aos golpes de efecto pola vía de "auditorías" que, no caso galego, acabaron por non ser tal.
No referido ás contas públicas, en cuxa supervisión o candidato do PP obvia agora o papel de entidades clave como a Intervención Xeral do Estado ou mesmo da Comisión Europea, Feijóo dedicara gran parte dos seus primeiros tempos como presidente da Xunta a denunciar o que o seu gabinete enmarcara coma un "burato". Unha falla de máis de 1.000 millóns nos Orzamentos da Xunta que atribuía a PSdeG e BNG.
O Goberno de Feijóo presentou o informe contratado a KPMG como unha "auditoría" que "avalaba a solvencia" da unión de Caixa Galicia e Caixanova malia non ser tal
En realidade, o tal burato non era outra cousa ca unha diferenza entre a correlación de ingresos e gastos prevista polo Executivo de socialistas e nacionalistas antes da caída de Lehman Brothers e o inicio definitivo da gran recesión e os fondos que realmente acabaron chegando do Estado. Foran menos dos previstos por todas as partes por mor da caída da recadación pública provocada, precisamente, por esa crise económica e financeira internacional.
"Auditoría", en sentido literal, foi tamén o anunciado por Feijóo pouco despois de chegar ao Goberno galego para dar soporte a unha das súas bandeiras políticas da época: o aval á fusión de Caixa Galicia e Caixanova. Isto é, á operación para unir as daquela grandes caixas de aforro galegas que despois deu lugar a Novacaixagalicia, quebrada e rescatada con 9.000 millóns de euros públicos dados por perdidos.
En xaneiro de 2010 o Executivo de Feijóo anunciou que "a auditoría externa encargada pola Xunta de Galicia a KPMG avala a solvencia da fusión das caixas galegas", pero sen facer público o documento ao que se refería. En realidade, como reiterou a propia consultora en varias ocasións durante os anos seguintes -no marco das investigacións políticas sobre o fracaso de Novacaixagalicia-, o elaborado non fora unha auditoría, senón un informe con datos fornecidos polas propias entidades, un "diagnóstico" que non implicaba "aval" á fusión.
A consultora KMPG, á que o Goberno de Feijóo aprobou pagar 1,03 millóns polo informe sen facelo público, reiterou anos despois que o elaborado non fora unha "auditoría" nin "avalaba" a fusión, como asegurara a Xunta
Por aquel informe o Goberno de Feijóo pagara 1,03 millóns de euros. O pagamento aprobárao o Consello da Xunta na súa reunión do 30 de decembro de 2009, nunha reunión de formato excepcional por un motivo ben diferente: tratara un informe sobre o futuro decreto co que, dixera o líder do PP, o seu Executivo se dispuña a acabar coa "imposición" do galego nas aulas. Nin na referencia pública sobre os asuntos tratados naquel Consello nin nas declaracións posteriores de Feijóo houbera mención ningunha a que se aprobara "autorizar a validación dos gastos orixinados na Consellería de Facenda pola contratación da elaboración dun diagnóstico preliminar sobre a viabilidade da fusión".
O gasto comprometérao a Consellería de Facenda con KMPG o día 22 do mesmo mes para sufragar uns traballos que a consultora estaba realizando dende vinte días antes. Con todo, os detalles do pagamento permaneceron en segredo durante case unha década, ata que o daquela deputado de En Marea Antón Sánchez levou a Xunta aos tribunais ante a reiterada negativa de lle entregar no Parlamento diversos documentos sobre o papel da Xunta na fusión das caixas. Entre os papeis negados estaba o certificado que, asinado por Feijóo e por Alfonso Rueda -daquela actuando como secretario do Consello por ser conselleiro de Presidencia-, daba o visto e prace a pagar a factura de KMPG por vía de "emerxencia".
Aínda que non presentado como auditoría, senón como "estudo concienzudo", o aval da Xunta de Feijóo á despois quebrada fusión das caixas apoiouse tamén en, cando menos, outro encargo externo máis. O contratado por algo máis de 20.000 en outubro de 2009 a Equipo Económico, o despacho de asesoramento fundado polo ex-ministro Cristóbal Montoro situado na cerna dunha investigación aínda aberta por supostas prácticas corruptas