A marcha de Pedro Puy, home clave do PPdeG para redactar as conclusións, súmase a reiteradas paralizacións da comisión que BNG e PSdeG atribúen ao desexo dos populares de ocultar o que pasou coas caixas
Hai agora unha década, durante o verán de 2013, o Parlamento de Galicia acolleu as comparecencias dos principais dirixentes das antigas caixas de aforros galegas e cargos políticos implicados na súa xestión e supervisión. Foron citados para responder as preguntas da comisión de investigación aberta para pescudar as responsabilidades sobre a desaparición desas entidades, unha comisión que dez anos despois nunca chegou a emitir as súas conclusións polo desinterese do PPdeG, cuxa maioría é clave para o impulso ou parálise dos seus traballos.
Pero agora a comisión non só acumula tres anos de parálise tras a súa última reapertura en outubro de 2020, ao comezo desta lexislatura, senón que tamén vén de quedar orfa coa marcha do Parlamento de dous deputados do grupo popular fundamentais para o seu impulso: o seu último presidente, José Manuel Rey Varela, e, sobre todo, a persoa chamada a validar -mesmo a redactar da súa man- as conclusións, o ata agora portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, home de confianza de Feijóo que vén de marchar con el ao Congreso dos Deputados.
Ante a marcha de Puy, o novo portavoz popular, Alberto Pazos Couñago, atribuíu este luns a "cuestións organizativas do grupo" que aínda non se saiba quen o vai substituír na investigación das caixas. Mentres, BNG e PSdeG coinciden en atribuír a parálise da comisión a un desexo do PPdeG de ocultar o que pasou coas caixas galegas.
A investigación iniciouse a finais de 2012, dous anos despois da fusión das caixas e cando xa eran un banco rescatado, pero en 2014 o PP paralizouna e aínda que foi reaberta en 2017 e 2020 na práctica non avanzou e nunca emitiu conclusións
A investigación política sobre as caixas galegas comezou a finais de 2012, cando o PP finalmente aceptou varias peticións ao respecto da oposición e, un mes despois de que Feijóo revalidase a súa maioría absoluta nas eleccións de outubro, en novembro decidiu pedir el mesmo unha comisión "para analizar e avaliar a evolución económico-financeira das antigas caixas de aforros e as causas e responsabilidades da súa actual situación, incluíndo as indemnizacións millonarias dos seus ex-directivos".
Para daquela, o resultado da fusión apenas dous anos antes, en 2010, de Caixanova e Caixa Galicia, a chamada Novacaixagalicia, xa era un banco rescatado cuns 9.000 millóns de euros de fondos públicos. Novagalicia Banco agardaba por unha venda que o Goberno de España de Mariano Rajoy desexaba que fose rápida e que concluíu, a finais de 2013, coa poxa gañada polo venezolano Banesco por apenas mil millóns de euros.
Polo medio, durante os meses centrais daquel 2013 o Parlamento acolleu as comparecencias máis relevantes da comisión de investigación, con intervencións como as de José Luis Méndez e Julio Fernández Gayoso ou revelacións a respecto do esgrimido pola Xunta como unha "auditoría" da consultora KPMG que "avalaba" a fusión -en realidade, nin era unha auditoría nin apoiaba a unión de ambas entidades-.
Pero uns meses despois, en vésperas das eleccións europeas de 2014, o PP decidía paralizar a comisión (para "arrefriar o debate", argumentaran posteriormente). A comisión xa non volvería ata xaneiro de 2017, na lexislatura seguinte, e non tardou en ser freada de novo. E o mesmo pasaría na actual lexislatura. En outubro de 2020 o PP aceptaba reabrir a comisión para "rematar os traballos realizados" nas dúas anteriores lexislaturas pero desde aquela, hai tres anos, non se moveu un papel.
Ao despedirse do Parlamento hai unhas semanas Puy lamentou non ter rematado o ditame das caixas, pero deu o asunto por "superado" e mesmo considerou necesario que os deputados conten con "algo máis de axuda" por parte do persoal técnico do Parlamento
E agora a propia comisión vén de quedar descabezada. A persoa clave para determinar as súas conclusións ante a maioría absoluta que ostenta o PP sempre foi Pedro Puy, que vén de marchar con Feijóo ao Congreso dos Deputados. Hai unhas semanas, ao despedirse do Parlamento, a Puy preguntáronlle se non tiña pena de marchar sen que haxa aínda ditame sobre as caixas. O popular dixo que esa era unha das cuestións que lamenta "non ter rematado", pero rebaixou a súa importancia asegurando que o que pasou é un asunto "superado" que xa non se pode repetir e que agora o sistema financeiro "goza de excelente saúde". Pero tamén lamentou que os deputados galegos non teñan "algo máis de axuda ou auxilio" por parte do persoal técnico do Parlamento como ao seu ver si hai no Congreso.
Puy era a persoa clave no PPdeG para as conclusións da investigación ás caixas, pero o mero funcionamento da comisión quedou condicionado con outras varias marchas nos últimos meses froito fundamentalmente das eleccións municipais ás que se presentaron varios deputados e deputadas. A comisión das caixas está formalmente constituída na actualidade por un presidente do PP que xa non está no Parlamento, o agora alcalde de Ferrol José Manuel Rey Varela, secundado como vicepresidenta pola tamén popular Guadalupe Murillo e como secretario polo nacionalista Ramón Fernández Alfonzo.
Canto aos vogais, dos cinco representantes do PP tres deixaron igualmente o Parlamento: o antedito Pedro Puy así como as deputadas Marta Nóvoa e Sandra Vázquez, ficando só Teresa Egerique e Cristina Sanz. Por parte do BNG seguen formando parte da comisión Ana Pontón e Noa Presas, pero tamén no PSdeG houbo saídas, ficando Pablo Arangüena pero marchando igualmente Juan Carlos Francisco Rivera.
O PPdeG remite a substitución de Puy a "cuestións organizativas do grupo que imos abordar nas próximas semanas", mentres que BNG e PSdeG cren que hai unha "vontade de dilación" por parte dos populares
Ante esta situación, este luns Praza.gal preguntou ao novo portavoz parlamentario do PPdeG se xa ten nomes para substituír a Puy e Rey Varela e se agarda que haxa conclusións nos meses que restan de lexislatura. A resposta de Alberto Pazos Couñago foi remitir a substitución de Puy a "cuestións organizativas do grupo que imos abordar nas próximas semanas". Pazos defendeu ser "prudente e discreto" ao non facilitar nomes "antes de que esa persoa" asuma a súa nova responsabilidade. Tamén asegurou que "moitas das conclusións estaban moi adiantadas" e dixo agardar que "haxa unha vontade [por parte da oposición] de que se materialicen a través do consenso".
Porén, a visión da oposición é distinta. Para Noa Presas, representante do BNG na comisión, "cumpríronse as peores previsións que tiñamos cando se reabriu en 2020". "Diciamos que a ver se á terceira ía a vencida, pero a realidade é que o único interese do PP era deixar pasar os anos para que non se saiba o que pasou", lamenta a nacionalista, para quen "a dificultade do asunto non pode ser escusa para non ter aínda conclusións dez anos despois, porque nas comisións de investigación hai flexibilidade para que as conclusións poidan ser máis técnicas ou máis políticas".
Similar crítica lanza Pablo Arangüena, representante do PSdeG na comisión. "Hai unha clara vontade de dilación, de ocultación do que pasou", di o socialista, que avanza a súa intención de presentar de xeito inmediato unha iniciativa solicitando que se reactiven os traballos.