Había meses que múltiples decisións do Goberno de España que presidía Mariano Rajoy deixaran claro que a escapada rematara. Novagalicia Banco, entidade resultante da bancarización de Novacaixagalicia, a fusión de Caixa Galicia con Caixanova, non ía saír do rescate pola mesma porta na que entrara. Ía saír poxada e sería o que quixese o banco externo que a mercase, sen influencia real ningunha da Xunta, que perdera toda a capacidade de supervisión que legalmente tiña sobre as caixas cuxa unión impulsara e mesmo forzara.
Entre o Nadal de 2012 e o Aninovo de 2013, o Estado asumiu 5.000 millóns de 'ladrillo tóxico' que Novagalicia Banco 'herdara' de Caixa Galicia e Caixanova e ratificou que os investidores chamados a salvar Novacaixagalicia perderían todo
Os sinais eran moitos, pero houbo dous hai agora xustamente dez anos que deixaron claro o que ía pasar e que soterraron de vez o lema de "solvencia e galeguidade" co que o Goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo patrocinara a fusión que o Banco de España tamén avalara. En días coma os actuais, de arrecendo vacacional e festivo entre Nadal e Aninovo, a sociedade galega coñecía a factura das alegrías inmobiliarias das antigas grandes caixas e tamén o descarrilamento definitivo do plan para manter Novagalicia como entidade independente apoiada en parte do gran empresariado galego.
O primeiro fito do que agora se fan dez anos chegou o 26 de decembro de 2012. Nunha breve nota, NCG Banco S.A. comunicaba á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que xa cumprira coa obriga de transferir á Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria (Sareb) os seus activos inmobiliarios considerados tóxicos. Traducido: o banco malo asumira de Novagalicia Banco activos como solo, hipotecas, edificios e pisos herdados das antigas caixas por importe de 5.096,9 millóns de euros "coa garantía irrevogable do Estado español" a cambio de recibir a inxección principal do rescate, 5.425 millóns de cartos públicos.
Tras a inxección de máis de 5.000 millóns públicos, o principal montante do rescate, Novagalicia asumiu obrigas como 'adelgazar' en persoal e estrutura ou que os preferentistas perdesen parte dos seus cartos. Un ano despois, os restos das caixas foron adxudicados por 1.000 millóns ao venezolano Banesco
Tras esa operación, admitía a entidade, quedaba claro que o banco rescatado -na altura, Novagalicia estaba participada polo Estado nun 97%- ía ser "privatizado" e mentres, as autoridades ían garantir que a entidade "centrase o negocio e actividade no perímetro actual da marca", en Galicia mentres adelgazaba en persoal, filiais ou participacións empresariais. Tamén mentres as persoas ás que colocara participacións preferentes perdían gran parte dos seus cartos.
Só vinte e catro horas despois, o 27 de decembro de 2012, chegaba o segundo sinal. O Fondo de Reestrutucturación Ordenada Bancaria (FROB), o ente creado polo Estado para rescatar as entidades quebradas, ratificaba outra das consecuencias da recapitalización de Novagalicia cos devanditos 5.000 millóns públicos. Novacaixagalicia -entidade resultante da fusión, que legalmente aínda existía- non ía pintar nada no futuro do banco e as empresas galegas que achegara uns 70 millóns de euros para investir no banco -impulsados por, entre outros, o daquela presidentes da Xunta e de NCG, Feijóo e José María Castellano- íano perder todo. Ademais, avanzaba o FROB, os 1.162 millóns de preferentes que o Estado mercara para facilitar a fusión converteríanse en capital do banco que ía ser poxado.
Tanto os preferentistas como os empresarios que accederan a investir en Novagalicia víronse abocados a recorrer á Xustiza para tentar recuperaren os seus cartos, obtendo resultados dispares. Mentres, os restos das caixas continuaron camiño ata que en 2013 foron adxudicados por 1.000 millóns ao banco venezolano Banesco, que os converteu en Abanca. Unha década despois, o Banco de España deu por perdidos uns 9.000 millóns do rescate e a entidade presidida por Juan Carlos Escotet segue a sumar éxitos, beneficios -ata o terceiro trimestre deste 2022 levaba gañados case 150 millóns- e expansión coa compra doutros bancos.