A Xunta de Feijóo contratou ao despacho de Montoro un informe co que aguilloou a fusión das caixas

Xuntanza de Feijóo e Currás cos responsables de Caixa Galicia e Caixanova en novembro de 2009 e relación de contratos con Equipo Económico enviada por Facenda ao Parlamento CC-BY-NC-SA Praza.gal

O Goberno galego contratou entre 2009 e 2011 trece informes ao despacho que fundou o ex-ministro, no centro da investigación por presunta corrupción, que suman algo máis de 172.000 euros

No ano 2006 o que fora ministro de Facenda no Goberno de José María Aznar, Cristóbal Montoro, funda o despacho chamado Montoro y Asociados Asesores S.L, especializado no asesoramento en materias económicas. En 2008 a empresa pasa a denominarse Equipo Económico, cadrando cunha serie de movementos internos que pasan pola saída formal da compañía de quen volvería ser ministro de Facenda co PP de Mariano Rajoy.

Que esa desvinculación fose real é, como publicou El Periódico de Catalunya, unha das dúbidas da Fiscalía Anticorrupción nas súas pescudas en torno ao que o xuíz do caso define como "trama, organización ou operativa" que, cren os investigadores, se dedicaba a influír na elaboración de leis por parte do Goberno de España cando Montoro volveu estar nel. Estas revelacións sobre o caso puxeron o foco nos últimos meses, entre outros aspectos, nos gobernos de diversos niveis que contrataron os servizos de Equipo Económico. 

Un deles deses gobernos foi o galego. Con, cando menos, 13 contratos que sumaron algo máis de 172.000 euros entre 2009 e 2011, isto é, dende que o PP retornou á Xunta ata o ano en que o partido conseguiu regresar ao Goberno de España. Un deles, por importe de 20.880 euros -IVE incluído- foi un "informe sobre a situación económico financeira actual das caixas galegas", empregado polo daquela novo presidente, Alberto Núñez Feijóo, para aguilloar politicamente a Caixa Galicia e Caixanova cara ao que despois foi a súa fracasada fusión.

Segundo a relación entregada por Facenda ao BNG, un dos traballos encargados centrouse na "situación económico financeira" de Caixanova e Caixa Galicia nas semanas en que Feijóo comezou a pular por que se unisen esgrimindo un "estudo concienzudo" ao respecto

Tras o levantamento do segredo de sumario sobre o Caso Montoro e a súa transcendencia a diversos medios de comunicación o BNG solicitou formalmente no Parlamento "copia de todos e cada un dos informes solicitados por parte do Goberno galego a Equipo Económico dende o ano 2009 e copia da información na que conste a contía económica aboada, a persoa responsable do seu encargo e as datas nas que solicitou". A finais do pasado agosto a Xunta remitiu unha resposta que, se ben non atende integramente o reclamado polo Bloque, si amosa datos significativos.

O achegado pola Xunta é unha listaxe elaborada pola Consellería de Facenda cos devanditos trece traballos encomendados a Equipo Económico, as datas da súa contratación, os conceptos das facturas e os seus importes, que suman 172.838 euros. O primeiro é un informe datado apenas tres meses despois da toma de posesión de Feijóo como presidente, en xullo de 2009, e foi contratado pola Presidencia da Xunta por 15.080 euros para un informe sobre "medidas para atraer inversión a Galicia".

Feijóo, con Gayoso e Méndez na xuntanza de 2009 onde entregou o "concienzudo" informe sobre a situación de ambas entidades © Xunta

O segundo, con data de 21 de outubro dese mesmo 2009, ten como concepto o pagamento por parte de Facenda dunha factura emitida o día 9 dese mes polo devandito informe "sobre a situación económico financeira" das caixas por case 21.000 euros. A factura foi pagada o 16 de novembro, apenas dez días antes de que Feijóo sentase á mesma mesa o daquela presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso, e mais o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, para instalos a preservar a "solvencia e galeguidade" das súas entidades, para o que a Xunta defendería a fusión como mellor plan.

Tras aquela xuntanza, celebrada na área de Goberno do Parlamento, Feijóo explicara que para sustentar a súa postura facilitara a Méndez e Gayoso un "estudo concienzudo" da Xunta sobre as dúas caixas que ía ser "contrastado no prazo dunha semana coas caixas e cun mediador que será a conselleira de Facenda". A conselleira era Marta Fernández Currás, que exercería o cargo con especial protagonismo na fusión das caixas ata que en 2011 Cristóbal Montoro a nomeou secretaria de Estado de Orzamentos no novo Goberno de Mariano Rajoy. 

A Xunta di ao BNG que non ten "nada que ocultar"

Facenda di que Equipo Económico concluíu "cinco alternativas" para as caixas "sen decatarse por ningunha"

Estes encargos da Xunta a Equipo Económico regresaron á actualidade este pasado xoves a través dunha pregunta do BNG no Parlamento. A deputada Noa Presas, autora da solicitude de documentación, puxo o foco da súa esixencia de explicacións especialmente no informe relativo ás caixas de aforro, ante o que o secretario xeral da consellería de Facenda, David Cabañó, se limitou a indicar que o documento "recompila datos" de ambas caixas, "fai unha análise dos seus indicadores" e "ante o máis que previsible escenario de movementos que se estaba a producir conclúe cinco alternativas sen decantarse por ningunha". 

O secretario xeral da consellería de Facenda, David Cabañó, nunha comparecencia no Parlamento e Noa Presas, deputada do BNG, este 11 de setembro na Cámara CC-BY-NC-SA Xunta | BNG

Previamente Cabañó limitara a súa resposta a ler a táboa coa relación de contratos que a Consellería xa remitira ao BNG e concluíu asegurando que o Goberno non ten "nada que ocultar" a respecto dos seus contratos con Equipo Económico, os cales cumpriron todos os requisitos legais, salienta. Presas, pola súa banda, considera "estraño" que en máis dunha década de debates e pescudas políticas e xudiciais sobre a fusión das caixas nunca saíse á luz ese informe e a Xunta non o enviase ao Parlamento co resto da documentación da inconclusa comisión de investigación sobre a creación e quebra de Novacaixagalicia.

Presas acudirá á Consellería para consultar os documentos e advirte de que o BNG vai "empregar todos os recursos políticos e legais para obter unha copia" de todos se, como noutras ocasións, a Xunta tenta evitar a súa difusión 

Entre a documentación que foi abordada nesa comisión si estiveron papeis relativos ao informe encargado pola Xunta a KPMG sobre a fusión das caixas. O traballo, presentado polo Goberno galego como unha "auditoría" malia non ser tal -como acreditaría posteriormente a consultora-, foi sufragado polo gabinete de Feijóo con 1 millón de euros e a empresa elaborouno dende principios de decembro de 2009, isto é, escasas semanas despois de que o despacho fundado por Montoro achegase o seu informe.

Neste contexto, e despois de que na súa resposta escrita a Consellería de Facenda indicase que o BNG pode desprazarse a San Caetano para consultar os informes, Presas ratifica a súa intención de acudir á sede da Xunta. Advirte, non obstante, de que o Bloque non se conformará se como noutras ocasións a Xunta "induce a asinar un compromiso de confidencialidade" ou dá en "non permitir facer copias ou fotografías" dos documentos."

Páxinas do informe co que a Xunta autorizou a fusión das caixas, asinado por Currás e entregado ao Parlamento en 2020 por orde xudicial CC-BY-SA Praza Pública

"Imos -avanza a parlamentaria- empregar todos os recursos políticos e legais para obter unha copia" de todos os informes encargados a Equipo Económico, "especialmente" do relativo ás caixas. É clave, considera, aclarar se "un informe elaborado por unha presunta trama de obtención de beneficios liderada por un ex-ministro tivo que ver co enorme fiasco" da fusión das caixas, máis aínda porque "Montoro non era un ninguén, era un peso pesado do PP" que ademais acabou "colocando como secretaria de Estado" á ex-conselleira Currás.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.