A conselleira da fusión das caixas volve á escena en Galicia ao fichar pola directiva do Dépor

Marta Fernández Currás, presentando en xaneiro de 2010 como conselleira de Facenda o informe encargado pola Xunta a KPMG sobre a fusión de Caixa Galicia con Caixanova © Conchi Paz

Nas últimas semanas Abanca está a celebrar o seu décimo aniversario cunha campaña na que evoca as orixes centenarias da entidade. Esa xénese non é outra que as diversas caixas de aforro galegas que a principios deste século acabaron confluíndo nas dúas grandes, Caixa Galicia e Caixanova, as cales desembocaron a finais de 2010 en Novacaixagalicia, transformada en Novagalicia Banco durante o rescate público previo á súa venda na poxa que gañou o venezolano Banesco, que a transformou na actual e exitosa Abanca.

Abanca dá un paso máis no seu compromiso corporativo co Deportivo coa chegada de Escotet á presidencia do club nun movemento con varias fichaxes para a directiva, entre elas a da ex-conselleira Fernández Currás

Este 9 de xullo o nome de Abanca saltou aos titulares non polos seus recorrentes bos resultados económicos -pechou o pasado 2023 con 711 millóns de beneficios-, senón pola decisión da empresa de dar un paso máis no seu compromiso corporativo co Deportivo da Coruña, sociedade anónima deportiva na que ostenta o control dende dende 2020, cando protagonizou o seu rescate económico. Ese paso adiante tradúcese na chegada á presidencia do Dépor do presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, nun movemento que inclúe varias fichaxes para o consello de administración, entre elas a da ex-conselleira Marta Fernández Currás.

Documento no que Méndez e Gayoso anunciaban en marzo de 2010 o inicio dos contactos para a fusión das caixas, no que a Xunta inseriu a sinatura de Currás CC-BY-NC-SA Praza.gal

O retorno de Fernández Currás á escena pública galega non pasou desapercibido no ámbito político, no que este martes se sucederon os comentarios máis ou menos discretos. Non en van, Currás foi como conselleira de Facenda unha peza clave do primeiro goberno de Alberto Núñez Feijóo á hora de impulsar a fusión de Caixa Galicia con Caixanova, polo tanto, na creación da entidade que acabou rescatada polo Estado e, ao ser vendida, rematou en Abanca.

A Xunta apostara por figurar como peza clave na fusión inserindo no acordo de Méndez e Gayoso para abordar a fusión a sinatura de Currás, que tamén rubricou a autorización do Goberno galego á operación e presentou en público o informe de KPMG que o gabinete de Feijóo encargara ao respecto

Como é sabido, aquela fusión tivo moitos pais e nais. Tamén nos gobernos da época, tanto en Galicia como en Madrid, así como no Banco de España. Pero foi o Goberno galego o que tomou a decisión política de figurar como peza clave na operación con movementos como inserir en marzo de 2010 a sinatura de Fernández Currás no documento que Julio Fernández Gayoso, presidente de Caixanova, e José Luis Méndez, director xeral de Caixa Galicia, rubricaran para dar conta de que acordaban "iniciar oficialmente os contactos" para unírense

Aquel documento tivera valor político e simbólico, pero non legal. Outra sinatura de Fernández Currás fora moito máis transcendente para a fusión: a que estampou o 18 de novembro daquel mesmo 2010 no informe co que o Goberno galego autorizaba a unión. O documento foi ocultado pola Xunta durante anos. O ex-deputado Antón Sánchez (AGE 2012-16 e En Marea/Común da Esquerda 2016-20) pediuno dende 2013 no marco da comisión de investigación sobre a fracasada fusión, pero non o conseguiu ata que o reclamou na Xustiza e o Tribunal Superior lle deu a razón en 2020.

Páxinas do informe co que a Xunta autorizou a fusión das caixas, asinado por Currás e entregado ao Parlamento por orde xudicial en 2020. De fondo, comunicado do 18 de novembro de 2010 sobre o visto e prace á operación CC-BY-SA Praza Pública

Antes daquel informe, Fernández Currás tamén asumira un papel protagonista na presentación en sociedade doutro. O que, por 1 millón de euros, a Xunta encargara encargara á consultora internacional KPMG para impulsar a fusión. En xaneiro de 2020, a daquela conselleira afirmara que se trataba dunha "auditoría externa" que "avalaba a solvencia da fusión das caixas". En realidade, como acabaría admitindo ela mesma anos despois e evidenciara a propia consultora, KPMG nin fixera unha auditoría nin avalara a fusión aínda que o Goberno galego dixera tal.

Tras ser conselleira, Currás exerceu como secretaria de Estado no Goberno de Rajoy e dende 2017 traballa para a filial española de Ernst & Young, ademais de exercer como conselleira independente na enerxética Ecoener

O paso de Currás polo Consello da Xunta fora, así e todo, tan intenso como breve. A finais de 2011 Mariano Rajoy elixiuna como secretaria de Estado de Orzamentos tras gañar as eleccións con maioría absoluta, ás ordes de Cristóbal Montoro como ministro de Facenda. Permaneceu no posto ata 2016, cando foi remudada, e dende 2017 traballa para a filial española consultora privada Ernst & Young Global (EY España) como "socia responsable da área fiscal en Galicia  e socia da área do sector público", ademais de ser recuperada a finais de 2022 para a cúpula económica estatal do PP.

Ese traballo de consultoría compatibilízao coa súa presenza no consello de administración da enerxética Ecoener como conselleira independente. Ese rol destácao o Deportivo no anuncio da súa fichaxe, no que tamén salienta que a súa incorporación "reforzará a xestión financeira e as relacións institucionais do club" xunto á de Benito Couceiro, director de Operacións de Capital Humano e Socios de Negocio nos servizos centrais de Abanca.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.