De Montoro y Asociados a Global Afteli: claves da peza central na "trama" en torno ao ex-ministro

Cristóbal Montoro, nunha comparecencia na Moncloa como ministro de Facenda do Goberno de Rajoy © Goberno de España

Fundado en 2005 co ex-ministro de Facenda con Aznar e Rajoy como un dos propietarios, Equipo Económico comezou a traspasar en 2016 a súa actividade a Global Afteli pouco antes dunha denuncia de Anticorrupción

Equipo Económico S.L. é un bufete de asesoría fiscal que se constituíu en Madrid en xuño de 2006, segundo figura no seu depósito de contas. É a empresa que está no centro da investigación que mantén aberta o Xulgado de Instrución número dous de Tarragona e que terminou coa imputación de case a totalidade dos seus socios e do ex-ministro de Facenda Cristóbal Montoro. A razón é que, presuntamente, manobrarían para beneficiar a empresas gasistas mentres Montoro era ministro, realizando axustes fiscais "á medida" para as compañías.

"Esa trama, organización ou operativa, xira ao redor da mercantil Equipo Económico", explica o xuíz no auto. A dinámica era a seguinte: as empresas acudían ao bufete, formado por antigos cargos de Facenda próximos a Montoro durante a súa primeira etapa como ministro con José María Aznar. Eles facían chegar as peticións das empresas ao ministerio que presidía Montoro baixo o mandato de Mariano Rajoy, conseguindo presuntos tratos de favor. O xuíz sinala que estas mediacións poderían realizarse "encubrindo unha comisión para o exercicio da súa influencia".

Montoro, nunha comparecencia ante a prensa como coordinador de Economía do PP en 2009 © PP

A relación entre o exministro e o despacho de avogados é estreita. Tanto, que el mesmo era un dos fundadores. En 2004 Aznar sae do Goberno e moitos dos seus ministros e altos cargos pasan da política ao sector privado. O camiño de Cristóbal Montoro -economista de formación e sempre vinculado a cargos en Economía e Facenda- pasa por fundar un despacho no ano 2006 co nome Montoro y Asociados Asesores S.L, dedicado ao asesoramento en "materias económicas", segundo aparece no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil desa data. Nos nomeamentos que se van publicando figuran xa algúns nomes que pasaran pola Administración e que aparecen imputados no auto coñecido a pasada semana. Está Salvador Ruiz Gallud, ex-director da Axencia Tributaria e tamén Manuel de Vicente Tutor Rodríguez, nomeado en xaneiro de 2008 tras ocupar distintos cargos de responsabilidade na Axencia Tributaria. Até 2012 tamén estivo Ricardo Montoro, irmán do exministro. 

De 5,4 millóns de negocio a 90.000 euros

"Esa trama, organización ou operativa, xira ao redor da mercantil Equipo Económico", explica o xuíz no auto.

Este despacho será o xermolo de Equipo Económico. O seguinte paso chega o 13 de xuño de 2008, cando se produce un cambio na denominación social da empresa. Así, coa saída do ex-ministro da firma, Montoro y Asociados pasa a chamarse Equipo Económico S.L., o nome sobre o que volve unha e outra vez o auto do xuíz e que arrastra sospeitas e investigacións desde 2013.

Ao repasar as contas desta empresa constátase como a súa actividade se vai reducindo: no seu depósito de contas de 2014, declaraba unha cifra de negocio neta de 5,4 millóns de euros e un resultado positivo no exercicio de máis de 139.000 euros. No de 2016, o seu resultado baixa até os 14.900 euros, cunha cifra de negocio de 1,5 millóns, e en 2019 o seu resultado foi de 19.500 euros, cunha cifra de negocio de 90.000 euros. En resumo, as súas cifras caen máis dun 95% en cinco anos. Empezan a baixar xusto cando as de Global Afteli despegan.

E aquí entra en acción a terceira, e actual denominación, que tivo este despacho: Global de Asesoramento Financeiro, Tributario, Económico, Legal e Internacional SL, recollida no auto do xuíz como Global Afteli. Constitúese en xullo de 2015 e a partir de 2016 prodúcese un transvasamento de actividade desde Equipo Económico cara a esta nova sociedade. Aquí é importante destacar que El País publicara en 2015 que Anticorrupción estaba a investigar un posible contrato a dedo outorgado ao despacho de Montoro.

Cristóbal Montoro, como ministro de Facenda na Moncloa en 2016 © Pool Moncloa / Diego Crespo

Pouco tempo despois, en 2017, saltarían as primeiras querelas contra Equipo Económico. Pese ao cambio de nome legal, a páxina web da empresa segue mantendo a súa logo anterior e nela advirten que a titular da páxina é Global Afteli, a pesar de que a denominación que aparece é Equipo Económico.

"A vía máis directa é pagar a EE, que ten contacto directo co ministro de Facenda, Cristóbal Montoro", di un correo interceptado a unha empresa

Nunha ollada ás súas finanzas vese que a medida que as cifras de Equipo Económico baixan, as da nova sociedade soben: en 2016 moven unha cifra de negocio de 2,1 millóns e un resultado de 142.000 euros; en 2019 o seu volume de negocio ascende a 4,3 millóns, cun resultado de 140.000 euros. Outro nexo entre Global Afteli e Equipo Económico é, de novo, Manuel de Vicente Tutor, que aparece como administrador único de Tutpim Inversiones SL, a firma que figura como administradora única en Global Afteli. Tutor é un dos actuais imputados na causa de Montoro. Unha maraña de sociedades, en fin, na que todo parece conectado.

Aos socios de Equipo Económico xa mencionados, súmanse dous imputados máis deste despacho. Por unha banda, Ricardo Martínez Rico, actual presidente executivo do despacho e antigo xefe de gabinete de Montoro entre 2000 e 2003, ademais de ex-secretario de Estado de Orzamentos e Gastos. Por outro, Covadonga Gómez Garrido, unha traballadora do departamento de administración que presuntamente percibiu "retribucións de todas as empresas instrumentais vinculadas aos socios do despacho", conclúe o texto do xuíz.

As sospeitas que corrían en paralelo

O papel de Equipo Económico como representante de grandes empresas sempre foi polémico e enmárcase dentro da segunda etapa de Cristóbal Montoro no Goberno de Mariano Rajoy, a partir de 2011. Xa en 2013, un artigo de Bloomberg sinalaba posibles conflitos de interese entre Equipo Económico (que representaba á empresa de apostas Codere e onde aínda estaba o irmán do ministro), e a lexislación promovida polo gabinete de Facenda de Montoro, que penalizaba fiscalmente ás compañías de xogo que supuñan unha competencia para Codere. "A partir de 2008, cando regresei ao Congreso dos Deputados, é cando eu deixei esa empresa", sinalaba o ex-ministro en 2015 cando lle pedían explicacións sobre a súa vinculación co despacho.  

Cristóbal Montoro, en 2018 nunha reunión como ministro de Facenda con Alberto Núñez Feijóo, na altura presidente da Xunta CC-BY-SA Xunta

En 2017 chega a primeira actuación xudicial, aínda que El País xa adiantara en 2015 que Equipo Económico estaba a ser investigado. A Fiscalía Anticorrupción denunciou os integrantes do despacho por un presunto contrato a dedo da Cámara de Comercio adxudicado en 2012 a Equipo Económico. A fiscalía baseábase na sospeita de que os membros do despacho -entre os que estaban aínda Ricardo Montoro e outros nomes coñecidos como Salvador Mariano Ruiz, Manuel Vicente Tutor e Francisco Piedras (imputados este tres últimos na causa actual)- estarían a ofrecer os seus servizos a empresas para conseguir que se lexislase ao seu favor. A mesma dinámica que lles valeu a imputación nesta ocasión.

Tras máis de 12 anos de sospeitas e sete de investigación baixo segredo de sumario, o caso concretouse a pasada semana na imputación de 28 persoas, entre elas Montoro

A este proceso engadiríanse dúas denuncias anónimas nas que se acusaba a Equipo Económico de operar como un lobby ao que as empresas debían acudir para conseguir favores gobernamentais. Con todo, a causa terminou arquivándose en 2019, segundo explicaba este xornal, por non apreciarse suficientes indicios de delito.

Para 2017 a actividade de Equipo Económico xa se empezou a reducir e a de Global Afteli era máis cuantiosa. Tamén en 2017, un xulgado de Tarragona que investigaba á empresa gasista Messer Ibérica por outro delito, atopa por casualidade un correo que o pon de novo na pista de Equipo Económico (EE). Este aparece no auto do xuíz que se coñeceu esta semana e reza o seguinte: "A vía máis directa, como sempre, é pagar a EE, que ten contacto directo co Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro". Escribíao a patronal das empresas gasistas, AFGIM, que ten a varias delas imputadas no caso. Así é como en 2018 ábrese, baixo segredo de sumario, a investigación que acabamos de coñecer.

E despois deste percorrido, que se remonta a máis de 12 anos de sospeitas e a sete de investigación baixo segredo de sumario, esta última semana o caso concretouse na imputación de 28 persoas, entre elas Cristóbal Montoro. Acúsanos dunha longa lista de delitos: suborno, fraude contra a Administración Pública, prevaricación, tráfico de influencias, negociacións prohibidas, corrupción nos negocios e falsidade en documentos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.