Desvelouse o misterio. Pasadas xa as eleccións asturianas e andaluzas, o Goberno anunciou as liñas básicas dos Presupostos Xerais do Estado (PGE) de 2012, que sufrirán un axuste de 27.300 millóns pola vía do gasto e de ingresos. Neste último apartado, haberá unha suba de impostos por 12.300 millóns. A vicepresidenta primeira e portavoz do Executivo, Soraya Sáenz de Santamaría, confirmou que os PGE non incluirán unha suba do IVA para non afectar ao crecemento económico, pero si un incremento do Imposto de Sociedades, así como unha serie de medidas “drásticas” coas que se busca cumprir co obxectivo de déficit. Así, o recorte do gasto medio dos ministerios será do 16,9%, o que supón a maior tesoirada dos últimos 30 anos, “un axuste moi duro”, en palabras de Cristóbal Montoro, ministro de Facenda, que anunciou tamén unha amnistía fiscal para facer agromar as rendas non declaradas.
O recorte do Estado será de 27.300 millóns de euros, reducindo gastos e incrementando impostos
En canto aos gastos, manterase a actualización das pensións públicas, conxelarase o soldo dos funcionarios, tamén se manterán as prestacións por desemprego, así como, segundo o Goberno, o gasto social. No entanto, os recortes afectarán a moitos destes aspectos sociais, desde a educación ata as políticas activas de emprego, que se verán reducidas notablemente, concretamente en 1.500 millóns. O investimento en Defensa caerá en 351 millóns, a axuda de acceso á vivencia en 322 e en infraestruturas, en 144. Pero o peor está noutros ministerios. Redúcense en 283 millóns os fondos de dependencia, e quedan en case nada (10) os destinados á promoción do uso de vehículos eléctricos. Ademais, redúcense en case 600 millóns as transferencias á Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento. E aínda hai máis.
Os recortes
En canto a redución por ministerios, os máis afectados polos recortes son o de Asuntos Exteriores (-54,4%), o de Fomento (-34,6%), o de Agricultura (-31,2%) e o de Industria, Enerxía e Turismo, cunha redución de case o 32%. Educación verá reducidos os seus fondos nun 21,2% e Sanidade nun 13,7%, mentres que o orzamento de Defensa só baixará un 8,8% e o da Presidencia un 3,8%.
As políticas activas de emprego vense reducidas en 1.500 millóns
Respecto ás partidas máis afectadas, os investimentos en Defensa baixan un 35%, as actuacións no desenvolvemento rural nun 86% e as axudas para acceso á vivenda nun 42%. O Fondo de Integración de Inmigrantes, pola súa banda, elimínase, pasando de 67 millóns a cero. En Educación, e excluídas as bolsas de estudo, haberá unha redución de transferencias de 530 millóns.
Porén, a novidade máis relevante é a amnistía fiscal anunciada por Cristóbal Montoro, que prefiriu denominala “regularización”. Ao estilo de Berlusconi, que fixo algo semellante en Italia, o plan establece un “gravame especial” dun 10% do capital que se regularice, polo que quedarán libres de calquera penalización ou sanción posterior. Segundo o Goberno, esta medida é recomendada pola OCDE en países con grave situación económica, grupo no que desde logo está España, tal e como insistiu en deixar claro o Executivo durante a rolda de prensa posterior ao Consello de ministros. En definitiva, o diñeiro negro poderá regularizarse pagando unha taxa do 10%. Hai ano e medio, Mariano Rajoy e María Dolores de Cospedal cualificaban unha hipotética amnistía fiscal como "impresentable, inxusta e antisocial".
O diñeiro negro poderá regularizarse pagando unha taxa do 10%
O obxectivo deste plan, que promete polémica desde o seu anuncio, non é outro que intentar que agrome o capital desviado en paraísos fiscais, así como todos aqueles cartos que circulan polo Estado dentro da economía submerxida e cuxa suma ascendería ata o 20% do total do PIB. O obxectivo, que afloren 25.000 millóns de euros, tendo en conta que o propósito é recadar 2.500.
Por outra banda, o Goberno aprobou unha suba da Tarifa de Último Recurso (TUR) da luz do 7% a partir do próximo domingo 1 de abril, así como outra do 5% no caso da tarifa do gas natural, segundo anunciou o ministro de Industria, José Manuel Soria. A luz non só subirá para o consumidor doméstico, senón que o fará un 4,1% no caso das pemes, un 2,68% no de consumidores industriais e un 0,91% no das grandes industrias. En total, o sistema eléctrico ingresará 1.382 millóns máis grazas a esta medida.
En paralelo, o Goberno aprobou un recorte de 1.700 millóns de euros nas retribucións dos distintos axentes do sector, entre eles as eléctricas, que só en distribución recibirán 688 millóns de euros menos.
Por último, o Executivo aumentará os impostos sobre o tabaco ao reestruturar o sistema de tributación do imposto sobre os labores desta substnacia, actuando sobre os tramos específico e ad valorem que gravan aos cigarros, unha medida que permitirá aumentar a recadación estatal en 150 millóns de euros este ano.