Montoro admite a suba do IVE na que Rajoy vía "un sablazo"

Acto do PP contra a suba do IVE do Goberno do PSOE © PP de Madrid

"O non máis rotundo e máis firme, por ser prexudicial para a crise económica e para a recuperación do emprego, por ser ineficaz e profundamente inxusto". A comezos de 2010 o actual ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, rexeitaba deste xeito a suba do Imposto do Valor Engadido (IVE) que o Goberno do PSOE incluíra nos Orzamentos Xerais do Estado dese ano. Antes do que sería o primeiro gran recorte do gabinete de José Luis Rodríguez Zapatero, en maio dese mesmo ano, Montoro consideraba o IVE como "o máis inxusto dos impostos" e auguraba que o seu incremento só traería "máis crise e máis paro". Pouco máis de dous anos despois dese enérxico rexeitamento dende a tribuna do Congreso o propio Montoro confirmaba este luns o que se viña dando por feito dende hai semanas: os conservadores xirarán cento oitenta graos a respecto das súas teses na oposición e incrementarán o principal tributo sobre o consumo.

Como vén acontecendo nas últimas semanas o adianto da medida gobernamental non chegou no Congreso dos Deputados nin en acto oficial ningún, senón nun curso de verán, no que Montoro confirmou que "estamos nun tránsito cara a unha fiscalidade menor para o traballo e maior no ámbito indirecto", traducido, cara a un incremento do IVE. Para argumentar a viraxe, ademais da tradicional referencia á herdanza recibida dos socialistas, Montoro deixou varias reflexións sobre a mesa, tales como "se o IVE o pagasen máis quen o teñen que pagar, non habería que subilo tanto". "É imposible que o diga máis claro", abonda, nun contexto no que "temos un IVE que se paga pouco en comparación con outros países", deixando caer ademais que, en último termo, a única culpable da decisión é a propia cidadanía: "este debate non existiría se non existise esa economía mergullada" e se "non existise esa pregunta de con IVE ou sen IVE que se ve como un deporte nacional en calquera recuncho da xeografía española".

Segundo ten transcendido, os produtos que ata agora tiñan o IVE superreducido pasarán ao tipo xeral, do 18%

Entre chamadas a un "cambio de valores" en materia fiscal Montoro vén ratificar a inminente chegada dunha alza de tributos que, segundo ten transcendido, afectará esencialmente aos produtos aos que ata agora se lles aplicaba o IVE reducido e superreducido, e que no futuro inmediato pasarán ao tipo xeral. Así, por exemplo os produtos de alimentación, libros ou xornais, que tributan ao 4% faríano ao 18% e os alimentos de uso común, servizos como o transporte público ou entradas para espectáculos aos que na actualidade se lles impón o 8% subirían ata o mesmo 18%.

En liña coas esixencias da UE, pero contra o programa do PP

A aplicación das esixencias europeas condicionan a activación dos ata 100.000 millóns do rescate bancario

Pero, por que o Goberno central decide tomar a medida na que Mariano Rajoy vía "un sablazo de mal gobernante" nos tempos nos que exemplificaba os prexuízos de subir o IVE cos "chuches" dun neno asistente a un mitin? Basicamente, porque a Unión Europea así o dispón. Montoro evidencia que as "recomendacións" do Eurogrupo e dos membros do Consello Europeo para reducir o déficit público son "bastante explícitas" e que esas liñas básicas levan tamén a sinatura de Rajoy. E esas instrucións, que teñen pouco de recomendacións e moito de ordes, son aínda máis urxentes tendo en conta que a súa aplicación condiciona a activación dos ata 100.000 millóns do rescate bancario. De pouco valerá a nivel de rúa, polo tanto, que os socios comunitarios aceptasen flexibilizar o obxectivo de déficit para 2012 do 5,3% ao 6,3%, porque para 2014 se mantén o 3%, todo isto tendo en conta que a redución de cada décima de déficit implica, segundo os expertos, un recorte de arredor de 1.000 millóns de gasto público.

Así as cousas, e á espera de que o vindeiro mércores Rajoy compareza no Congreso dos Deputados para dar conta do falado, precisamente, no último Consello Europeo, a maquinaria xa está en marcha para aplicar unha suba impositiva que non só contradí os postulados do PP na oposición, senón tamén nos primeiros meses de goberno conservador. Non en van, no escueto programa co que os populares concorreron ás eleccións xerais de novembro de 2011 as únicas referencias ao IVE estaban vinculadas á súa redución ou á modificación nos prazos de pagamento para pequenas empresas e autónomos. En ningún caso, á súa suba.

Cristóbal Montoro, ministro de Facenda © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.