O Estado precisa até 62.000 millóns para rescatar a banca

Exterior dunha oficina de Novagalicia Banco © NGB

A banca española precisa entre 51.000 e 62.000 millóns de euros de capital para afrontar un escenario de máxima esixencia, logo de coñecerse as auditorías independentes do sector e tal como informaron en rolda de prensa o subgobernador do Banco de España, Fernando Restoy, e o secretario de Estado de Economía, Fernando Jiménez Latorre.

As necesidades de capital da banca española concéntranse nas entidades nacionalizadas, entre elas Novagalicia

As necesidades de capital do sistema financeiro español concentraranse nas entidades participadas polo Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), entre as que se atopa Novagalicia Banco, ademais de Bankia, CatalunyaCaixa e Banco de Valencia. As catro son as entidades con máis necesidades e, polo tanto, o banco galego será un dos que terá que recorrer aos cartos europeos.

Novagalicia agardaba o resultado das auditorías, pero tamén a aceptación do Banco de España á súa forma de recapitalización  mixta, polo que o FROB seguiría como accionista e socio maioritario da entidade durante os vindeiros tres anos. As necesidades de capital de Novagalicia ascenderían aos 6.000 millóns de euros, aínda que as necesidades específicas de cada banco non estarán listas até o mes de setembro.

Santander, BBVA e La Caixa non requirirán de capital adicional, "incluso" no escenario máis tenso

No entanto, Santander, BBVA e La Caixa non requirirán de capital adicional "incluso" no escenario máis tenso. Ademais, as entidades dividiranse en tres grupos: o que non ten necesidades de capital, o das que poderían afrontalas cos seus propios medios e o formado polas que requirirían de axudas públicas.

A valoración das consultoras Oliver Wyman e Roland Berger é máis ampla que os 40.000 millóns de euros calculados polo FMI e suponse que servirán de base para a futura petición formal de axudas á banca que o Goberno español solicitou á Unión Europea. O Executivo acordou unha axuda máxima de 100.000 millóns para recapitalizar a banca e é agora cando terá que solicitar formalmente a cantidade, algo que fará “nos vindeiros días”, tal e como aclarou o Goberno. “Iso é unha formalidade, o importante é saber a cifra que se precisará”, aclaraba o ministro de Economía, Luis de Guindos.

As cifras das auditorías, tal e como explicou Restoy, correspóndense cun escenario estresado e, polo tanto, no peor escenario e incluso máis duro do que prevé o FMI, cunha caída acumulada do PIB do 6,5% até 2014. Segundo o subgobernador do Banco de España, o escenario máis probable e o que manexa o Goberno rebaixaría as necesidades de capital da banca até os 25.000 millóns como máximo.

Por outra banda, o Goberno descartou liquidar entidades porque considera que é "a solución máis cara", o que supón un alivio para Novagalicia e para CatalunyaCaixa, dúas das que sinalara o comisario Joaquín Almunia como posibles bancos que poderían ser suprimidos. Ademais, o Executivo tamén anunciou, como se agardaba, que se suspendían as subastas de CatalunyaCaixa e do Banco de Valencia.

Oficina de Novagalicia Banco na Coruña © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.