O ex-ministro Cristóbal Montoro foi alertado de rexistros do caso Pokémon na Deputación e no Concello de Lugo antes de que se producisen. Así quedou acreditado, segundo revelou El Periódico de España, en correos electrónicos incluídos na causa secreta na que un xulgado de Tarragona investiga se Equipo Económico, un despacho fundado en 2006 por quen foi ministro de Facenda con José María Aznar e Mariano Rajoy, aproveitou as súas "influencias" nese Ministerio para beneficiar a súa clientela.
A publicación do EPE foi acollida con indignación no PSdeG, toda vez que os rexistros filtrados previamente ao ministro atinxían a senllas institucións gobernadas polo partido, na altura con José Ramón Gómez Besteiro e José López Orozco, respectivamente. Tras consultaren cos seus servizos xurídicos, os socialistas galegos decidiron solicitar comparecer no caso como acusación a través da dirección federal do PSOE.
"O PSdeG ten intención de tomar parte, a través do PSOE, no procedemento contra Montoro e a súa policía patriótica no Ministerio de Facenda", resume Luis Ángel Lago Lage, quen dende finais de abril é secretario de organización dos socialistas galegos dentro da Executiva nacional que volve liderar Besteiro como secretairo xeral. Fano, di, porque ven "constatado" que "o Goberno de Rajoy recibía chivatazos previos sobre actuacións xudiciais contra o líder do Partido Socialista en Galicia, Besteiro, e contra o alcalde socialista de Lugo, Orozco".
O PSdeG quere ser "parte no procedemento contra Montoro e a súa policía patriótica no Ministerio de Facenda", subliña que Besteiro e Orozco "foron vítimas dunha longa persecución xudicial que os afastou inxustamente da política" e pide "aclarar se Rueda e Feijóo sabían algo".
Sempre segundo o publicado por EPE, a información que chegou a Montoro a través de correos electrónicos do seu xefe de gabinete permitiulle coñecer antes de que se producisen rexistros en Lugo efectuados polo Servizo de Vixilancia Aduaneira. Este corpo, dependente do Ministerio de Facenda, era usado como policía xudicial pola xuíza instrutora do caso Pokémon, Pilar de Lara, cuxas maneiras á hora de instruír acabaron derivando nunha sanción do Poder Xudicial pola que perdeu a praza en Lugo.
A decisión de comparecer no caso, abonda Lago, tómana porque Besteiro e Orozco "foron vítimas dunha longa persecución xudicial que os afastou inxustamente da política a pesar de ser inocentes", dado que todas as causas que os atinxían acabaron arquivadas. "Cómpre lembrar" ademais, coida, que a xuíza acabou sendo sancionada.
"Isto é gravísimo", abonda Lago, porque "o Goberno de Rajoy sabía previamente cando se ían levar a cabo rexistros contra a Deputación e o Concello de Lugo, gobernadas polos socialistas", mentres a causa "estaba baixo segredo de sumario". "Sabíao aínda que vulnerar o segredo de sumario sexa un delito en España. Pero o PP sabíao todo", censura nun contexto no que tamén ve preciso "aclarar se Rueda e Feijóo sabían algo".