Inconcrecións e dilacións da instrución xudicial exoneran a empresa sinalada como centro da trama Pokémon

Envíos de cartos de Véndex para, segundo a investigación do caso Pokémon, financiar subornos © Vixilancia Aduaneira / Sumario do caso

En xaneiro de 2020 Pilar de Lara cesaba definitivamente como titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo. Fora sancionada por atrasar e acumular macrocausas. Nestes tres anos, moitas das pezas nas que foi dividida a enorme operación Pokémon, lanzada por De Lara en 2011, foron arquivadas polos xulgados onde caeron. As máis das veces, por inconsistencias e dilacións do proceso, segundo argumentaron as sucesivas resolucións.

Os arquivos que veñen saltando aos titulares -con moita menor intensidade, en calquera caso, que cando foron imputados- son, sobre todo, os referidos a cargos políticos. O ex-alcalde de Lugo Xosé López Orozco (PSdeG), o antigo rexedor de Santiago Gerardo Conde Roa (PP) ou o que fora alcalde socialista de Ourense Francisco Rodríguez son algúns exemplos de antigos responsables políticos que foron sendo exonerados. 

A xuíza Pilar de Lara, nunha imaxe de arquivo da TVG © TVG

Á lista engadíronse esta semana dous ex-concelleiros da Coruña. Julio Flores (PP) e José Nogueira (PSdeG), veñen de quedar, case unha década despois, libres das acusacións de manexar irregularmente concesións públicas a cambio de enchufes para persoas recomendadas por eles. Nun auto ditado o pasado xaneiro, pero divulgado agora, a xuíza Pura Caaveiro, do xulgado coruñés de instrución número 7, conclúe, en síntese, que na instrución de De Lara "non queda debidamente acreditada" que os acusados cometesen delito ningún.

Esta semana transcendeu o arquivo outra peza do caso Pokémon, unha das pólas coruñesas nas que De Lara acusaba edís de PP e PSOE, persoal municipal e o delegado da empresa Véndex en Galicia de participar nunha trama de tráfico de influencias e "enchufes". Non quedou "debidamente acreditado" que ninguén cometese delito ningún

Xunto cos edís agora libres de imputacións está tamén o que fora delegado en Galicia da empresa Véndex, José María T., responsable no país da considerada pola investigación durante todos estes anos como centro da trama presuntamente corrupta. A este delegado da compañía a xuíza De Lara atribuíralle, entre outras condutas que consideraba delituosas, intentos de obter as devanditas adxudicacións a cambio de postos de traballo para persoas afíns que o Servizo de Vixilancia Aduaneira -utilizado pola xuíza como policía xudicial- enmarcaba nun "presunto tráfico de influencias" que agora esvaece. 

De Lara, cita a xuíza que vén de decidir o novo arquivo, indicaba que "algúns cargos ou empregados públicos do Concello", con responsabilidades directas "ou non" nas adxudicacións, "trataban de seducir" a José María T. "con algún trato de favor" se "lles enchufaba algunha persoa da súa contorna". Con estes "enchufes", dicía, pretendían que "no seu momento fixesen favores ao Grupo Véndex", dende adxudicacións a "renovacións de contratos (...), axilización de facturas ou facilitación de información". Todo, concentrado entre os anos 2011 e 2012, isto é, na fin do goberno PSdeG-BNG que presidía Javier Losada e no inicio da maioría absoluta do PP de Carlos Negreira.

Sede dos xulgados de instrución de Lugo, dende onde De Lara lanzou a operación Pokemon hai máis dunha década CC-BY-SA Praza.gal

Pero a xuíza actual coida que na instrución de De Lara non quedou "debidamente acreditada" a "participación concreta" de ninguén en "ilícitos penais de tráfico de influencias" ou "suborno". Entre outros aspectos, "non hai constancia" de que "as posibles contratacións" se fixesen por parte de Véndex como "recompensa" polos devanditos "favores" de cargos políticos ou persoal municipal. Na liña do expresado pola Fiscalía, a xuíza conclúe que a instrución de De Lara "non esclareceu debidamente os feitos" nin "individualizou" responsabilidade legal ningunha nin "acreditou debidamente" que ningún deles cometese delitos. Nin os políticos, nin o funcionariado nin o delegado da empresa.

O arquivo chega escasos meses despois de que o xulgado de Lugo que dirixía De Lara considerase inimputable ao fundador de Véndex, un home de avanzada idade que, tras máis dunha década de instrución, padece deterioro cognitivo

A inconsistencia da instrución da xuíza De Lara, daquela, propicia a exoneración do delegado de Véndex en Galicia. Faino escasos meses despois de que, o pasado xullo, o actual titular do xulgado de Lugo que dirixira a maxistrada sancionada decidise excluír doutra das pezas do caso a Gervasio R., fundador de Véndex e, segundo a investigación, peza central da trama. 

O empresario, de avanzada idade, padece deterioro cognitivo -segundo quedou acreditado en informes médicos e virou en inimputable, ademais de non estar medicamente garantido que puidese acudir a un eventual xuízo. A enorme dilación da instrución fora determinante nunha póla na que o delegado da empresa, José María T., aceptara unha condena dun ano e catro meses de prisión, multa de 6.000 euros e dous anos de inhabilitación, a través dun acordo co que se evitara o xuízo.

O arquivo agora decretado na Coruña reforza, daquela, o feito de que os responsables da empresa sinalada pola investigación como centro dunha trama corrupta saian, tras máis dunha década de operación xudicial, indemnes ou con consecuencias mínimas. Fano malia as interceptacións de envíos de cartos de Madrid a Galicia para, presuntamente, pagar subornos. E fano, ademais, tras teren durante estes anos sobre si unha presión da opinión pública moito menor á exercida sobre os cargos políticos, a maioría deles xa fóra da vida partidaria e institucional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.