Este martes celébrase o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF). Unha reunión de gran relevancia tendo en conta a apurada situación económica das comunidades autónomas e o recorte que lles esixe Mariano Rajoy. O Goberno central pon enriba da mesa un obxectivo de déficit do 5,8% para o conxunto das administracións públicas (Administración central, CCAA, concellos e Seguridade Social). O 4% como máximo é ao que aspira o Ministerio de Facenda para os seus departamentos, e as comunidades deben pechar 2012 cun déficit sobre o PIB do 1,5%. Isto supón que as CCAA deben facer un axuste do 1,4, máis de 15.000 millóns de euros no seu conxunto.
As comunidades pecharon 2011 cun déficit de 1,6 puntos por riba do obxectivo inicial. O caso galego non é en absoluto o máis grave, xa que rexistrou un déficit orzamentario do 1,61%, algo máis de tres décimas por riba da cifra que debía cumprir. O único goberno autonómico que si mantivo o seu déficit por debaixo do estipulado foi o de Madrid. Malia todo, na Xunta consideran que o CPFF debera conceder algún tipo de premio ou "incentivo" a Galicia polo seu "esforzo orzamentario", como declarou o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda. A titular de Facenda, Elena Muñoz, indicou que Galicia "xa fixo un esforzo moi importante, ao pasar do 2,38% en 2010 ao 1,6% en 2011, polo que reiterou que esta comunidade está en mellores condicións, en termos comparativos, con outras autonomías que terán que realizar un maior esforzo", reportou a Xunta nunha nota aos medios.
Para cumprir os novos requerimentos, e en base aos cálculos de Praza (cos datos do Ministerio e a Fedea), o axuste de Galicia rondará os 70 millóns de euros adicionais. A día de hoxe, o déficit orzamentario supera os 1.000 millóns de euros, co que o obxectivo do déficit cero suporá un esforzo titánico a medio e longo prazo. A administración deberá conter estas cifras para non ser intervida pola Administración central, como ameazou Cristóbal Montoro. En calquera caso, a galega non está nunha posición tan solvente como reivindica a Xunta tendo en conta tanto as cifras de déficit orzamentario como as de débeda.
As contas de Galicia
No que vai de ano, a consellería de Facenda xa colocou un terzo do endebedamento que "precisa" para todo o exercicio. Segundo os datos do Banco de España, a débeda de Galicia en valores absolutos está preto dos 7.000 millóns de euros. Son 3.048 millóns máis de débeda que antes da chegada de Alberto Núñez Feijóo ao Goberno galego. O recurso ao endebedamento foi unha dinámica á que recorreron moitas comunidades. Hai algunas que teñen unha maior solvencia en termos de déficit orzamentario, pero que acumulan unha débeda superior ao 12% (ratio débeda/PIB). Este é o caso de Galicia.
O instituto Fedea, que quedou curto na súa estimación de déficit para 2011 no caso das comunidades, fallou no caso galego. O déficit foi inferior. Con todo, considera que o recorte de gasto debera ser superior ao 10% no caso galego, e de máis do 23% no conxunto das CCAA. "Non só falta un longo camiño por percorrer senón que o máis duro do axuste no gasto das Comunidades está todavía por chegar", apunta esta institución. Ademais, asegura que "gran parte do problema actual de déficit das CCAA débese ao modelo de financiamento e en particula ao mecanismo de entregas a conta que incentiva unha xestión procíclica dos orzamentos". Isto pode ter as súas vantaxes pero, indubidablemente, "dificulta o control do déficit por parte da Administración Xeral do Estado".