Pontón e Besteiro alertan do risco de Vox para a igualdade e Rueda di que fan "electoralismo barato"

Rueda e a nova conselleira de Política Social, Ángeles Vázquez, en primeiro termo, no Parlamento este mércores CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Ás portas dun novo 25N, o presidente considera que BNG e PSdeG "provocan debates artificiais" sobre violencia machista e asegura que "lles gustaría que estivera Vox en Galicia aos dous"

Ás portas dun novo 25N, día contra a violencia machista, e en plena campaña electoral con Vox á alza nas enquistas, a sesión de control á Xunta no Parlamento centrouse este mércores no risco para a igualdade que podería supoñer un Goberno de España no que participe un partido que cuestiona as políticas nesa materia. A nacionalista Ana Pontón e o socialista José Ramón Gómez Besteiro coincidiron en pedir un pronunciamento do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pero este defendeu as políticas da Xunta e asegurou que BNG e PSdeG "provocan debates artificiais". "Canto lles gustaría que estivera Vox en Galicia aos dous", asegurou.

Besteiro no Parlamento no debate deste mércores CC-BY-SA PSdeG

O socialista Besteiro iniciou o debate lembrando que as cifras oficiais falan de 76 mulleres asasinadas desde 2003 en Galicia e que das 16 rexistradas nos últimos cinco anos, dez vivían en concellos pequenos nos que "só un terzo teñen servizo de atención á muller". Besteiro lamentou que neste contexto a Xunta rebaixase o rango político do seu departamento de Igualdade, que pasou de ser unha secretaría xeral a estar dividido nunha dirección xeral de Igualdade e noutra de loita contra a violencia de xénero. Nesa liña criticou que Feijóo tamén anunciase que vai suprimir o Ministerio de Igualdade e preguntou directamente a Rueda "que dereitos das mulleres está disposto a sacrificar para que Feijóo goberne con Vox".

O debate continuou coa nacionalista Pontón, que salientou que a violencia machista é "a maior forma de desigualdade que sofren as mulleres". Pontón lembrou que cando Feijóo chegou a presidente da Xunta "suprimiron o Servizo Galego de Igualdade" e "financiaron un chiringuito antiabortista", mentres que agora o Goberno galego "privatiza os centros de crise 24 horas" para mulleres vítimas de violencia sexual e o Consello de Contas vén de advertir de pouco investimento en prevención da violencia de xénero. A igualdade, sentenciou Pontón, non poden ser só "proclamas" senón que "hai que demostralo".

Pontón na sesión de control á Xunta deste mércores CC-BY-SA BNG

Nas súas respostas Rueda asegurou que BNG e PSdeG "provocan debates artificiais" por "electoralismo barato" e "politiqueo". "Canto lles gustaría que estivera Vox en Galicia aos dous", dixo o tamén presidente dun PPdeG que agora teme que a formación de extrema dereita lles poida facer perder escanos o 29N en Lugo e Ourense.

Para Rueda, socialistas e nacionalistas "son o mesmo" e non defenden realmente a igualdade. Os primeiros, segundo dixo, porque consentiron situacións como que o ex-ministro José Luis Ábalos ou o seu asesor Koldo García recorresen ao seu ver á prostitución ou enchufasen "amigas" en postos públicos. E os nacionalistas por apoiar o Goberno de España liderado polos socialistas. "Leccións de vostedes ningunha", dixo Rueda, que defendeu políticas da Xunta como o Bono Concilia e avanzou novas axudas para o emprego de mulleres rurais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.