0 Gardados para despois

A xuízo o alcalde de Barreiros por conceder licenzas ilegais para 2.966 vivendas nun só ano

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


Nun só día, o 5 de setembro de 2006, o goberno local de Barreiros, do PP, co seu alcalde Alfonso Fuente Parga á cabeza, concedeu licenzas para construír 616 vivendas. Naquel ano, nun municipio de só 3.200 habitantes, autorizou un total de 2.966 novas vivendas dispersas por terreos que carecían de calquera tipo de servizo urbano. “Que tiña de malo querer ser o Sanxenxo do norte?”, xustificaba o rexedor. O seu xuízo xa ten data, o próximo febreiro, doce anos despois, e nel Fuente Parga, outros cinco concelleiros e a arquitecta municipal, Marta Geada Arca, sentarán no banco dos acusados para facer fronte a unha petición da fiscal para cada un deles de dous anos de cárcere e dez de inhabilitación por prevaricación urbanística.

A fiscal pide dous anos de cárcere e dez de inhabilitación na vista fixada para febreiro, 12 anos despois

O xuízo analizará o outorgamento dun total de 45 licenzas que suman 2.966 novas vivendas así como outras instalacións comúns como piscinas. Foron as licenzas que o goberno municipal chegou a autorizar antes de que a comezos de 2007 a Xunta bipartita de PSdeG e BNG intervise o urbanismo local cun procedemento posteriormente anulado polo Tribunal Supremo por non expolo previamente ao público. Pero antes desa intervención do urbanismo local, a Xunta xa avisara a Barreiros da ilegalidade que estaba a cometer por considerar como solo urbano terreos que non o eran porque non contaban con ningún tipo de servizo público.

O escrito de acusación da Fiscalía sinala que o 14 de marzo de 2006 o daquela director xeral de Urbanismo do PSdeG, Ramón Lueje, remitiu unha comunicación ao Concello informándoo de que a lei impedía desde comezos daquel ano outorgar licenzas para eses terreos non urbanos aos municipios como Barreiros que carecían de plan de urbanismo actualizado. Malia ese aviso directo e explícito, nos meses posteriores e ata a intervención do urbanismo pola Xunta, “os integrantes do equipo de goberno do Concello de Barreiros concederon [...] 45 licenzas para a construción de edificacións, pese a estas deficiencias insalvables, recollidas nos informes xurídicos da secretaria municipal, do que prescindiron, pese a ser preceptivo, en parte dos procedementos que seguiron”, di a fiscal.

O escrito de acusación da Fiscalía é un compendio das diversas ilegalidades urbanísticas que se poden cometer

Porque mentres a arquitecta municipal, tamén acusada, obviou as irregularidades, a secretaria municipal non o fixo e advertiu expresamente delas. O escrito de acusación da Fiscalía é un compendio das diversas ilegalidades urbanísticas que se poden cometer. Os terreos afectados, moitos dedicados á agricultura ou a gandeiría, di a fiscal, “distaban, en termos irreconciliables, do que podería ser unha malla urbana, xa que carecían de acceso rodado público e de servizos de abastecemento de auga, evacuación de augas residuais, rede de saneamento e subministro de enerxía eléctrica con iluminación pública”. Nalgún caso as edificacións ocupaban solo protexido. É paradigmática a imaxe recollida anos despois nunha publicación da Xunta dun cartel ofrecendo a venta de chalés “con auga e luz” como algo extraordinario xa que moitas das edificacións que se facían daquela en Barreiros carecían daqueles servizos.

Oferta de chalés en Barreiros con "auga e luz" como algo extraordinario, nunha imaxe dunha publicación da Xunta

Hoxe en Barreiros, con 3.200 habitantes, hai 3.500 segundas residencias que só se ocupan en verán e fins de semana ou que están baleiras

Con aquelas licenzas que agora se xulgan, así como coas que se concederan en anos anteriores da burbulla inmobiliaria e mesmo posteriores, cando esta xa estoupara pero o goberno local de Barreiros seguía confiando no seu modelo de urbanismo, pasou de todo. Unha parte das vivendas se remataron, pero non todas lograron venderse malia o intento dos promotores de desfacerse delas con ofertas como un apartamento de dúas habitacións por 36.000 euros. Noutros casos nunca se chegou a mover unha pedra mentres que, nun punto intermedio, abundan en Barreiros as estruturas de formigón a medio levantar. Hoxe, no municipio de 3.200 habitantes, hai 3.500 segundas residencias que só se ocupan en verán e fins de semana ou que están baleiras.

Malia ese resultado, o goberno local considerou a intervención urbanística da Xunta como un ataque político. Nos últimos anos iniciou por dúas veces a redacción dun plan de urbanismo, pero teimando novamente en apostar polo aumento do parque de vivendas, con ata 2.000 máis, malia que as existentes están baleiras. Nunha análise incluída nos documentos previos dese novo plan, o propio equipo redactor relata como no momento da burbulla, polo simple feito de ser considerados polo Concello como solo urbano, terreos agrícolas ou gandeiros sen servizos valorados en 3 euros o metro cadrado pasaban a converterse en solares de 600 euros o metro.

“Votaron a favor das licenzas sendo coñecedores da imposibilidade de dar reposta ás necesidades de infraestruturas precisas para a execución de ditas licenzas e dos informes contrarios da secretaria”, di a fiscal

O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, que en 2013 dixo que “as feministas deixan de selo cando casan”, reeditou a maioría absoluta nas locais de 2015 e deixou o PP pero non o cargo uns meses despois, cando rematou a instrución do caso e se abriu contra el o xuízo oral que agora vén de ser programado para febreiro. Nel, xunto co rexedor, sentarán no banco cinco concelleiros e a arquitecta municipal. A fiscal considera o alcalde, a arquitecta e tres dos concelleiros autores dun delito continuado de prevaricación urbanística e pide para cada un deles dous anos de prisión e dez de inhabilitación para emprego ou cargo público en calquera administración. Os outros dous concelleiros só están acusados dun delito puntual de prevaricación administrativa porque só participaron na aprobación dunha das 45 licenzas do caso.

A fiscal di do alcalde e dos concelleiros que “votaron unanimemente a favor da concesión das licenzas referidas, sendo coñecedores da situación do solo da localidade de Barreiros, e da imposibilidade de dar reposta ás necesidades de infraestruturas precisas para a execución de ditas licenzas e dos informes contrarios da secretaria” ou mesmo da inexistencia deses informes. Da arquitecta, a fiscal di que “en case todos os expedientes anteditos emitiu informes como arquitecto municipal favorables á concesión das licenzas, pese á problemática exposta”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.