O alcalde de Barreiros: "As feministas son feministas ata que casan"

Alfonso Fuente, alcalde de Barreiros © PP de Lugo

"Retratar o seu machismo e fanatismo intolerante". É o que, a xuízo do PSdeG de Lugo, fixo o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente (PP), no último pleno municipal do Concello. Nesa sesión plenaria o rexedor conservador tomou a palabra para defender a oposición do seu grupo de sete edís a unha moción apoiada polos dous representantes socialistas e os dous nacionalistas contra o novo repagamento que a Xunta vén de instaurar nos comedores escolares. Fuente veu reproducir, con matices, o argumentario oficial do partido sobre a cuestión, pero con afirmacións de colleita propia, segundo denuncia o PSdeG.

Para Fuente non é xusto que os seus fillos e os das persoas con poder adquisitivo semellante ao seu non paguen nada polo comedor escolar, porque isto equipararíaos aos fillos das familias con menos recursos económicos. "Foi neste momento no que sacou o tema do comunismo", di a voceira municipal socialista, Carmen Veiga. "Os comunistas deixan de ser comunistas cando teñen cartos", proclamou, xusto antes de abondar na mesma teoría para sentenciar que "as feministas deixan de ser feministas cando casan e os ateos deixan de ser ateos cando cae o avión no que viaxan".

"Os comunistas deixan de ser comunistas cando teñen cartos", teorizou tamén o alcalde

A xuízo de Veiga, ademais de "machismo", as afirmacións do alcalde amosan a súa "absoluta falta de respecto polos que non comparten as súas ideas". Do mesmo xeito, censura que a secretaria municipal "non reflectise na acta a afirmación" do rexedor, aínda que as súas verbas provocasen as protestas da oposición e malia esixir unha concelleira do BNG que o alcalde "se retractase". "O despotismo e o desprezo co que actúan moitos alcaldes do PP nos seus municipios é intolerable, cren que o pobo é seu e que son invulnerables", lamenta a voceira do PSdeG.

Alfonso Fuente, alcalde de Barreiros © PP de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.