Ángeles Vázquez volve eloxiar a entrega de cartos públicos non aos mellores proxectos ou ás familias máis necesitadas senón ás máis rápidas presentando as solicitudes
O pasado 16 de xaneiro, ás 12 do mediodía, a Consellería de Medio Ambiente abriu o prazo das súas axudas a particulares para a corrección de impactos paisaxísticos, dotadas con dous millóns de euros. Novamente non foron outorgadas aos mellores proxectos nin ás familias máis necesitadas senón ás peticións presentadas máis rapidamente ata que se esgotaron os cartos. "Nos primeiros 16 minutos xa se recibiron o número de solicitudes preciso para esgotar o crédito, de concederse todas", gabouse o venres a conselleira, Ángeles Vázquez.
A Xunta vén repartindo todo tipo de axudas a particulares, empresas ou concellos polo procedemento de concorrencia non competitiva, co que os cartos son entregados aos primeiros que os pidan cumprindo os requisitos e ata que se esgote a contía dispoñible. Un procedemento que, a diferenza do de concorrencia competitiva, non ordena ou valora cada petición en función do resto das presentadas para primar por exemplo as que presenten un maior interese público ou os solicitantes estean máis necesitados das mesmas.
Ata hai catro anos o prazo para solicitar moitas desas axudas comezaba "ao día seguinte" da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, isto é, na seguinte medianoite ou cero horas do día en cuestión, obrigando a trasnoitar aos solicitantes. En ocasións, mesmo en fin de semana.
As convocatorias a medianoite xa mudaron e agora a Xunta especifica que o prazo comeza a contar ás 12 horas do mediodía de varias xornadas despois á publicación no DOG, pero a ausencia doutros criterios fai que a concorrencia non competitiva obrigue igualmente aos interesados a seren o máis rápidos posibles nas súas solicitudes.
No caso das axudas para reducir impactos paisaxísticos, que a Xunta engloba baixo o seu lema "fermosismo", hai dous anos, con un millón de euros en xogo nas subvencións dirixidas a concellos, os cartos repartíronse en 9 minutos e 9 segundos. O ano pasado, o millón de euros dirixido a particulares esgotouse aos 20 minutos e 20 segundos de abrirse o prazo, naquel momento nunha medianoite. Este ano, na liña de axudas para particulares, co dobre de cartos, en 16 minutos quedaron esgotados.
Segundo as cifras da Xunta, das 1.700 peticións recibidas no mes en que estivo aberto o prazo, 1.200 chegaron o primeiro día, pero só as 700 que se presentaron nos primeiros 16 minutos recibirán axudas.
O Consello de Contas vén pedindo á Xunta "incrementar o emprego das axudas en concorrencia competitiva fronte aos procedementos de concesión directa"
Sobre este tipo de convocatorias por concorrencia non competitiva vén pronunciándose de xeito crítico o Consello de Contas, a última vez nun informe específico sobre "riscos na área de subvencións" da Xunta feito público en outubro dentro da súa área de traballo de prevención da corrupción.
Entre as súas recomendacións Contas pide á Xunta "incrementar o emprego das axudas en concorrencia competitiva fronte aos procedementos de concesión directa" polo "risco de limitación da concorrencia" que supón. O ente fiscalizador tamén pide "manter e estender a todas as bases das axudas en concorrencia non competitiva a fixación dun intervalo de tempo entre a convocatoria das axudas e a apertura do prazo de presentación de solicitudes" polo "risco de fraude" que supón un prazo demasiado curto.
Contas sinalou no seu informe que "ligada ao risco de subministración de información privilexiada está a selección dos beneficiarios por orde de presentación das solicitudes ata o esgotamento de créditos cando as axudas se convocan en réxime de concorrencia non competitiva". "Sendo o réxime de concorrencia competitiva o procedemento ordinario de concesión das subvencións, o risco está en que a maior parte das subvencións se concedan á marxe deste réxime, ou que a Administración leve a cabo unha interpretación laxa daqueles supostos nos que a normativa vixente non permita outorgar subvencións directas sen concorrencia competitiva", salienta o ente fiscalizador.
Segundo o informe de Contas, en 2023 o 35,7% das subvencións que analizou na Xunta outórganse polo sistema de concorrencia non competitiva que debera ser unha excepción. Ademais, outro 6,5% das axudas foron outorgadas de xeito directo, polo que ata o 42% das subvencións recibíronse sen competencia entre as solicitudes.