"Caos social e económico": o augurio da conselleira de Medio Ambiente se o Estado limita a ocupación da costa

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, nunha sala de espera da Comisión Europea en Bruxelas este martes 17 de marzo de 2026 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Ángeles Vázquez vaticina que "se verían afectados uns 25.000 empregos" e un volume de facturación "estimado en 3.714 millóns", pero ao tempo admite que "nestes momentos é difícil aínda calcular o alcance concreto que terían os cambios"

Para a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a intención do Goberno de España de limitar a ocupación da costa, de titularidade pública, con concesións privadas, como lle pide a Unión Europea, provocará "caos social e económico en todo o país". Así o salientou o seu propio departamento nun comunicado logo de reunirse en Bruxelas con responsables da Comisión Europea, impulsora da reforma legal en España para acoutar as concesións, aos que transmitiu que "se verían afectados uns 25.000 empregos" e un volume de facturación "estimado en 3.714 millóns". Uns cálculos que lanzou ao tempo que admite que "nestes momentos é difícil aínda calcular o alcance concreto que terían os cambios".

Construcións de todo tipo no litoral galego CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

A xira da conselleira Vázquez por Bruxelas para queixarse de supostos agravios a Galicia comezou este luns con encontros nos que pediu poder cazar lobos ou criticou o poder xudicial español por parar cautelarmente parques eólicos mentres analiza o seu impacto. E este mércores reuniuse con "varios membros da Dirección Xeral de Mercado Interior" para criticar que o Goberno de España vaia reformar o regulamento de Costas para restrinxir as concesións, como lle pide precisamente a Comisión Europea. 

A reforma legal estatal parte dun procedemento de infracción aberto pola UE contra España por facilitar concesións e prórrogas no litoral sen concursos públicos abertos, o que supón precisamente un ataque ao libre mercado en beneficio de empresas xa establecidas na costa como "por exemplo, empresas papeleiras". Para iso o Estado limitará a duración das concesións e establecerá que só se poidan outorgar con competencia entre posibles solicitantes, como establece a directiva europea de servizos. E precisamente ante a Dirección Xeral de Mercado Interior da UE foi queixarse este martes a conselleira.

Fábrica de Ence na ría de Pontevedra © Ence

A conselleira lamenta que conserveiras, bateas ou outras industrias no litoral teñan que someterse a medidas en defensa do libre mercado como os chiringuitos de praia

Segundo o seu comunicado, criticou que "a intención é aplicar a directiva de servizos tamén ás actividades do complexo mar-industria polo que se equiparará a situación dunha batea ou dunha conserveira coa dun chiringuito de praia". Isto é, a conselleira lamenta que bateas ou conserveiras deban someterse a medidas para garantir o libre mercado como as que se aplican aos chiringuitos, que son outorgados aos mellores ofertantes e por tempos máis limitados.

Segundo salienta a consellería, o novo regulamento "provocará inseguridade xurídica e un caos social e económico en todo o país xa que permitiría a anulación de prórrogas a concesións xa outorgadas, a denegación de novas solicitudes e un réxime en xeral máis restritivo". Porén, a propia consellería admite que "nestes momentos é difícil aínda calcular o alcance concreto que terían os cambios propostos porque o Estado nunca contou cun rexistro oficial das concesións na costa e case nove meses despois de facerse efectivo o traspaso a Galicia das funcións e servizos para a xestión do litoral, aínda non enviou todos os expedientes nin corrixiu as deficiencias detectadas nos que xa se recibiron". 

Exposición de motivos do novo regulamento de Costas que está a tramitar o Ministerio para a Transición Ecolóxica CC-BY-SA Praza Pública

Tamén este martes o portavoz do PPdeG no Parlamento, Alberto Pazos Couñago, anunciou que no próximo pleno o seu grupo defenderá unha proposición non de lei e unha pregunta urxente fronte ao "ataque" de Pedro Sánchez á costa galega. Pazos pediu que "cese neste intento continuado e incomprensible de boicotear o litoral galego".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.