Galicia ten cinco destes espazos, abertos por orde do Goberno de España, que os financiou con fondos europeos coa directriz de dispor cando menos dun por provincia
O derradeiro día de 2024, ao límite dun prazo prorrogado, a Xunta puxo en servizo cinco centros de crise para mulleres vítimas de violencia sexuais. O proxecto, impulsado polo Goberno de España mediante fondos europeos transferidos ás autonomías, requiría da apertura de, como mínimo, un destes centros por provincia. O Executivo galego optou por instalar cinco noutras tantas cidade: Vigo, Ourense, Lugo, Santiago e Ferrol.
Alén da demora -que atinxiu a múltiplas comunidades autónomas-, estes centros botaron a andar no noso país acompañados por varias controversias. Pola decisión da Consellería de Política Social de encomendar a súa xestión a empresas privadas -os contratos gañáronos os xigantes multiservizos OHL e Eulen-, polo silencio imposto sobre o seu funcionamento nos primeiros meses de andaina. E pola exclusión das cidades da Coruña e Pontevedra do servizo unha vez decidido ir alén do modelo estritamente provincial.
Tras o primeiro ano completo de funcionamento dos centros, o PSdeG volveu cuestionar o Goberno galego sobre a posibilidade de estender os centros de crise ás dúas cidades que non dispoñen deles. E Política Social, como xa fixera meses atrás, volve esquivar esta posibilidade.
O PSdeG cuestiona a Política Social pola persistencia da ausencia destes centros na Coruña e Pontevedra se o propio Executivo, tras o primeiro ano abertos, "os cualifica como un recurso imprescindible" polo que pasaron case 400 mulleres
Nunha pregunta parlamentaria rexistrada o pasado abril polas deputadas Paloma Castro e Silvia Longueira e o deputado Julio Torrado, os socialistas resaltan que foi a propia Xunta a que, no seu balance dos primeiros doce meses dos centros, concluíu "que se trata dun recurso público imprescindible para dar unha resposta eficaz, integral e baseada nos dereitos das vítimas de violencia sexual". "Porén, a pesar da relevancia e dos resultados positivos, dúas das principais áreas urbanas de Galicia carecen destes centros, o que supón unha desigualdade territorial no acceso a un servizo fundamental".
Por iso cuestionaron o Executivo se, dado que "os cualifica como un recurso público imprescindible", "ten previsto proceder á creación e posta en funcionamento de centros de crise 24 horas na Coruña e Pontevedra". Na súa resposta, rexistrada o pasado maio, Política Social e Igualdade evita o compromiso.
Concretamente, o departamento que dirixe Fabiola García centra a contestación en describir os centros que si existen: "Ten en funcionamento cinco centros de crise para a atención a vítimas de violencia sexual, un máis dos que esixe a normativa: un por provincia", constata. "Están integrados nas respectivas áreas hospitalarias e prestan atención presencial e telefónica as 24 horas do día, abonda".
A Consellería argumenta que "analiza os datos con detalle dos seus centros" e "en función das necesidades, non descarta a apertura de novos centros"
"Como non podía ser doutro xeito", agrega, "o Goberno galego analiza os datos con detalle dos seus centros de crise e, en función das necesidades, non descarta a apertura de novos puntos de atención", din sen ofrecer máis detalles. As primeiras cifras de uso dos centros achegadas ao Parlamento indican que durante 2025 os cinco centros atenderon 381 vítimas, algo máis de unha ao día, e que o 57% chegaron derivadas doutros recursos como centros de información á muller ou servizos sociais, mentres que o 40% foi por iniciativa propia ou de familiares ou persoas achegadas.
En canto á distribución territorial, a información fornecida ao lexislativo indica que o 31% das mulleres atendidas fórono no centro de Vigo. A continuación estiveron s de Ferrol e Santiago, na contorna do 20%, e os de Lugo e Ourense, arredor do 15%.
Por razóns obvias, non existen datos da Coruña e Pontevedra -cando menos, non na información divulgada por Política Social-, cidades nas que durante ese mesmo ano 2025 os delitos de agresión sexual con penetración foron 24 e 5, respectivamente -en ambas urbes, con tendencia á alza; e o resto de delitos contra a liberdade sexual, 78 e 22 -incremento interanual na Coruña, lixeiro descenso en Pontevedra- segundo a información dispoñible no Ministerio do Interior.