Os homes acusados de maltrato e violencia de xénero xa non poden realizar visitas aos seus fillos e fillas, ao aprobarse unha modificación legal que viña sendo demandada dende hai anos polo movemento feminista co obxectivo de protexer as crianzas da chamada violencia vicaria.
A modificación legal segue o acordado no Pacto de Estado contra a Violencia de xénero aprobado no ano 2017
O pasado venres entrou en vigor a reforma do artigo 94 do Código Civil. Fíxoo a través da nova Lei 8/2021, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica e grazas a unha emenda presentada polo PSOE, que segue o acordado no Pacto de Estado contra a Violencia de xénero aprobado no ano 2017 e tamén outras medidas semellantes si incluídas na Lei de Protección á Infancia.
A anterior formulación da norma tiña como resultado que moitos maxistrados permitisen as visitas ou as estadías de fin de semana de pais que foran denunciados por violencia de xénero e maltrato
Ata agora este artigo 94 sinalaba que "o proxenitor que non teña consigo aos fillos menores ou incapacitados gozará do dereito de visitalos, comunicar con eles e telos na súa compaña", indicando unicamente que "o xuíz poderá limitar ou suspender se se desen graves circunstancias que así o aconsellen ou se incumprisen grave ou reiteradamente os deberes impostos pola resolución xudicial".
Porén, esta formulación tan aberta e ambigua tiña como resultado que moitos maxistrados permitisen as visitas ou as estadías de fin de semana de pais que foran denunciados por violencia de xénero e maltrato. Situacións que en ocasións tiñan como resultado o maltrato ou mesmo o asasinato dos fillos e fillas.
A nova redacción deste artigo 94 deixa claro que "non procederá o establecemento dun réxime de visita ou estancia, e se existise suspenderase, respecto do proxenitor que estea incurso nun proceso penal iniciado por atentar contra a vida, a integridade física, a liberdade, a integridade moral ou a liberdade e indemnidade sexual do outro cónxuxe ou os seus fillos. Tampouco procederá cando a autoridade xudicial advirta, das alegacións das partes e as probas practicadas, a existencia de indicios fundados de violencia doméstica ou de xénero".
"Non procederá o establecemento dun réxime de visita respecto do proxenitor que estea incurso nun proceso penal iniciado por atentar contra a vida ou a integridade física do outro cónxuxe ou os seus fillos"
O texto segue mantendo, no entanto, que "a autoridade xudicial poderá establecer un réxime de visita, comunicación ou estancia en resolución motivada no interese superior do menor ou na vontade, desexos e preferencias do maior con discapacidade necesitado de apoios e previa avaliación da situación da relación paternofilial". Indicando, iso si, que "non procederá en ningún caso o establecemento dun réxime de visitas respecto do proxenitor en situación de prisión, provisional ou por sentenza firme, acordada en procedemento penal polos delitos previstos no parágrafo anterior".
"Con esta modificación lexislativa estamos un paso máis preto de evitar que a xustiza permita as visitas, custodias ou patrias potestades de crianzas por parte dos maltratadores", sinalaba estes días a MMM
A modificación legal foi celebrada por organizacións coma a Marcha Mundial das Mulleres, que leva tempo traballando para incrementar a protección de nais e crianzas. "Levamos tempo defendendo a través da campaña 'Se É Machista Non É Xustiza' que un maltratador non é un bo pai e que ningún debe ter dereitos sobre as persoas ás que maltrata. Con esta modificación lexislativa estamos un paso máis preto de evitar que a xustiza permita as visitas, custodias ou patrias potestades de crianzas por parte dos maltratadores", sinalaba estes días a entidade.
"A xudicatura, baixo a súa perspectiva absolutamente machista, non alcanza a entender que un agresor nunca pode ser un bo pai", denunciaba en xullo Antía Pousa
En Ourense a Marcha Mundial levou a cabo durante o mes de xullo concentracións semanais ante os xulgados da cidade para esixir que deixen de concederse custodias compartidas a maltratadores ou a agresores sexuais. Antía Pousa salientaba daquela en conversa con Praza.gal que "estes agresores contan coa complicidade do sistema e, en concreto, do sistema xudicial" e denunciaba que "a xudicatura, baixo a súa perspectiva absolutamente machista, non alcanza a entender que un agresor nunca pode ser un bo pai".
"Cando aparece algunha nova terrible, coma o asasinato das dúas irmás de Canarias, daquela botamos as mans á cabeza e convocamos concentracións. Eu só pido que a xente que se indigna con isto, mire o que pasa todos os días nos xulgados e vexa as sentenzas desesperantes que saen de aí", engadía.
De igual xeito, Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), criticaba que "a lei recolle o dereito do neno a recibir protección cando hai unha situación de violencia de xénero, pero ao tempo permite que o xuíz manteña os dereitos de visita e custodia compartida, se considera que así se responde a un suposto interese superior de que os fillos teñan contacto co seu pai. Considérase prioritario e é moi difícil botar abaixo esa crenza".