As principais cidades e vilas acolleron na tarde deste sábado concentracións en repulsa do asasinato machista dunha veciña da Coruña
As principais cidades e vilas de Galicia acolleron na tarde deste sábado arredor dunhas corenta concentracións, especialmente numerosa no caso da Coruña, en repulsa polo asasinato machista dunha veciña desa cidade de 52 anos na noite do mércores ao xoves. A súa parella, presunto autor, xa foi detido e a Policía avanzou que conta con antecedentes por violencia de xénero.
Con consignas como “se tocan a unha respondemos todas” ou “o machismo mata”, cidadanía de todas as idades rexeitou o sucedido e reclamou que non vola suceder. No manifesto da convocatoria deste sábado divulgado pola Marcha Mundial das Mulleres en Galicia saliéntase que “a violencia non cesa, non parou durante a pandemia e non vai parar despois, os feminicidios son só a mostra máis brutal e cruel das violencias que día a día vivimos as mulleres, os feminicidios son o cume dun sistema que existe para oprimirnos”.
As convocantes reclaman "que se aborde desde idades temperás a violencia machista nas escolas"
O texto reclama “que se aborde desde idades temperás a violencia machista nas escolas” e “que se cuestionen as relacións de poder que se establecen entre iguais”. “Mentres non sexamos quen de erradicar o sistema patriarcal non haberá democracia nin igualdade real”, sentencia o manifesto das convocantes.
As mobilizacións deste sábado súmanse as concentracións oficiais realizadas nos días previos por todo tipo de institucións, desde o Parlamento de Galicia á Xunta ou varios concellos.