- O movemento feminista galego convoca concentracións contra a sentenza
- OPINIÓN | É unha violación, estúpidos!
A Audiencia Provincial de Navarra condena a La manada por un delito continuado de abuso sexual a nove anos de prisión polos feitos que se remontan ao 7 de xullo de 2016. O tribunal considerou que os integrantes do grupo, Antonio Manuel Guerrero Escudero, Jesús Escudero, José Ángel Prenda, Alfonso Jesús Cabezuelo, e Ángel Boza, son culpables dun delito de abuso sexual e non de agresión sexual, tal e como pedía a Fiscalía e a acusación particular, e do que foron absoltos. Tamén foron absoltos dun delito contra a intimidade e só un foi condenado a 900 euros de multa polo furto do móbil da moza: Antonio Manuel Guerrero, que confesou o roubo.
O Código Penal define o delito polo que foron condenados, abuso sexual, como actos que atenten contra a liberdade sexual "sen violencia e intimidación" e sen que medie consentimento. Por tanto, o tribunal entende que non existiu violencia e intimidación, tal e como se define o delito de agresión sexual na lei. Os maxistrados si consideran que houbo prevalimento, que se produce cando o agresor se aproveita dunha concreta e especial situación de superioridade, confianza, prestixio ou potestade con respecto á vítima.
O tribunal entende que non existiu violencia e intimidación, tal e como se define o delito de agresión sexual na lei
Ademais dos nove anos de condena, o tribunal impúxolles a prohibición de achegarse á vítima a unha distancia inferior aos 500 metros e a prohibición de comunicación coa vítima durante 15 anos. Ademais, tras cumprir a pena de cárcere, todos deberán cumprir cinco anos de liberdade vixiada.
O presidente da Sección Segunda da Audiencia Nacional, José Francisco Cobo, leu a ditame contra a unha do mediodía na sala de vistas 102 do Palacio da Xustiza de Navarra. A sentenza contou co voto particular do maxistrado Ricardo González, que pedía a absolución dos cinco integrantes de La manada e só recoñecía a condena a un deles polo furto do móbil.
A Audiencia de Navarra tamén considerou que son responsables civís e, por iso, condenounos a indemnizar conxuntamente á moza con 50.000 euros e con 1.531,37 euros ao Servizo Navarro de Saúde.
VÍDEO | As manifestantes ante a Audiencia de Navarra reciben a sentenza de #LaManada con apupos e berros de "fóra, fóra" https://t.co/u5d0e1zDib pic.twitter.com/dZ7MPgyX4F
— Praza Pública (@prazapublica) 26 abril 2018
Concentración ás portas da Audiencia de Navarra / eldiarionorte
Peticións das acusacións
A Fiscalía pedía para os acusados 22 anos de cárcere: 18 por un delito de agresión sexual, 2 anos por delito contra a intimidade e outros dous polo roubo con intimidación do móbil. As penas que solicitaba a acusación particular ascendían a 25 anos. As defensas, por contra, esixían a absolución dos seus clientes.
As partes, por unha banda, Fiscalía e acusacións populares e particulares, e por outra, as dúas defensas, tamén asistían á lectura. Ás portas do Palacio, unha concentración de colectivos feministas agardaba con impaciencia o fallo.
Pasaron 21 meses desde o 7 de xullo de 2016, o día en que se produciron os feitos, de madrugada e en só corenta minutos: ese é o tempo que transcorreu entre a primeira conversa entre cinco homes e unha muller nunha praza de Pamplona e a saída do grupo de mozos dun portal. Dentro, ela, en estado de shock, que pouco despois foi atendida por unha parella que a viu chorar desconsolada na rúa. "Queres que chamemos á policía?". "Si", respondeu ela. Os axentes recolleron a súa denuncia por agresión sexual grupal e os cinco mozos foron detidos horas despois. O cinco homes pasaron estes 21 meses en prisión provisional.