O movemento feminista galego convoca concentracións contra a sentenza da 'manada'

Están convocadas concentracións nunha vintena de cidades e vilas galegas Dominio Público Praza Pública

"Contra a xustiza machista que volve golpear nos dereitos das mulleres. Porque non hai xustiza posíbel nunha sociedade machista, hoxe saímos ás rúas en todo o país". O movemento feminista galego convoca concentracións nunha vintena de cidades e vilas galegas en protesta contra a sentenza do xuízo contra a manada, que ditaminou que no ataque sufrido por unha moza en Pamplona non existira violación nin agresión sexual e tan só abuso.

Estas son as convocatorias:

  • Vigo, 20.30h no Marco
  • Ames, 19.30h Praza da Mahía. Bertamiráns
  • Compostela, 20h Praza 8 de marzo
  • Lugo, 20.30h ás portas do Concello
  • A Coruña, 20h no Obelisco
  • Pontevedra, 20h na Audiencia Provincial
  • As Pontes, 20.30h ás portas do Concello
  • Ourense, 20h na Castañeira
  • Noia, 20h ás portas do Concello
  • Ferrol, 19.30h nos xulgados
  • Vilagarcía, 20h ás portas do Concello.
  • Cangas, 20h ás portas do Concello.
  • Viveiro, 20h na Praza Maior
  • Vilalba, 20.30h na Praza do Concello
  • Vilagarcía, 20h na Praza do Concello.
  • Melide, 20h na Praza do Convento.
  • Burela, 20.30h na Praza do Concello.
  • Cee, 20h na Praza 8 de Marzo.
  • Ponteareas, 20h diante dos Xulgados.
  • Ribeira, 20.30h na Praza do Concello.

 

Reacción de partidos

Dende En Marea cualifícase de "lamentable" a sentenza, que "mostra unha vez máis a desigualdade e a desprotección á que nos vemos sometidas na nosa vida, unha sentenza que fica moi lonxe do que nos entendemos por xustiza ante os feitos coñecidos". "Non podemos entender como pode non existir violencia nin intimidación cando unha muller é atacada contra a súa vontade por cinco homes que a penetran sen o seu consentimento e sen poder defenderse durante 18 minutos", afirma o comunicado, que alerta de que mentres que se "insiste en que as mulleres denuncien calquera tipo de violencia" a realidade é que "cando o fan vense soas, sen recursos aos que acudir e ante unha sociedade e unha xustiza cun machismo estrutural tremendamente enraizado".

O BNG amosa a súa "indignación" e "repulsa" ante a sentenza, que cualifica de "vergoñenta". Para a deputada Noa Presas, "as conclusións da sentenza envíanlles ás mulleres unha mensaxe clara: se es violada e non te resistes para non poñer en risco a túa vida, non te van a crer”. "Unha mensaxe" -conclúe- "que confirma que a única proba valida contra a violencia machista é ser asasinada”.

Para Anova, a sentenza é "un atentado contra os dereitos das mulleres" e "senta un precedente xudicial nefasto que contribúe a normalizar a violencia contra as mulleres". "Parécenos evidente que unha violación en grupo si é violenta e que a sentenza afonda en distorsionar o papel das mulleres: de vítimas a culpables por non se resistir", conclúe a formación.

Están convocadas concentracións nunha vintena de cidades e vilas galegas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.