O tribunal que xulgou a 'La manada' sentencia que o ataque sexual que cometeron non foi unha violación

Sede da Audiencia de Navarra © CGPJ

A Audiencia Provincial de Navarra condena a La manada por un delito continuado de abuso sexual a nove anos de prisión polos feitos que se remontan ao 7 de xullo de 2016. O tribunal considerou que os integrantes do grupo, Antonio Manuel Guerrero Escudero, Jesús Escudero, José Ángel Prenda, Alfonso Jesús Cabezuelo, e Ángel Boza, son culpables dun delito de abuso sexual e non de agresión sexual, tal e como pedía a Fiscalía e a acusación particular, e do que foron absoltos. Tamén foron absoltos dun delito contra a intimidade e só un foi condenado a 900 euros de multa polo furto do móbil da moza: Antonio Manuel Guerrero, que confesou o roubo.

O Código Penal define o delito polo que foron condenados, abuso sexual, como actos que atenten contra a liberdade sexual "sen violencia e intimidación" e sen que medie consentimento. Por tanto, o tribunal entende que non existiu violencia e intimidación, tal e como se define o delito de agresión sexual na lei. Os maxistrados si consideran que houbo prevalimento, que se produce cando o agresor se aproveita dunha concreta e especial situación de superioridade, confianza, prestixio ou potestade con respecto á vítima.

O tribunal entende que non existiu violencia e intimidación, tal e como se define o delito de agresión sexual na lei

Ademais dos nove anos de condena, o tribunal impúxolles a prohibición de achegarse á vítima a unha distancia inferior aos 500 metros e a prohibición de comunicación coa vítima durante 15 anos. Ademais, tras cumprir a pena de cárcere, todos deberán cumprir cinco anos de liberdade vixiada.

O presidente da Sección Segunda da Audiencia Nacional, José Francisco Cobo, leu a ditame contra a unha do mediodía na sala de vistas 102 do Palacio da Xustiza de Navarra. A sentenza contou co voto particular do maxistrado Ricardo González, que pedía a absolución dos cinco integrantes de La manada e só recoñecía a condena a un deles polo furto do móbil.

A Audiencia de Navarra tamén considerou que son responsables civís e, por iso, condenounos a indemnizar conxuntamente á moza con 50.000 euros e con 1.531,37 euros ao Servizo Navarro de Saúde.

Concentración ás portas da Audiencia de Navarra / eldiarionorte

Peticións das acusacións

A Fiscalía pedía para os acusados 22 anos de cárcere: 18 por un delito de agresión sexual, 2 anos por delito contra a intimidade e outros dous polo roubo con intimidación do móbil. As penas que solicitaba a acusación particular ascendían a 25 anos. As defensas, por contra, esixían a absolución dos seus clientes.

As partes, por unha banda, Fiscalía e acusacións populares e particulares, e por outra, as dúas defensas, tamén asistían á lectura. Ás portas do Palacio, unha concentración de colectivos feministas agardaba con impaciencia o fallo.

Pasaron 21 meses desde o 7 de xullo de 2016, o día en que se produciron os feitos, de madrugada e en só corenta minutos: ese é o tempo que transcorreu entre a primeira conversa entre cinco homes e unha muller nunha praza de Pamplona e a saída do grupo de mozos dun portal. Dentro, ela, en estado de shock, que pouco despois foi atendida por unha parella que a viu chorar desconsolada na rúa. "Queres que chamemos á policía?". "Si", respondeu ela. Os axentes recolleron a súa denuncia por agresión sexual grupal e os cinco mozos foron detidos horas despois. O cinco homes pasaron estes 21 meses en prisión provisional.

Concentración ás portas da Audiencia de Navarra CC-BY-SA eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.