As denuncias por casos de violencia machista seguen marcando máximos en Galicia, na liña do que sucede no conxunto do Estado. O Consello Xeral do Poder Xudicial vén de pechar os datos correspondentes ao ano 2022 e contabiliza durante o pasado exercicio un total de 7.029 denuncias, un 12,3% máis que no ano previo e un novo máximo dende que hai rexistros comparables, que nas bases de datos do Ministerio de Igualdade se remontan ao ano 2009.
A gran maioría destas denuncias, un total de 5.356, chegaron aos xulgados galegos despois de que as mulleres denunciasen ante un corpo policial. Como resultado deste incremento de denuncias aumentan tamén as mulleres que o Poder Xudicial identifica como vítimas de violencia de xénero: son 6.926 en 2022, mentres que en 2021 eran 6.219, o que supón un incremento un chisco superior do 11,4%.
Estes niveis máximos de datos de denuncias e vítimas son, así e todo, menores que noutros puntos do Estado. A taxa de violencia de xénero, que o Poder Xudicial calcula tomando como indicador o número de vítimas por cada 100.000 mulleres, sitúase en Galicia en 49,6, a segunda máis baixa do Estado só por tras de Castilla y León. A media estatal está en 72,9.
O 82% das sentenzas ditadas en Galicia durante 2022 para casos de violencia de xénero foron condenatorias
No ano que finaliza os xulgados galegos recibiron 1.882 solicitudes de medidas de protección para mulleres que denunciaran ser vítimas de violencia de xénero e, dentro deste total, 1.267 foron finalmente adoptadas. Isto significa que as ordes incoadas aumentaron un 5,5% interanual e as adoptadas son un 7,7% máis, mentres que o número de denegadas se incrementou un 1,7%.
Todo isto sucede nun contexto no que os órganos xudiciais galegos ditaron durante 2022 un total de 2.161 sentenzas en procesos por violencia machista. Algo máis de oito de cada dez foron condenatorias, un total de 1.775, isto é, o 82% do total, segundo os datos do Poder Xudicial. Isto sucedeu nun ano no que as vítimas que se acolleron á dispensa de non declarar diminuíron un 25,5%, en Galicia, ata quedaren en 351.
O Consello do Poder Xudicial tamén destaca no seu balance anual o impacto da Lei de Protección Integral á Infancia e á Adolescencia. No seu primeiro ano completo de vixencia, o 2022, esta norma trouxo consigo en Galicia 144 suspensións do réxime de visitas ás fillas e fillos para homes acusados de seren autores de delitos de violencia de xénero. En 2021, cando a lei só estivo en vigor dende xuño, foran 70.