Unha proposición do BNG logra a unanimidade da Cámara para instar a Xunta a que elabore co sector do ocio nocturno un protocolo para "blindar os dereitos das mulleres agredidas" que inclúa "actuacións en todos os ámbitos"
A proposta do BNG para a posta en marcha dun protocolo de actuación en casos de agresións sexuais nos espazos do ocio nocturno logra a unanimidade da Cámara. O Parlamento aproba instar a Xunta a "abrir un proceso de diálogo con representantes do ocio nocturno, no marco do Observatorio galego da violencia de xénero" co obxectivo de "impulsar a elaboración, aprobación e aplicación dun protocolo de prevención e intervención fronte agresións sexuais".
A proposición non de lei (PNL) defendida pola deputada nacionalista Olalla Rodil parte do acontecido nun local nocturno de Barcelona a finais do ano pasado. Unha violación presuntamente cometida polo futbolista Dani Alves –que permanece en prisión provisional polo risco de fuga, segundo ditou a xustiza– que tivo lugar nunha discoteca na que "todo o persoal, desde o que traballa na barra até o persoal de seguridade, –salienta Rodil– recibira formación e información en materia de violencia machista".
Olalla Rodil destacou que o persoal dese local barcelonés aplicou o protocolo posto en marcha pola patronal do ocio nocturno catalá xunto co concello de Barcelona e a Generalitat de Catalunya, centrado nas violencias sexuais que se poden producir nestes locais.
"Un protocolo moi completo que garante a protección das mulleres agredidas, con ferramentas para que o persoal saiba como actuar, garantir o acceso das mulleres aos recursos de apoio e acompañamento así como favorecer, especialmente, o labor de investigación policial en caso de denuncia", detallou.
Olalla Rodil puxo como exemplo o protocolo aplicado no caso da violación cometida supostamente polo futbolista Dani Alves en Barcelona, que favorece especialmente "o labor de investigación policial en caso de denuncia"
Por iso, na PNL da formación nacionalista aprobada na Cámara inclúese que o protocolo galego terá que contemplar "actuacións en todos os ámbitos (incluídos o sanitario e o policial), así como: formación e información específica dirixida ao persoal dos establecementos".
A deputada do BNG incidiu na necesidade de abordar estas situacións con todas as garantías e coas ferramentas necesarias para "blindar os dereitos das mulleres agredidas" e garantir "a súa atención, acompañamento e protección"; así como "formar e informar" a todo o persoal dun sector "que polas súas características rexistra moitas das agresións sexuais" que se producen no país.
Rodil lembrou que os delitos contra a liberdade e indemnidade sexual aumentaron un 29% en Galicia, segundo os datos da enquisa da Xunta realizada no 2021, con respecto ao ano 2020. As agresións sexuais con penetración medraron un 32% e o resto de delitos sexuais un 25%. Un incremento que vinculou con que "denunciamos máis e toleramos menos".
O pleno do Parlamento tamén reclama que dito protocolo, e todo o material ligado a el, terá que ser publicado "a través do portal web da Xunta de Galicia para garantir a súa difusión entre os establecementos e calquera persoa que a título individual o queira coñecer".