Case a metade do estudantado da Universidade de Vigo consultado afirmou ter recibido imaxes sexualmente explícitas non demandadas, algo que lle aconteceu dun xeito “frecuente ou moi frecuente” a case o 30% das alumnas (28%), fronte ao 18% dos homes. Esta é unha das principais conclusións da enquisa realizada a máis de 600 estudantes dos tres campus dentro do estudo coordinado polo profesor da Facultade de Comunicación Xabier Martínez Rolán e a investigadora da UDC Teresa Piñeiro no marco da Cátedra Feminismos 4.0.
O inquérito é o punto de partida do proxecto Toxicidade e violencias machistas en Instagram, no que se constata que o 58% do alumnado da UVigo sufriu situacións de acoso nesta rede social, que só denunciaron no 17% dos casos.
Case o 30% das alumnas da UVigo reciben frecuentemente imaxes sexuais a través de Instagram
Ademais, os resultados da enquisa destacan que as alumnas tamén tiveron que enfrontarse en maior medida a “mensaxes insistentes” por parte de persoas ás que non responderon ou rexeitaron, unha situación que padeceron de xeito frecuente o 43% das participantes no estudo, fronte ao 20% dos alumnos. Ademais, case unha de cada dez mozas (o 9%) recoñeceu ter sido acosada sexualmente a través de Instagram dun xeito frecuente, o que só lle aconteceu ao 3% dos participantes.
Os primeiros datos da investigación que Martínez Rolán e Piñeiro realizaron xunto cos investigadores Laura Castro, da UDC, Graciela Padilla, Almudena Barrientos e David Caldevilla, da Universidad Complutense de Madrid, presentáranse xa en novembro na cuarta edición do workshop Hackeando o patriarcado, da Cátedra Feminismos 4.0.
Daquela xa se constatara que o 58% do alumnado sufrira situacións de acoso a través de Instagram e que un 13% asegurara sufrilo de xeito frecuente. A súa resposta maioritaria foi ignoralas, como así aconteceu no 53% dos casos.
Posteriormente, esta análise foi complementada por un estudo “dos datos segregados por xéneros”, que permitise detectar diferenzas na “valoración e percepción de diferentes tipos de violencias dixitais”, segundo explica Martínez Rolán, que poden darse nunha rede social empregada pola práctica totalidade do alumnado.
"A principal conclusión do estudo é a a normalización da violencia; amosa datos preocupantes”
Respecto do conxunto do estudo, Martínez Rolán sinala que "a principal conclusión é a normalización da violencia”. "Amosa datos preocupantes”, di, ao tempo que destaca que á estas violencias dixitais son padecidas en maior medida e dun xeito máis recorrente polas alumnas.
A enquisa foi respondida por un 73% de mulleres, un 23% de homes e un 1% de persoas non binarias e permitiu constatar que unha “porcentaxe bastante elevada” do alumnado -máis do 35%- sentiuse “ofendido, humillado, intimidado, acosado ou agredido” en Instagram.
Á hora de coñecer “que tipos de violencia eran os máis habituais”, a investigación permitiu constatar que, na súa maioría, as alumnas sufríanas dun xeito “frecuente ou moi frecuente” en maior medida que os homes. Ese é o caso da recepción de imaxes sexuais ou de mensaxes insistentes, pero tamén do uso de “linguaxe odiosa” contra elas, de ter sido avergoñadas publicamente ou de que outros usuarios compartisen ou ameazasen con compartir imaxes ou información persoal sen o seu consentimento.
Pola contra, o único aspecto que os estudantes varóns sinalaron padecer en maior medida foi o de ter sido “ameazados con violencia física”, o que lle aconteceu de xeito frecuente ao 8% dos alumnos e a un 4% das alumnas.