Desarticulan unha organización criminal con base nas provincias de Ourense e A Coruña, e noutras do Estado, dedicada á trata de seres humanos con fins de explotación sexual e prostitución coactiva
Unha operación da Policía Nacional, en colaboración coa Europol, libera a 21 mulleres que estaban a ser explotadas sexualmente en pisos que funcionaban como prostíbulos, coaccionadas por un grupo criminal establecido en diferentes lugares do Estado.
As vítimas, principalmente de orixe latinoamericana, eran captadas nos seus países de orixe, e unha vez estaban en territorio español eran forzadas a prestar 'servizos sexuais' para saldar a débeda contraída que ascendía a 7.000 euros, segundo detalla a Policía Nacional.
A organización criminal, que coa información facilitada polos corpos de seguridade quedou desarticulada, presuntamente chegou a vender a algunhas das súas vítimas a outros tratantes por cantidades próximas aos 1.000 euros.
A operación policial saldouse con nove persoas detidas: cinco na provincia de Ourense, unha na Coruña, unha en Burgos, unha en Cuenca e outra en Madrid. A investigación policial comezou por mor dunha información que alertaba da chegada a España dunha presunta vítima de trata de seres humanos captada na súa cidade natal por unha organización criminal dedicada á explotación sexual de mulleres.
As pescudas realizadas polos axentes permitiron localizar a esa vítima e confirmar a existencia dunha organización criminal situada en diversas provincias españolas dedicada á trata de seres humanos con fins de explotación sexual e prostitución coactiva. Os nove detidos serán xulgados como presuntos responsables dos delitos de trata de seres humanos, prostitución coactiva, pertenza a grupo criminal e favorecemento da inmigración ilegal.
As vítimas eran mulleres en situación de gran vulnerabilidade que viaxaban a España co obxectivo de mellorar as súas condicións de vida
As vítimas eran mulleres en situación de gran vulnerabilidade que viaxaban a España co obxectivo de mellorar as súas condicións de vida. Os explotadores proporcionábanlles reservas de hotel en Madrid, seguro médico de viaxe e un voo de volta á súa cidade natal co fin de simular a súa condición de turistas. Ademais, dábanlles intrucións sobre como comportarse na fronteira para non levantar sospeitas diante das autoridades estatais.
Localizáronse varios pisos que se empregaban como prostíbulos, xestionados e controlados pola organización criminal, repartidos por distintas localidades onde as mulleres eran forzadas a exercer a prostitución. As vítimas hospedábanse neses pisos durante un tempo determinado ata que eran trasladadas entre as diferentes provincias. Exercían a prostitución durante todo o día e o beneficio obtido era repartido ao 50% coa organización, segundo explica a Policía Nacional. Nos rexistros domiciliarios interviñeron oito teléfonos móbiles, 2.895 euros en efectivo e diversa documentación relevante para a investigación.