Desmantelada unha organización de explotación sexual de mulleres nun piso do centro da Coruña

Cartos, unha arma, teléfonos e documentación incautada no piso dedicado á explotación sexual no centro da Coruña o pasado 1 de agosto © CNP

Tres mulleres "en situación de vulnerabilidade" eran forzadas a prostituírense "as vinte e catro horas do día e os sete días da semana"

Explotación sexual continuada en pleno centro da Coruña. A Unidade contra as Redes de Inmigración Ilegal e Falsidades Documentais (UCRIF) da Policía Nacional vén de revelar que os seus efectivos na provincia coruñesa interviñeron o pasado 1 de agosto nun céntrico inmoble da cidade herculina para desmantelar "unha organización criminal dedicada á explotación sexual" mediante a prostitución forzosa.

As pescudas, indica o corpo policial, "determinaron que as vítimas eran obrigadas a exercer a prostitución". Eran, concretamente, tres mulleres "en situación de vulnerabilidade" ás que forzaban a "estar dispoñibles as vinte e catro horas do día e os sete días da semana".

Recente campaña da ONG Ecos do Sur para concienciar contra a prostitución á mocidade

A principal explotadora era a considerada "responsable do piso". Canda ela, di a Policía, "outras tres mulleres máis que exercían o rol de encargadas. As catro foron detidas e as tres mulleres ás que tiñan retidas, "rescatadas" e "derivadas a recursos asistenciais especializados" nos que precisaron "atención médica, psicolóxica e legal". [O porno e as festas de verán, porta de entrada á prostitución para os mozos galegos]

A Policía mantén aberta a operación, na que a considerada "responsable" do piso e catro "encargadas" foron detidas

As catro detidas foron postas á disposición xudicial no marco dunha investigación que "segue aberta" e na que a Policía non desbota "futuras detencións". A intervención do pasado agosto achou "unha cantidade significativa de cartos en efectivo" e, no mesmo piso, "unha arma larga e varios documentos en formato físico e electrónico".

Esa documentación, agrega, inclúe "anotacións relevantes para a investigación" e pode ser "clave para avanzar no caso e determinar a posible implicación doutros membros da organización criminal". A UCRIF subliña que, no contexto das operacións contra a trata de persoas e a explotación sexual, ten tamén abertas canles para a colaboración cidadá a través do teléfono 900105090 e do correo electrónico trata@policia.es.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.