O porno e as festas de verán, porta de entrada á prostitución para os mozos galegos

Un prostíbulo en Meis © Google

Coincidindo co Día Mundial Contra a Trata de Persoas, celebrado este 30 de xullo, a ONG Ecos do Sur lanzou unha serie de accións informativas e de sensibilización centradas no uso que os mozos galegos fan da prostitución, "un problema crecente", segundo a entidade

Coincidindo co Día Mundial Contra a Trata de Persoas, celebrado este 30 de xullo, a ONG Ecos do Sur lanzou unha serie de accións informativas e de sensibilización centradas no uso que os mozos galegos fan da prostitución, "un problema crecente", segundo a entidade, que alerta de que "os homes que recorren á prostitucion son cada vez máis novos, máis violentos e normalizan a prostitución como unha actividade de lecer máis, sen seren conscientes do sufrimento que hai detrás".

Ecos do Sur parte da información proporcionada por mulleres explotadas sexualmente en clubs e pisos de Galicia e pon sobre a mesa a carencia de datos oficiais no noso país, pois a diferenza doutros territorios en Galicia non existen estudos recentes sobre a idade e perfil do home que acode á prostitución.

A entidade pon o foco, igualmente, no impacto negativo que ten o consumo de pornografía na rede, que leva á deshumanización das mulleres explotadas sexualmente. E, igualmente, no papel que xogan as festas patronais, especialmente no verán, como momentos de iniciación no consumo de prostitución. 

"Os homes que recorren á prostitucion son cada vez máis novos, máis violentos e normalizan a prostitución como unha actividade de lecer máis, sen seren conscientes do sufrimento que hai detrás", di a entidade

"O 1 de agosto comezan infinidade de festas patronais en toda Galicia, e miles de mozos acudirán aos clubs a maltratar ás mulleres que, na súa maioría, son prostituídas en contra da súa vontade. Algúns probarán por primeira vez e xa non o deixarán en toda a súa vida, coas consecuencias que iso terá para eles, para as mulleres vulnerables vítimas de trata e para a sociedade igualitaria á que aspiramos", subliña Ecos do Sur

Por este motivo, Ecos do Sur fai fincapé en que "é necesario concienciar aos máis novos sobre o que esconden a maioría de prostíbulos" e creou unha campaña, dirixida aos mozos, que inclúe un spot titulado Se pensas que elas gozan, estás delulu!, un anuncio dirixido polo cineasta Javi Camino e protagonizado por Abelo Valis, Juanma Buiturón e Saamira Ganay. A campaña foi anfocada "a mozos que acoden por primeira vez á prostitución, moitas veces levados por un amigo ou referentes de maior idade, e con el preténdese propiciar unha reflexión sobre o que realmente está detrás", pois "a diferenza dunha película, isto é moi real", sinala a ONG.

"O 1 de agosto comezan infinidade de festas patronais en toda Galicia, e miles de mozos acudirán aos clubs a maltratar ás mulleres que, na súa maioría, son prostituídas en contra da súa vontade. Algúns probarán por primeira vez e xa non o deixarán en toda a súa vida", sinala Ecos do Sur

As mulleres entrevistadas por Ecos do Sur sailientan que ter a primeira experiencia sexual cunha muller prostituída segue sendo un fenómeno en vigor en Galicia, no que inflúe a presión do grupo ou familiar, que empuxa aos mozos a "iniciarse aínda con dúbidas". "A min paréceme moi forte que un neno con dezaoito anos vaia a un sitio a pagar a unha moza. Tiven a mozos que era a súa primeira experiencia sexual, paseino moi mal, non o volvería a facer. Tiven consecuencias psicolóxicas porque teño un fillo, e non entendo por que fan iso", sinala unha delas. 

Ademais, acoden moi nerviosos, con complexos nas súas relacións e sobre si mesmos, relacionados cos imperativos da masculinidad tóxica. Moitos dos mozos que acoden por primeira vez a un club ou piso decote fano empurrados por amigos ou mesmo familiares, como parte dun agasallo ou dun rito de paso, pois as concepcións machistas sobre como debe ser un home seguen pesando no seo familiar.

Captura do spot dirixido por Javi Camino ©

"Nos pisos son moito máis novos que nos clubs, porque como o club é tipo discoteca, poida que non che deixen entrar. Pero o piso é máis privado e ti podes dicir que tes 20 ou 30 anos e dálles igual. Atopeime con rapaces menores de idade, dezasete, dezaseis...", di unha das entrevistadas

Ecos do Sur salienta que o cliente novo "adoita repetir e adquire un hábito que manterá o resto da súa vida" e subliña que este aspecto "é especialmente perigoso por canto condiciona un futuro no que seguirá existindo demanda de prostitución, e, por tanto, un futuro de explotación sexual para as mulleres máis vulnerables".

Algunhas mulleres inciden nas baixas idades dos consumidores, sendo algúns mesmo menores cando acoden ou son levados por primeira vez. Sinalan que "non chegan sen coñecemento", pois saben que probablemente non lles permitirán entrar nos clubs, polo que consultan os anuncios e recorren aos pisos onde as mulleres son explotadas por proxenetas onde hai menos control: "Nos pisos son moito máis novos que nos clubs, porque como o club é tipo discoteca, poida que non che deixen entrar. Pero o piso é máis privado e ti podes dicir que tes 20 ou 30 anos e dálles igual. Atopeime con rapaces menores de idade, dezasete, dezaseis...". di unha das entrevistadas.

Moitos dos mozos que acoden por primeira vez a un club ou piso decote fano empurrados por amigos ou mesmo familiares, como parte dun agasallo ou dun rito de paso

Ecos do Sur tamén alerta do que atopa nos foros online sobre prostitución en Galicia, onde os consumidores veteranos aconsellan os mozos "en asuntos como a maneira de detectar se unha muller está en situación de necesidade e as estratexias para conseguir que lles rebaixe o prezo". "O ton dos comentarios nestes foros lembra aos contidos da manosfera, nos que o desprezo, a cuosificación e os ataques cara ás mulleres son a norma", sinala a entidade.

Valla publicitaria cun anuncio dun local de alterne, en Lugo, nunha imaxe de arquivo © Lugonovo

As mulleres prostituídas detectan así mesmo unha violencia crecente entre os explotadores, cunha "alta esixencia" nas prácticas demandadas e unha grande agresividade verbal e física

As mulleres prostituídas detectan así mesmo unha violencia crecente entre os explotadores, cunha "alta esixencia" nas prácticas demandadas e unha grande agresividade verbal e física. "Os mozos novos sempre veñen bébedos, en grupo, con amigos, en fin de semana, e piden moito. Algúns son agresivos", explica unha delas. Outra apunta que "senten que somos un obxecto". "Os mozos novos son máis agresivos, máis esixentes, teñen máis fantasías, piden cousas máis raras", di outra. Mentres que outra das entrevistadas apunta que "noto moita diferenza entre os mozos de hai 10 anos e os de agora, cóidanse moi pouco, moita irresponsabilidade, moita práctica de risco se por eles fose".

Os mozos a miúdo acoden aos clubs e pisos tras consumir grandes cantidades de drogas e alcol, o que incrementa a agresividade. Ecos do Sur salienta que o consumo de cocaína duplicouse en dous anos en Galicia ata acadar o máximo histórico: un 14,1 por cento da poboación entre 15 e 64 anos recoñece que probou algunha vez a substancia e destes máis dun terzo probárona antes dos 17 anos.

"O consumo compulsivo de pornografía desde idades temperás está directamente relacionado coa esixencia agresiva e o consumo de prostitución, pois ao carecer moitos mozos dunha base en educación sexual, as webs de porno convértense nos seus referentes"

Ademais do consumo de alcol e drogas, os expertos sinalan á pornografía como a causa que explica esta maior violencia cara ás mulleres. Segundo o estudo A percepción da pornografía entre os mozos adolescentes en Galicia (García Marín, Gómez Vázquez, Curros Espiño e Soto Casás, USC, 2023), o 48% dos menores galegos comezan a ver pornografía antes dos 12 anos.

"A exposición a contidos extremos e o consumo compulsivo de pornografía desde idades temperás están directamente relacionados coa esixencia agresiva e o consumo de prostitución, pois ao carecer moitos mozos dunha base en educación sexual, as webs de porno convértense nos seus referentes", alerta o informe de Ecos do Sur, que apunta que se produce "unha pornificación da realidade, na que acudir á prostitución para satisfacer intereses sexuais baseados na irrealidade é un paso que se explica como natural".

A exposición a contidos extremos e o consumo compulsivo de pornografía desde idades temperás están directamente relacionados coa esixencia agresiva e o consumo de prostitución CC-BY-SA Senyac

Ecos do Sur tamén alerta da "normalización" da explotación sexual das mulleres como unha forma máis de lecer: "calla a idea individualista de que o goce é un dereito persoal, independentemente da situación dos demais"

Ecos do Sur tamén alerta da "normalización" da explotación sexual das mulleres como unha forma máis de lecer. "Un dos problemas que suxire a relación entre os mozos galegos e a prostitución é que a entenden como calquera outro produto de consumo, dentro dunha ética hedonista enfocada ao gozar e ao lecer. Isto lévalles a bloquear completamente a empatía cara ás mulleres en situación de prostitución e a pasar por alto a situación de explotación que viven", di o informe, que conclúe que "calla a idea individualista de que o goce é un dereito persoal, independentemente da situación dos demais"

Restos dun dos prostíbulos da trama Carioca en Lugo © Google

"Sobre todo no verán, coas festas de Coruña de agosto os prostíbulos da cidade teñen máis clientes de todo tipo, tamén turistas, novos e maiores", di unha das mulleres entrevistadas

O informe salienta que "calquera celebración supón unha desculpa para acudir a clubs e pisos" e, en consecuencia, agora no verán e con festas en toda a xeografía galega "prodúcese un momento crítico". "Se se xoga deporte ou gaña o Deportivo, veñen seguro. E en San Xoán, nas fins de semana...", di unha das entrevistadas. "Os mozos veñen máis cando hai festas ou celebran algo, buscan os pisos en anuncios", di outra. Unha terceira apunta que "veñen en época de festa: canto máis festa, máis festa. Sobre todo no verán, coas festas de Coruña de agosto os prostíbulos da cidade teñen máis clientes de todo tipo, tamén turistas, novos e maiores".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.