Pallaporte

Porno CC-BY-SA Senyac

Desde que se fixo público o borrador onde un comité experto propón un posible mecanismo para controlar o acceso dos menores á pornografía na rede, a caverna está desaforada vindicando o dereito á privacidade. Un discurso parello ao que se dá arredor da prostitución: a palabra liberdade debúxase en grandes letras de molde, douradas e refulxentes

A diario “regalamos” a nosa intimidade, os nosos datos persoais, hábitos de consumo, gustos e desgustos aos algoritmos. É case imposible evitalo, logo non lle damos moitas voltas. Malia que o uso da rede global segue presentándose como unha opción de lecer, na práctica é obrigatorio incluso para actos imprescindibles: desde coñecer as notas das fillas ata operar na nosa conta bancaria, o devir cotián pasa polas aplicacións e os servizos online. E cada vez que entramos nese mundo paralelo aceptamos as cookies (aínda que sexa só as funcionais) e consentimos as políticas de privacidade, autorizando así a compilación de información preciosa acerca de nós: que nos gusta, onde estamos, que mercariamos e que non, canto temos, onde o temos...

Ala polo 2000 asistín á conferencia dunha importante publicista que abriu a súa disertación afirmando que “cando non pagas, é que o produto es ti”. Na altura, soaba un pouco esaxerado. Vinte e catro anos despois, é unha evidencia. 

Desde que se fixo público o borrador onde un comité experto propón un posible mecanismo para controlar o acceso dos menores á pornografía na rede, a caverna está desaforada vindicando o dereito á privacidade. Un discurso parello ao que se dá arredor da prostitución: a palabra liberdade debúxase en grandes letras de molde, douradas e refulxentes. Mais o conto é saber da liberdade de quen se está a falar. Semellaría que cuestionar o control do consumo de contidos maioritariamente machistas e violentos é atentar contra a liberdade de quen o fai. Seica, opinan que tentar poñer barreiras ao tremendo dano que a pornografía “mainstream”, totalmente accesible, fai nos cerebros e a sexualidade de crianzas e adolescentes, limita os dereitos desa masa de consumidores sen escrúpulos nin ética que berra indignada. O certo é que onde din liberdade, refírense a privilexio.

Resulta desconcertante que tanta xente poida, a un tempo, defender a calquera prezo o consumo deses contidos como algo privado, alegando que afecta unicamente á intimidade de cada quen, e sorprenderse cando as violacións grupais, as disfuncións erectis e os embarazos de menores medran de xeito alarmante

Cómpre sinalar que o proxecto aspira a salvagardar a identidade das persoas “usuarias” ao tempo que verificar a súa maioría de idade. Acho que tal pretensión pode cualificarse de utópica. Internet non está deseñada para o anonimato, máis ben, todo o contrario, pois é un medio que tende a saber todo de quen o emprega. 

Velaí o seu valor no mercado capitalista: ser a principal fonte de información monetizable. Poderíamos afirmar que o prezo por usar a rede é, precisamente, renunciarmos á nosa intimidade. Se iso vale para estar nunha rede social ou mercar roupa, cal é a diferenza?

Non entro hoxe a opinar nin informar acerca do que supón o consumo deses vídeos e fotografías, da explotación ou o discurso súper patriarcal, violento e estarrecedor que divulgan en altísima porcentaxe. Xa o fixen antes e prometo facelo de novo máis adiante. Só apunto o desconcertante que me resulta que tanta xente poida, a un tempo, defender a calquera prezo o consumo deses contidos como algo privado, alegando que afecta unicamente á intimidade de cada quen, e sorprenderse cando as violacións grupais, as disfuncións erectis e os embarazos de menores medran de xeito alarmante. Éme incrible que non se vexa a relación directa entre ambas cuestións, a disociación con respecto á dor que moitas deben sufrir para que moitos crean gozar.

Unha vez máis, o patriarcado resignifica a idea da liberdade equiparándoa ao privilexio. Pero tal liberdade non é posible se non hai simetría de poder, igualdade de trato e oportunidades. E o “porno” do que se pretende protexer, polo menos, ás crianzas, non se axusta a eses parámetros

Os mesmos que se alporizan ante a remota posibilidade de que “alguén” descubra os seus hábitos de consumo pornográfico, non teñen problema ningún con que as macro corporacións que tentan manipular o noso voto a base de coñecer as nosas respostas emocionais poidan dispoñer libremente de toda esoutra información sensible a cambio de poder mercar online un libro. A dobre vara de medir do privilexio entra de novo en escena. Entre bromas e ameazas, a caverna espalla polo ciberespazo unha vaga de indignación ante a posibilidade de que os seus hábitos opresores sexan visibles ou rastrexables. 

Talvez, o que temen os inventores do termo “pallaporte” é que poidamos ver as súas verdadeiras faces. Que o mundo descubra, horrorizado, a inmensa proporción de persoas que unicamente atopan pracer e excitación na misoxinia. 

Unha vez máis, o patriarcado resignifica a idea da liberdade equiparándoa ao privilexio. Pero tal liberdade non é posible se non hai simetría de poder, igualdade de trato e oportunidades. E o “porno” do que se pretende protexer, polo menos, ás crianzas, non se axusta a eses parámetros. Aí llelo deixo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.