A prostitución é unha forma extrema de violencia de xénero, algo que ninguén nega cando existe intimidación, forza ou explotación por parte dun terceiro, nin cando se fala de trata de seres humanos, xa que proxenetismo e trata son delitos.
Ás persoas defensoras da prostitución voluntaria enchéselles a boca, preguntando que onde está o problema, xa que están exercendo un traballo con liberdade; que quen somos as demais persoas para dicirlles o que poden ou non facer elas co seu corpo...
O debate e o conflito xorde cando aparece a seguinte formulación, que hai mulleres que exercen a prostitución de forma “voluntaria e libre”, aparecendo pois unha diferenciación entre prostitución voluntaria e prostitución forzada.
E daquela, ás persoas defensoras da prostitución voluntaria enchéselles a boca, preguntando que onde está o problema, xa que están exercendo un traballo con liberdade; que quen somos as demais persoas para dicirlles o que poden ou non facer elas co seu corpo... Esta división de prostitución forzada e voluntaria baséase no concepto do consentimento que non ten en conta as causas, eses factores polos cales as mulleres chegan a esa situación: a pobreza, a falta de recursos e alternativas, a falta dun traballo, o pertencer a países periféricos... Se a prostitución é libre, como defenden certos colectivos e persoas, por que quen a exerce son maioría mulleres de clases baixas, empobrecidas ou provenientes de países empobrecidos? Ninguén se pregunta se realmente exercen libremente a prostitución. E en último caso, por que o fan? Ninguén se pregunta se hai unha coacción nesa elección. En tal caso, unicamente o día no que as mulleres teñan garantido os dereitos a unha vida íntegra: á educación, ao traballo, á igualdade, á vivenda, á saúde…, só a partir dese momento poderiamos falar de elección e liberdade. Ante estas circunstancias, temos que pensar que as mulleres non elixen, resígnanse e polo tanto, a prostitución non pode ser analizada desde o consentimento das mulleres prostituídas, senón desde unhas relaciones de dominación por parte dos homes sobre as mulleres. E non sempre o consentimento lexitima unha práctica e a converte en traballo. A prostitución en ningún dos casos é unha forma de vida desexable.
Se a prostitución é libre, como defenden certos colectivos e persoas, por que quen a exerce son maioría mulleres de clases baixas, empobrecidas ou provenientes de países empobrecidos?
Por outra parte, é algo enganoso, ao presentar como elección o que é un negocio entre homes (entre proxenetas e puteiros ou prostituidores). Falo de puteiros ou prostituidores e non de “clientes”. A palabra “cliente” é neutra e aséptica e oculta a dura realidade que viven estas mulleres. O termo cliente é máis propio da industria e dos empresarios do sexo. Sobre elas, dicir tamén que deben ser chamadas prostituídas e non prostitutas. Os termos prostituída/prostituidor foron acuñados por Sheila Jeffreys para indicar que esta non existe sen o outro polo opoñente, o prostituidor. (1)
Parece, pois, que estamos ante falacias, porque eses argumentos nada teñen que ver coa realidade destas mulleres que son prostituídas e nunhas circunstancias nas que non teñen cabida, nin tal vocación, nin tal liberdade. Tampouco se pode falar de “liberdade sexual” para xustificar uns actos que nada teñen que ver para elas co pracer. Liberdade sexual ten o prostituidor que compra un servizo, non a muller ao servizo do prostituidor. Como di Françoise Héritier: “dicir que as mulleres teñen dereito a venderse, é ocultar que os homes teñen dereito a mercalas”. Estamos ante unha relación de poder e desigualdade que sitúa ás mulleres dun lado (oferta) e aos homes doutro (demanda) e que converte ás mulleres e nenas en mercancías e obxectos consumibles. Ao entrar na prostitución as mulleres deixan de ser suxeitas activas de dereito para convertérense en obxectos comerciables, que calquera pode mercar e vender, tal como sinala Sonia Sánchez. (2)
Como di Françoise Héritier: “dicir que as mulleres teñen dereito a venderse, é ocultar que os homes teñen dereito a mercalas”
Non dificulta isto unhas relaciones libres e igualitarias entre homes e mulleres? Non impide isto o camiño cara a unhas sociedades xustas, igualitarias e democráticas?
A prostitución é una institución social, masculina e patriarcal, por e para os homes, que ten por finalidade satisfacer a demanda masculina. Xa en Babilonia, no ano 2000 a. C. existía unha prostitución sagrada que obrigaba á entrega sexual dunha muller a calquera estranxeiro que as solicitase, costume estendido a Exipto, Grecia… En Grecia, no século V a. C. recrutaban escravas para este fin. No século XVIII, a industrialización e as condicións sociais da era industrial favoreceron o aumento da prostitución. No século XIX Rosalía de Castro publica un artigo titulado “La prostitución hospitalaria”, en el periódico El Imparcial (Madrid, 1881). Neste, Rosalía criticaba que nalgúns lugares da costa galega se ofrecía, como regalo de hospitalidade, unha muller aos mariñeiros que pasaran moito tempo no mar, alí onde estes se aloxasen. Esa muller era a esposa ou filla da familia e era ofrecida ao mariñeiro polo tempo dunha noite. Sobre isto, dicir que Rosalía foi duramente atacada na prensa galega polos rexionalistas. Este rexeitamento provocou tanta dor na escritora que fixo que Rosalía decidira non escribir nunca máis en galego e así o declarou nunha carta dirixida ao seu esposo Manuel Murguía. O seu seguinte e último libro foi en castelán: En las orillas del Sar (1884). A prostitución continuou ata os nosos días, abarcando unha violencia sistemática (física, psíquica e emocional) contra as mulleres e supoñendo, pois, unha afirmación da autoridade masculina sobre as mulleres como obxectos de uso, así como o dereito de propiedade sobre o corpo das mulleres.
“Necesitan contarse esa mentira, que son elas as que elixen, as que poñen prezo, as que son libres de entrar e saír cando lles prace”. É unha negación da dor. “Para sobrevivir nesa puta esquina ou nese prostíbulo, inventas unha realidade paralela”
Volvendo ás teorías que defenden a prostitución como traballo, dicir que estas piden regular a prostitución para a súa consideración de traballo. Podemos imaxinar a unha nena dicindo que de maior quere ser puta? Quen desexaría esta vida para una filla? Podemos pensar en ciclos formativos para a formación desta actividade? En que chamasen do paro para exercer a prostitución? Traio aquí varias citas de Sonia Sánchez, unha autora sobrevivente da prostitución (3): “Non é un traballo porque ningunha muller nace para puta. O patriarcado convértete en puta”. Si, hai mulleres prostituídas que din exercitar libremente a prostitución, pero como di esta autora que sufriu a prostitución en carne propia : “necesitan contarse esa mentira, que son elas as que elixen, as que poñen prezo, as que son libres de entrar e saír cando lles prace”. É unha negación da dor. “Para sobrevivir nesa puta esquina ou nese prostíbulo, inventas unha realidade paralela”. Cando ela se fixo realmente consciente da súa condición de puta: “Decateime que eu non vendía nada, porque nada era meu”. “O primeiro que fai a prostitución é romper a túa identidade e converterte nun obxecto de uso e abuso. Un corpo é un todo, pero unha puta só ten boca, vaxina e ano”. “E os prostituidores son os nosos irmáns, os xuíces, os políticos, os sacerdotes”. Si, os seus corpos, as súas vidas…, nada de nada lles pertence.
Segundo os datos de Sonia Sánchez, 40 millóns de persoas no mundo están en situación de explotación sexual, das cales un 80% son nenas e mulleres, que na súa maioría son menores de vinte e cinco anos. Nove de cada dez persoas prostituídas dependen dun proxeneta, que vive da explotación allea. (4) A industria del sexo move arredor de 12 millóns de dólares no mundo. Tamén sinala que sen prostitución no habería trata e que o que fixo a trata con fins de explotación sexual foi globalizar a prostitución. (5)
O debate sobre a prostitución en Europa centrase en dúas posturas: regulación (Alemaña e Holanda), que a consideran traballo e abolición (Noruega e Suecia), que levan unha política abolicionista.
Traficantes e proxenetas pasarían a ser considerados como legais empresarios do sexo. Cremos que legalizar non reduce a trata, nin garante os dereitos das mulleres
A regulación afirma que a prostitución é un traballo polo que esta debe legalizarse. Non se penaliza aos varóns. Esixe dereitos laborais para as prostitutas como a creación de rexistros e controis sanitarios, regulados polo Estado. Cremos que regular a prostitución como traballo supón normalizar a desigualdade e violencia para as mulleres e ademais, a trata e o proxenetismo deixarían de ser considerados como delitos. Traficantes e proxenetas pasarían a ser considerados como legais empresarios do sexo. Cremos que legalizar non reduce a trata, nin garante os dereitos das mulleres.
O abolicionismo considera a prostitución como unha violación dos dereitos humanos e sexuais das
mulleres. Propón perseguir e criminalizar os prostituidores ou puteiros que paguen por sexo, así como o peche de bordeis e prostíbulos para acabar co comercio sexual, o proxenetismo e o tráfico de persoas. Ofrece axuda integral ás vítimas para que accedan a un traballo digno e así incorporarse á sociedade con todos os dereitos. Propón unha educación liberadora e loita por traballos e salarios dignos para acabar coa prostitución.
Non se pode confundir esta postura coa posición da dereita conservadora que cataloga a prostitución como algo “inmoral e indigno”, polo que ataca e persegue principalmente ás mulleres prostituídas.
Nas circunstancias que vivimos co covid-19 e co estado de alarma, temos que facer referencia á crítica situación das mulleres que viven na prostitución. A ONG Médicos do Mundo vén denunciando neste tempo a vulnerabilidade na que quedou sumido este colectivo e pedindo solucións para elas
Hoxe, no Estado español, nas circunstancias que vivimos co covid-19 e co estado de alarma, temos que facer referencia á crítica situación das mulleres que viven na prostitución. A ONG Médicos do Mundo vén denunciando neste tempo a vulnerabilidade na que quedou sumido este colectivo e pedindo solucións para elas. Pensemos que a maioría destas mulleres están en situación irregular, sen papeis, sen un simple empadroamento, sen acceso ao sistema público de saúde, sen medidas de protección fronte ao virus, vivindo unha terrible situación económica... Elas están, pois, privadas dos dereitos máis fundamentais, aos que todas as persoas deberían de ter dereito polo feito de seren seres humanos. Os gobernos deberían tomar medidas e políticas amplas para que elas poidan gozar destes dereitos fundamentais e despois poder, xa que logo, beneficiarse das políticas de axuda económica, psicosocial... para poder acceder aos diferentes sistemas de servizos sociais e políticas relacionadas coa muller. Agora están confinadas; unhas, nos clubs (agora pechados); outras sen poderen pagar o alugueiro da habitación dos pisos nos que viven, excluídas das axudas do goberno porque estas están unicamente pensadas para persoas en situación regular, e elas non poden demostrar ingresos e na maioría dos casos tampouco teñen un contrato formal dese cuarto. Pasan, xa que logo, por unha durísima situación económica, polo que se ven empurradas a seguir prostituíndose nesta situación, aceptando a “prostituidores” habituais porque necesitan comer e enviar diñeiro ás súas familias, que soen estar noutros países e dependentes delas. Estas situacións agrávanse no caso das vítimas da trata, que en moitos casos, teñen que pagar unha importante débeda que teñen adquirida cos seus proxenetas e que agora, temen que aumente. A elección para elas é, pois, contaxiarse ou malsubsistir e quedar na rúa. Fácil de ver que con tales necesidades a súa capacidade de elección non existe.
Perseguir só os puteiros e traficantes de tratas con multas e cárcere é só unha loita a medias, pero ten que haber unhas políticas públicas globais que traballen por unha educación liberadora para todas as persoas, desde una perspectiva feminista
Para finalizar, dicir como Sonia Sánchez que perseguir só os puteiros e traficantes de tratas con multas e cárcere é só unha loita a medias. Isto é un paso nese camiño cara ao abolicionismo, o camiño da liberdade, pero ten que haber unhas políticas públicas globais que traballen por unha educación liberadora para todas as persoas, desde una perspectiva feminista loitando para eliminar a pobreza, a vulnerabilidade e a marxinación das mulleres e traballando de forma radical contra las violencias que sofren as mulleres, as trans e as lesbianas.
Notas
(1) Jeffreys, Sheila, The idea of prostittution, Press North Melboume (1997), 2ª edición,2008, p. 141.
(2) Entrevista de Irene Hernández Velasco a Sonia Sánchez: “El mismo home que te hace puta, en otro barrio es un marido y un padre”, en BBCNews Mundo: https://www. bbc.com/mundo/noticias-42052124?ocid=wsmundo.chat-apps.in-appp-msg.whatsapp.trial.link1_.auin, 27 de noviembre de 2017.ndustrialización e las condiciones sociales de la era industrial favorecieron el aumento de la
(3) Entrevista de Andrea del Pozo a Sonia Sanchez: “Sonia Sanchez, sobreviviente de explotación sexual: “la prostitución no se elige en liberdade””, en https://radiojgm.uchile.cl/sonia-sanchez-sobreviviente-a-explotación sexual-la-prostitución-no-se-elige-con-liberdade/, 4 de maio de 2019.
(4) Ibid.
(5) Ibid.