As mobilizacións feministas do 25N poñen o foco na "violencia xudicial"

Imaxe dunha concentración anterior contra a violencia machista en Compostela Dominio Público CA

O movemento feminista galego convoca concentracións esta tarde nas cidades e vilas máis importantes do país para denunciar a violencia machista. Este ano o foco ponse na "violencia xudicial", é dicir, as eivas na lexislación e na súa aplicación que dificultan o proceso de denuncia, limitan os mecanismos de protección de mulleres e nenos e nenas agredidas e dificultan a persecución e condena dos agresores.

Este ano o foco ponse na "violencia xudicial", é dicir, as eivas na lexislación e na súa aplicación que dificultan o proceso de denuncia, limitan os mecanismos de protección e dificultan a persecución dos agresores

Varias entidades veñen denunciando as carencias de persoal nos distintos niveis das estruturas policiais e xudiciais que deben prestar apoio ás denunciantes e tamén as eivas na súa formación específica. "Seguen dándose casos de mulleres que cando van poñer a denuncia, ao final bótanse para atrás ao non verse ben atendidas nese momento tan difícil", dicía nesta entrevista Raquel Doval (Rede de Mulleres Contra os Malos Tratos).

Hai eivas mesmo arquitectónicas nos edificios dos xulgados (deberían estar deseñados para ter salas separadas para agresores e agredidas, algo que moitas veces non sucede), que se unen a un sistema xudicial que sofre situacións de grandes demoras. E, igualmente, a ausencia de xulgados específicos de violencia de xénero (en Galicia só existen dous, na Coruña e Vigo), cunha situación que é máis negativa nas vilas pequenas e nas comarcas rurais, como lembraba Paz Filgueira nesta conversa.

En total, están convocadas unhas 30 concentracións, tanto nas sete meirandes cidades como en numerosas vilas de cade todas as comarcas do país

De cara ás mobilizacións deste 25 de novembro, a Marcha Mundial das Mulleres salienta "o incremento da toma de conciencia feminista das mulleres" e "os avances formais que o feminismo organizado impulsou e conseguiu trasladar ás institucións en materia de violencia machista". Porén, alerta de que "todos estes avances resultan insuficientes cando profundizamos neles e analizamos a súa aplicación". E, neste senso, pide non ficar "nun feminismo cómodo que mire ao lonxe as grandes transformacións lexislativas ignorando a súa aplicación e a consecuencias que esta ten para a vida das mulleres".

Concentracións convocadas este 25N polo movemento feminista galego © MMM

Convocatorias

En total, están convocadas unhas 30 concentracións, tanto nas sete meirandes cidades como en numerosas vilas de cade todas as comarcas do país.

  • A Coruña, 20h Obelisco.
  • ️A Estrada, 20:30h diante do Concello
  • ️A Gudiña, 20h diante da Casa do Concello
  • Ames, 18h diante da Praza do Concello
  • ️As Pontes, 20.30h na Praza do Hospital
  • ️Betanzos, 20h. a carón do Palco da Música
  • ️Cambados, 19.30h Saída do Concello/Praza Asorei
  • ️Carnota, na Praza da Pedra ás 20 h
  • ️Cee, 20h30 na Praza 8 de Marzo
  • ️Celanova, 20h na Praza Maior
  • ️Compostela, 20h Praza 8 de marzo
  • ️Ferrol, 19h no Cantón de Molíns
  • Lalín, 20.30h no km 0
  • ️Lugo, 20h diante do Concello
  • ️Marín, 20.30h Praza 8 de Marzo
  • ️Melide, 20h na Praza do Convento
  • ️Miño, 19.00h Praza do Parchís
  • Monforte, 20.30h na Praza de España
  • ️Ourense, 20h na Subdelegación do Goberno
  • ️Padrón, 20h Rúa Rosalía de Castro
  • ️Pontevedra, 20h na Peregrina
  • Rianxo, 20h na Praza de Castelao
  • ️Ribeira, 20h na Praza do Concello
  • ️Sarria, 20:30h na Praza da Vila
  • ️Val Miñor, 200h no cruce da Ramallosa
  • ️Verín, 20.30h Praza do Concello
  • ️Vigo, 20h cruce de Vía Norte con Urzaiz
  • ️Vilalba, 20.30h na Praza da Constitución
  • Vilagarcía, 20.30h na Praza de Galicia

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.