A actriz Ana Fontenla comparte nas súas redes sociais a resposta machista dun representante co que estaba en conversas para traballar e recibe o apoio de moitas persoas do sector
Ana Fontenla (Vilagarcía, 1992) é actriz e poeta. Formouse na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e está na búsqueda de representante, pois xa leva uns cinco anos de carreira como intérprete. Nesa búsqueda contactou cun profesional con experiencia no sector que xa representa a varias persoas coas que ten coincidido en distintos traballos. Ata aquí todo normal.
"Oxalá non ter que estar falando disto". Ana compartiu nas súas redes sociais a resposta que obtivo deste representante de actores ao correo electrónico que lle enviou con todas as fotos e vídeos que ten para enviar ás probas para buscar traballo. "É a primeira vez que a actriz, nas fotos, está 'peor' que no vídeobook", sinálase na réplica, repleta de comentarios machistas.
A continuación, este profesional engade: "Xeralmente atópome con fotos nas que a actriz está guapísima por maquillaxe, luz e Photoshop... e no vídeobook é outra persoa. Aquí pásache ao revés. As fotos son horribles. A blusa verde quédache fatal". Unha argumentación que remata con este representante aducindo que está "moi liado" e que "cando teña un momento" vaina chamar para comentarlle isto porque, afirma, "o teu traballo non está mal, aínda que é mellorable".
"Esta persoa leva traballando moitos máis anos, incluso, dos que eu teño de vida"
"A miña sorpresa cando o fago público é que isto está bastante normalizado porque a xente é coñecedora do seu manexo. Esta persoa leva traballando moitos máis anos, incluso, dos que eu teño de vida. Quixen publicar esta mensaxe porque para min foi a gota que colmou o vaso, pero como digo no vídeo isto é unha cousa que acontece todos os días. Pasa neste sector en concreto, pero no literario –no que tamén traballo– é tamén bastante normativo, por desgraza; no campo artístico en xeral", explica Ana Fontenla.
A actriz recibiu multitude de mensaxes de apoio e a captura do correo electrónico do representante correu polas redes. Esa réplica, que supón un exemplo da violencia simbólica que experimentan todas as mulleres no seu día a día, comeza cun "dígocho cun sorriso, non o tomes a mal". "Eu fun moi educada, mandeille un correo moi normativo co meu material de xeito que foron varias fotografías, non só a do top verde coa que quedou el", conta Ana Fontenla.
"A esta problemática pódense enfrontar tanto homes como mulleres, pero xustamente o comentario tal e como se recolle no e-mail é unha cuestión de xénero total porque a un home non lle vai dicir que pola maquillaxe que leva ou pola súa forma de vestir vai resultar máis favorecedor o seu futuro laboral. É bastante concreto o comentario e tamén bastante horroroso", argumenta.
"Falando con amigos a conclusión é que teño que mudar de fotos de book. Quizais era consciente de que estas fotos en concreto, dependendo de para o que fose a convocatoria, serven ou non. Pero eu se estou pactando unha representación pásolle todo o que teño para avaliar dunha maneira amiga e, sobre todo, profesional, para que vai estar destinado cada material. Pero dende o coidado e dende outra forma: aquí importan as palabras e como executa o discurso porque non se me está ferindo a min, tamén á fotógrafa e á deseñadora do top en cuestión", detalla.
"Estamos falando de traballo, do noso sustento. Hai medo e iso tamén hai que dicilo"
"Hai un risco nesta exposición pública. Estamos falando de traballo, do noso sustento. Hai medo e iso tamén hai que dicilo. Non podemos esquecer as circunstancias nas que estamos pola pandemia e nas que está o eido da Cultura en xeral", asevera a actriz, que prepara unha obra de teatro con compañeiras e compañeiros da ESAD de Galicia e ten publicado o poemario Números vermellos en Galaxia.
Ana Fontenla fai fincapé en dúas cuestións que rodean o seu traballo como actriz. Ata cando vai ser considerada como unha principiante e cando vai deixar de atoparse con xente que esquece que detrás do seu corpo, que é a súa ferramenta de traballo como intérprete, hai unha persoa. "Parece que estamos comezando eternamente, xa hai cinco anos que estou traballando de forma activa e o que recibo de volta é sempre a sensación de ter que situarme nun chanzo máis baixo. Cando vai ser o momento no que pase de amateur? Cando se me pase o arroz e o estigma pase a ser outro? Parece que pasamos dun punto ao outro, e que ese punto intermedio nunca chega. E iso é bastante frustrante".
"Espero que a rede tecida chegue a ser tan ampla que aparte definitivamente a todas estas voces coas que temos que convivir"
"Estou abrumada polo apoio, pero tamén sei que é moi fácil que ese apoio quede en nada. E que se quede no plano no que fun eu a que decidiu pór a cara e esta outra persoa, efectivamente, siga traballando. Mentres, eu son a que se segue a atopar con dificultades para chegar a ofertas laborais reais e a que se queda sen representación", sinala.
Porén, móstrase optimista pois pensa que se chega a pasar por alto esta resposta e continuar un diálogo co representante en cuestión, tampouco ía lograr proxectos nos que sentirse "coidada e respectada". "Creo que sería alongar o drama e o horror, pero agora teño que convivir co medo", di. "Espero que a rede tecida chegue a ser tan ampla que aparte definitivamente a todas estas voces coas que temos que convivir. De momento, non nos queda outra".