O programa Land Rober da Televisión de Galicia promoveu este xoves un encontro ao vivo entre unha muller que acudira como público e o seu ex-mozo. Segundo explicou o presentador do espazo, que se emite en horario de máxima audiencia, o home contactou co programa coa intención de propiciar que a muller retomase a relación con el. A muller, ante o risco de que ese encontro chegase a producirse, viuse forzada a relatar ao vivo que a relación, que durou máis dun ano, rematara por iniciativa súa ante os reiterados intentos do home por controlar a súa vida alegando ciumes, explicou.
O programa 'Land Rober' promoveu o reencontro a petición do ex-mozo e presentouno como unha "sorpresa" a prol do "amor". Tras sinalar a muller que rematara a relación por mor de condutas controladoras, o presentador pediu perdón pola "torpeza" cometida e reiterou as desculpas este venres
A propia afectada, ante a situación promovida pola organización do programa como un suposto intento de impulsar o "amor" mediante unha "segunda oportunidade", detallou que a relación durara algo máis dun ano, e que "nos primeiros dous meses", o home xa comezara a controlar o seu teléfono móbil. A propia relación provocou que tivese que afastarse das súas amizades, agregou, antes de que a propia situación creada polo programa fixese que dese en chorar. Mentres, nun espazo da pantalla, o programa ofrecía imaxes da ex-parella da muller, co que o presentador, Roberto Vilar, falara previamente.
Diante da situación xerada e mentres outros participantes neste espazo de entretemento se preguntaban que foi "o que fixo" o home, o presentador evidenciou que o programa aceptara a petición e organizara a suposta "sorpresa", expondo á muller, sen afondar nas circunstancias da relación ou na posición dela ao respecto do seu remate.
"Tes que perdoar que che fixésemos pasar por isto", sinalou Vilar. "El chamounos con toda a súa historia de que estaba namorado e quería volver contigo, metera a pata e quería pedir perdón e nós dixémoscho a ti. É un atraco, pero esta torpeza nosa que acabamos de cometer", agregou, serve para que "expliques unha cousa que hoxe en día está pasando moito e non pode pasar". Xa este venres, no transcurso do programa Quen anda aí, que tamén conduce, Vilar reiterou as desculpas: "Criamos que nos asegurabamos de que non había nada raro nesta relación e mirámolo por todos os sitios que podiamos mirar, pero aínda así equivocámonos", sinala o presentador, quen asegura que a "boa intención" do programa consistía en "contar unha historia de amor". "Prometo, a partir de agora, estar máis en alerta", di Vilar, quen indica que o erro "é principalmente meu".
Escasas horas tras a emisión do programa, sucedéronse as reaccións públicas. A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, relatou o acontecido a través das redes sociais, un feito "gravísimo" ante o que "a rapaza advertiu desde o principio que non ía volver con el e que se trataba dun caso grave de ciumes". "O caso parecía de libro, pero a TVG esqueceu o libro de ética na casa", considerou a ex-deputada, que apela á "literatura e formación" actualmente existente "en materia de violencia, vitimización secundaria, boas prácticas nos medios" para que non suceda algo así na televisión pública "en pleno 2021". "Imos remitir queixas formais sobre este bochornoso suceso", avanza.
"Vixiar o teléfono móbil dunha parella non son celos, é unha forma de violencia que debe ser condenada sen ambaxes polos medios"
Pouco despois, a Marcha Mundial das Mulleres tamén condenaba o sucedido: "Os responsábeis do programa fixeron vivir un episodio de violencia a unha muller ao pretender que se encontrase cun ex-compañeiro baixo a premisa de 'facer triunfar o amor". "O resultado foi unha muller agredida que acabara cunha relación na que xa sufrira agresiósn, exposta publicamente". A organización feminista anima a protestar ante a Corporación Radio Televisión de Galicia por non valoraren "o consentimento dunha muller ante a petición dunha ex-parella de reunirse de novo con ela" nin "asegurárense" previamente de "se non existían antecedentes de agresións". "Solicitamos á CRTVG que se coloquen os medios necesarios para que ningunha muller volva vivir este tipo de situacións", agregan.
Na mesma liña, o colectivo Xornalistas Galegas observa no acontecido no Land Rober unha "clara violación da intimidade dunha muller e a banalización de comportamentos machistas en prime time na televisión pública". "Banalizar a violencia machista servíndose dos mitos do amor romántico é inadmisible. Un medio público debe ser exemplar", resalta este colectivo de profesionais, agregando que "vixiar o teléfono móbil dunha parella non son celos, é unha forma de violencia que debe ser condenada sen ambaxes polos medios". "En ningún caso un programa pode presionar unha persoa a aceptar un reencontro. Estes contidos amosan nula perspectiva de xénero, infantilizan ás mulleres e sitúan aos homes como suxeitos activos das relacións. Facelo despois do relato dunha situación de acoso é delirante", subliñan
BNG e PSdeG ven "inadmisible" o sucedido e esixen explicacións á CRTVG
A continuación, as dúas forzas da oposición galega, BNG e PSdeG, reprobaron o sucedido e anunciaron que esixirán responsabilidades no Parlamento. Para a vicevoceira parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, tamén representante da formación na comisión de control da CRTVG, o acontecido é "inadmisible" e por iso o Bloque esixe "un pronunciamento público" da canle pública e do propio programa. "Cando menos, que pidan desculpas", sinala.
Olalla Rodil (BNG) insta a lembrar "a responsabilidade dos medios no tratamento da violencia machista" e "reflexionar" sobre o seu tratamento na CRTVG
Alén disto, para a deputada do BNG cómpre unha "reflexión moito máis profunda" sobre os contidos dos medios públicos galegos, nos que o deber de "servizo público e responsabilidade social" converten en "inadmisible a banalización da violencia". É preciso, agrega, lembrar "a responsabilidade que todos os medios de comunicación, pero sobre todo os públicos, teñen no tratamento da violencia machista" e nas garantías de "calidade" dos contidos.
Por parte do PSdeG a súa voceira de igualdade e tamén membro da comisión de control da CRTVG, Noa Díaz, considera igualmente "intolerable, que nos tempos que corren, se siga normalizando o acoso desta maneira" e que "dende unha canle pública non exista un maior control" antes de tentar buscar "finais felices" a supostas "historias de amor". "Agardamos que a CRTVG tome cartas neste asunto e non consinta que este tipo de actuacións se volvan producir", xa que "os medios públicos deben educar e formar en valores". Nesta liña, avanza, os socialistas "levarán o acontecido ao Parlamento" para que o director xeral da Corporación, Alfonso Sánchez Izquierdo, dea contas ao respecto.
Noa Díaz (PSdeG) ve "intolerable que, nos tempos que corren, se normalice o acoso deste xeito"
O acontecido no devandito programa chega cando o persoal mobilizado na plataforma Defende a Galega xa superou as 150 semanas de protestas para reclamar o cumprimento íntegro da lei dos medios públicos de comunicación, cuxos artigos pendentes de cumprimento implican, entre outros aspectos, a constitución de mecanismos internos de control e a elección da dirección xeral por maioría reforzada do Parlamento. Este colectivo ve "inadmisible que os medios públicos promovan situacións que minimizan e axudan a perpetuar a violencia machista" e coida que "o ocorrido no Land Róber obriga a unha seria reflexión sobre o que a TVG entende por entretemento e os principios que aplica en todas as súas emisións".
O colectivo 'Defende a Galega', o comité intercentros da CRTVG e o Colexio Profesional de Xornalistas condenan o acontecido e instan a canle pública a cumprir os principios deontolóxicos no tratamento da violencia sobre a muller
Tamén dende o seo do persoal da propia canle pública, o seu comité intercentros rexeita o acontecido e, ante "a espectacularización e tratamento morboso que fixo dun caso de acoso", reclama a retirada do programa. Os feitos, consideran, vense "agravados por ser un programa que se emite con retardo e que previamente pasa pola sala de montaxe". Nesa montaxe, aseguran, "suprimiuse o momento no que o ex-mozo entra no plató". Todo isto, resaltan, "bate frontalmente" coas recomendacións que o propio Consello de Administración da CRTVG ten vixentes dende hai máis de media década para o tratamento de todo o relativo á violencia machista.
Nun sentido semellante, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia saíu este venres ao paso do acontecido para lembrar que "os medios temos un papel esencial no rexeitamento das ideas que sustentan e banalizan a violencia machista". "Non é aceptable que a CRTVG acolla contidos nos que se pretende reunir unha muller coa súa ex-parella contra a súa vontade", subliña a entidade profesional do xornalismo galego, que apela á Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta "para que comparta connosco que tratamentos deste tipo son irresponsables e non se corresponden cos valores que debe defender a canle pública". "A formación en materia de violencia de xénero e igualdade é chave para evitar caer neste tipo de mitos", conclúe.