"Na súa opinión, a violencia exercida por un home cara á súa muller ou ex muller, parella ou ex parella, é algo inevitable que sempre existiu, aceptable nalgunhas circunstancias ou totalmente inaceptable?". É a pregunta que formulou o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) nun dos estudos máis recentes do Estado a respecto da percepción social da violencia de xénero, elaborado a finais de 2012 e publicado neste 2014. A pregunta recolle explícita e intencionadamente o termo violencia por estar "socialmente sobrecargado de connotacións negativas" e "inducir a unha resposta de rexeitamento". Pero, que acontece cando o termo que no imaxinario colectivo remite ás agresións físicas desaparece da pregunta? Que a violencia machista invisible, a que non implica unha acción física directa por parte do maltratador, é aínda máis tolerada socialmente do que podería pensarse.
A pregunta explícita sobre "violencia" ten unha resposta de rexeitamento practicamente total. O 92% tanto de homes como de mulleres cren "totalmente inaceptable" a violencia do home cara á muller no seo da parella. Mentres, un 5% dos homes e un 6% das mulleres atribúen as agresións a razóns culturais ou doutro tipo -"é algo inevitable que sempre existiu- e un residual 2% de homes e 1% das mulleres consideran a violencia machista "aceptable nalgunhas circunstancias". Así e todo, advirte o propio estudo, "non todas as persoas entrevistasdas identifican os distintos comportamentos de maltrato coa violencia".
Neste contexto, o inquérito pasa a preguntar, xusto a continuación, "por distintos tipos de comportamentos propios dos malos tratos" sen apelar abertamente á violencia. O grupo autor do estudo formuloulles ás persoas enquisadas "algunhas situacións e comportamentos que poden producirse nas relacións de parella entre homes e mulleres", convidándoas a "dicir se os considera algo inevitable, aceptable nalgunhas circunstancias ou totalmente inaceptable". Así, tiveron que tomar posición a respecto de comportamentos como "empurrar e/ou golpear cando se enfadan", "obrigar a manter relacións sexuais" ou "insultar e desprezar", pero tamén sobre "non permitir que a parella traballe ou estude", "ameazar", desprezar ante os fillos e fillas, "dicir cousas que pode ou non facer", "controlar os seus horarios" ou "manter constantes liortas".
"Unha parte importante da poboación non asocia o maltrato psicolóxico e o control" coa violencia machista
Este segundo grupo de actitudes é, para os autores, o máis revelador. Mentres que o rexeitamento á violencia física é absolutamente maioritario "algo máis dun terzo da poboación" se amosa "tolerante con algunha forma de maltrato", do que cabe deducir que "unha parte importante da poboación non asocia o maltrato psicolóxico e o control coa violencia de xénero". Isto sucede nun panorama no que "unha elevada proporción de persoas que, dalgún xeito", consideran "aceptable" manter "liortas constantes" ou berrarlles aos fillos e fillas. Son, sinalan, circunstancias que revelan que "unha parte importante" da poboación do Estado ten "unha concepción moi conflitiva das relacións de parella e familiares, que en non poucos casos constitúe a antesala da tolerancia cara a outras formas de maltrato".
Con estes datos sobre a mesa os autores do estudo conclúen que, aínda que as persoas que "se amosan tolerantes coa violencia de xénero tenden a facelo tamén en maior medida cos distintos tipos de maltrato", existe unha "proporción moi importante" das persoas que rexeitan abertamente a violencia machista que "aceptan, por exemplo, a violencia de control", un 29%, ou "unha mala relación de parella na que haxa liortas constantes". "Mesmo se se exclúen as posicións sobre as discusións constantes de parella e de berrarlles aos fillos e fillas, un de cada tres amósase tolerante con algunhas das formas máis graves de maltrato, principalmente coa violencia de control, pero mesmo un 1% coa violencia física ou sexual", alertan.