A edición 2021 do foro terá lugar os vindeiros 5 e 6 de marzo de forma telemática
A pandemia de Covid-19 non impedirá a realización en Pontevedra do foro 'As mulleres que opinan son perigosas', aínda que -ao igual que sucedeu o pasado ano- o encontro desenvolverase de forma telemática. A edición 2021 do foro terá lugar os vindeiros 5 e 6 de marzo, nas datas previas á celebración do 8 de marzo, de novo coa colaboración da Deputación e o Concello de Pontevedra.
O amplo programa inclúe 12 relatorios coa participación de 18 xornalistas galegas e do resto do Estado, traballadoras de medios locais e de ámbito galego ou estatal e que abranguen todos os soportes e formatos, dende os máis tradicionais ata os máis novos, como os podcasts. E retoma o obxectivo de "tomar a palabra nas redes" poñendo o foco sobre a ausencia de mulleres en determinados postos de responsabilidade ou visibilidade mediática ou a invisibilización de determinados temas.
O foro naceu no ano 2018, coordinado polas xornalistas pontevedresas Susana Pedreira e Diana López Varela, en resposta á ausencia de mulleres columnistas convidadas a un debate celebrado en León pouco antes
O foro naceu no ano 2018, coordinado polas xornalistas pontevedresas Susana Pedreira e Diana López Varela, en resposta á ausencia de mulleres columnistas convidadas a un debate celebrado en León pouco antes. Dende entón a cita converteuse xa nun referente en todo o Estado na análise da situación do xornalismo e dos medios de comunicación, e na denuncia da relegación das mulleres nas redaccións e nos contidos destas cabeceiras. "Un xornalismo que só ten a visión dos homes é un xornalismo torto", dicía nesta entrevista Susana Pedreira e, de igual xeito, Diana Varela denunciaba nesta conversa que "Hai temas que non están no discurso público porque nos afectan máis ás mulleres".
A edición 2021 inclúe temáticas e ámbitos non abordados ata agora, como a divulgación científica, os podcasts, a memoria histórica ou o fotoxornalismo
A edición 2021 inclúe temáticas e ámbitos non abordados ata agora, como a divulgación científica (da man de Pampa García Molina), os podcasts, a memoria histórica ou o fotoxornalismo. Destaca tamén a participación de dúas premios Pulitzer: Mar Cabra, xornalista de investigación recoñecida polo seu traballo nos papeis de Panamá, e Susana Vera, primeira fotoxornalista española en acadar este galardón. Canda a elas aparecen voces cunha longa traxectoria, como as de Almudena Ariza, correspondente con vinte anos de traxectoria, e Esther Palomera, especializada na análise política. Ou tamén a primeira correspondente de xénero de El País, Pilar Álvarez, que falará das novas responsabilidades con perspectiva de xénero. E Henar Álvarez, que centrará a súa intervención nos contidos humorísticos.
Participarán tres directoras de medios galegos, como María Obelleiro (Nós); María Yáñez (Vinte) e Silvia Carregal (As Nosas)
Xunto a elas haberá tamén unha ampla representación de xornalistas galegas, encabezadas por tres directoras de medios, como María Obelleiro (Nós); María Yáñez (Vinte) e Silvia Carregal (As Nosas) e polas responsables da sección de Economía Mercedes Mora (La Voz de Galicia) e Lara Graña (Faro de Vigo). Ademais, as xornalistas Belén López e Montse Fajardo abordarán o tema da cultura e a memoria no ámbito local.
Ata agora, as tres edicións anteriores superaron as 10.500 visualizacións das conferencias, como encher 24 veces o Teatro Principal de Pontevedra
Na presentación das xornadas, Susana Pedreira destacou que a celebración destas xornadas en liña está a permitir a creación dunha “biblioteca de contido on line na que as mulleres, a perspectiva de xénero e no noso caso o xornalismo son os protagonistas”. A cuarta edición engadirá outras sete horas de contido “que a xente vai poder ver en directo desde calquera lugar do mundo e que quedará almacenado na rede". Ata agora, as tres edicións anteriores superaron as 10.500 visualizacións das conferencias, como encher 24 veces o Teatro Principal de Pontevedra.
As intervencións poderán seguirse polas canles do Concello e a Deputación de Pontevedra pero tamén está aberta a inscrición para velo por Zoom
Mentres, Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, destacou que o foro "é un acto de resistencia, de denuncia e de optimismo" e considerou "fundamental manter este tipo de iniciativas que reflexionan e falan de cuestións que precisan que haxa voces e posicionamentos da metade da poboación”. Pola súa banda, o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou que en pleno século XXI "aínda segue a haber negacionistas sobre o machismo, polo que é imprescindible seguir a visibilizar e denunciar publicamente a situación de discriminación en que se atopan as mulleres”.
Os debates poderán seguirse polas canles do Concello e a Deputación de Pontevedra pero tamén está aberta a inscrición para velo por Zoom a través das webs de ambas administracións (ata o 4 de marzo), no caso de querer intervir e facer preguntas ao remate dos relatorios.