O coronavirus obrigou a suspender moitos eventos e actividades. Outros optaron por reinventarse para manter as súas edicións previstas para este ano, botando man sobre todo de fórmulas virtuais. É o caso do foro “As Mulleres que Opinan son Perigosas”, que dende o ano 2018 se vén desenvolvendo en Pontevedra, que mantén a súa celebración este mes de xuño, aínda que as sesións se realizarán en vídeo.
O encontro realizarase de forma telemática os días 26 e 27 de xuño. Xa están abertas as inscricións
O obxectivo, ao igual que nos anos anteriores, é analizar a situación do xornalismo na actualidade e o papel que as mulleres desempeñan nel. Nesta edición 'exprés' oito relatoras amosarán a súa experiencia en medios de comunicación de todo tipo, dende o xornalismo local á verificación de feitos.
O encontro, para o que xa se pode formalizar inscrición (ata o 23 de xuño) a través das webs da Deputación e do concello de Pontevedra, terá lugar a través de Zoom o 26 de xuño pola tarde e o 27 pola mañá, e contará coa participación de Claudia Morán e Tamara Montero en representación de “Xornalistas galegas”; Clara Jiménez, cofundadora de maldita.es; Magda Bandera, directora de La Marea; Noemí López Trujillo, xornalista en newtral.es; e Ángeles Caballero, xornalista de opinión en El Confidencial. Tamén participarán desde a perspectiva local Sara Vila e Selina Otero, xornalistas no Diario de Pontevedra e Faro de Vigo.
“Precisamente agora non era o momento de renunciar a facer este encontro, é necesario e urxente que o fagamos”, dixo Susana Pedreira
Na presentación do foro a xornalista pontevedresa Susana Pedreira subliñou que “precisamente agora non era o momento de renunciar a facer este encontro, é necesario e urxente que o fagamos”. Mentres, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, lembrou que as mulleres pese a ser máis do 63% das persoas graduadas en Xornalismo seguen a ocupar posicións residuais nas seccións de opinión e dirección dos medios de comunicación.
“Isto non é ningunha broma, o que acontece co xornalismo é grave e nos ten que preocupar como sociedade”, sinalou Silva, que lembrou algúns datos sobre a actual realidade das mulleres no xornalismo no Estado español: “Asinan menos do 21% das pezas de opinión ou só dirixen o 25% dos medios de comunicación. Hai que dar un paso adiante e denunciar, avaliar e traballar para cambiar estes resultados e esixir que as mulleres opinen, porque cando opinan cambian o mundo. Por iso son perigosas”. Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, fixo fincapé na “reacción hostil ante os avances do feminismo o que significa que algo estamos a facer ben”.
Claudia Morán e Tamara Montero en representación de “Xornalistas galegas” presentarán o estudo As mulleres na opinión: un elefante rosa no medio das redaccións
No encontro, Claudia Morán e Tamara Montero en representación de “Xornalistas galegas” presentarán o estudo As mulleres na opinión: un elefante rosa no medio das redaccións, realizado por este colectivo e publicado en Praza.gal hai uns meses. Este informe analizou 27.000 artigos de opinión publicados por sete xornais impresos galegos durante o ano 2018, chegando á conclusión de que só o 15,5% estaban escritos por mulleres, unha porcentaxe que aínda era inferior en seccións como Galicia ou Economía.
O pasado mes de novembro este estudo, elaborado polo grupo As Mulleres na Opinión do colectivo Xornalistas Galegas, foi galardoado cun dos premios Comunicar en Igualdade que convoca a Secretaría xeral da Igualdade da Xunta,