Unha de cada catro mulleres sufriu violencia de xénero nalgún momento da súa vida

As mozas entre 16 e 24 anos son as que sofren máis 'violencia de control' CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

O 15,5% das mulleres españolas residentes en España de 16 anos ou máis afirman ter sufrido violencia física, sexual ou medo dalgunha parella ou ex parella nalgún momento da súa vida. O Ministerio de Sanidade, Asuntos Sociais e Igualdade publicou este luns os primeiros resultados da edición 2015 da Macroenquisa de violencia contra a muller, un estudo que se realiza cada catro anos dende 1999. Con todo, dado que nesta ocasión so modificou a metodoloxía da enquisa e o tipo de preguntas, non é posible establecer unha comparación válida cos resultados de informes anteriores, coma o do ano 2011. O obxectivo da investigación é coñecer a porcentaxe de mulleres residentes en España sufriron ou sofren actualmente algún tipo de violencia polo feito de seren mulleres, tanto violencia física ou sexual coma psicolóxica ou económica.

O 12,5% das mulleres maiores de 16 anos sufriron nalgún momento violencia física ou sexual

O 12,5% das mulleres maiores de 16 anos sufriron nalgún momento violencia física ou sexual, en concreto un 10,3% física e un 8,1% sexual. En canto á violencia de tipo sexual, o 6,4% das mulleres españolas afirman que algunha parella ou ex parella as obrigou a manter relacións sexuais cando elas non querían e un 6,1% mantiveron nalgún momento relacións sexuais sen desexalo polo medo á reacción das súas parellas se elas se negaban a facelo. Un 13% das mulleres maiores de 16 anos sentiron "medo" das súas parellas nalgún momento das súas vidas.

A violencia psicolóxica é aínda máis común. No que respecta á chamada violencia de control (exercida cando un home lle prohíbe á súa parella ver os seus amigos, amigas ou familiares, ou cando insiste en tela localizada en todo momento) esta foi sufrida por unha de cada catro mulleres españolas (o 25,4%) nalgún momento das súas vidas. O 21,9% sufriu a denominada violencia emocional (cando a muller é humillada, menosprezada, ameazada ou insultada). Un 11,8% sufriu violencia económica, impedíndolle tomar decisións sobre a economía familiar ou estudar ou traballar fóra da casa.

As mulleres novas (entre 16 e 24) sofren a violencia psicolóxica de control mesmo por riba das mulleres de máis idade

Cómpre salientar que as mulleres novas (entre 16 e 24) sofren a violencia psicolóxica de control mesmo por riba das mulleres de máis idade. Así, mentres este tipo de violencia afectou ao 9,8% de todas as mulleres nos últimos doce meses, no grupo de mozas entre 16 e 24 anos a incidencia foi do 16,8% 

Ademais, o 2,7% das mulleres sufriron violencia física ou sexual por parte das súas parellas nos últimos 12 meses, un 9,2% sufriu violencia de control, un 7,9% violencia emocional e un 2,5% violencia económica. A enquisa tamén concreta os resultados en referencia unicamente á persoa coa que actualmente as mulleres manteñen unha relación de parella. As cifras de persoas afectadas pola violencia son menores, pero esta estatística ofrécenos a realidade de mulleres que manteñen as súas relación a pesar de estar sendo sometidas a algún tipo de violencia. Un 1'9% afirman ter sufrido violencia física da súa actual parella, un 1'8% violencia sexual, un 11,9% violencia de control, un 9,3% violencia emocional e un 3,3% violencia económica. 

Dúas de cada tres mulleres vítimas de violencia física, sexual ou medo (63,6%) afirma que os seus fillos ou fillas presenciaron ou escoitaron algunha das situacións de violencia. Ademais, sofren en maior medida situacións de ansiedade, tristeza, irritabilidade ou ganas de chorar sen motivo.

 

Buscar axuda

Sete de cada dez mulleres que sufriron violencia machista nalgún momento das súas vidas non se dirixiron ás forzas de seguridade

O estudo tamén revela que tan só o 26'8% das mulleres que sufriron violencia de xénero acudiu á policía en busca de axuda (e na cuarta parte dos casos foi outra persoa -un amigo, familiar ou veciño- quen o denunciou). Polo tanto, máis de sete de cada dez mulleres que sufriron violencia machista nalgún momento das súas vidas non se dirixiron ás forzas de seguridade. En canto ás razóns, case a metade (un 45%) asegura que foi por "non conceder suficiente importancia á violencia de xénero sufrida", un 27% "por medo", e outro 21% "por vergoña, por non querer que ninguén o soubese". O 21% das mulleres que denunciaron, acabaron retirando a acusación. E aínda que un 56% se manifesta "moi" ou "bastante satisfeita" coa atención recibida polas forzas de seguridade, houbo un 33% que se declara "pouco" ou "nada satisfeita".

Mentres, un 45% das mulleres que sufriron violencia de xénero se dirixiron a algún servizo médico, legal ou social a solicitar axuda, acadando en todos eles un alto grao de satisfacción, superior ao 80% nos servizos médicos, e ao 70% nos servizos legais, psicólogos ou casas de axuda. Un 81% das mulleres vítimas de violencia machista si buscaron a axuda dalgunha persoa próxima, cando menos para contarlle a súa situación, normalmente amigas ou familiares do xénero feminino (nais, irmás...). A reacción máis habitual destas persoas ao coñecer o sucedido foi recomendarlle que deixase esa relación. Un 12,4% das mulleres que sofren ou sufriron violencia física, sexual ou medo non lle contaron a súa situación a ninguén en ningún momento.

Sete de cada dez mulleres que sufriron violencia machista nalgún momento das súas vidas non se dirixiron ás forzas de seguridade CC-BY-NC-SA portaldelsur
Acto contra a violencia machista en Vigo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo
Unha de cada catro mulleres sufriron algún tipo de violencia psicolóxica das súas parellas CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.