Xornalistas Galegas pide áreas de xénero nos medios para evitar episodios como o do 'Land Róber', que Feijóo dá por zanxado

Gravación do programa 'Land Róber' da TVG, nunha imaxe de arquivo © CTV

A pasada semana, o programa Land Róber da Televisión de Galicia expuxo unha muller a reencontrarse cun ex-mozo co que rompera por controlala, segundo detallou ela mesma para evidenciar a razón pola que non se ía prestar a escenificar unha "segunda oportunidade" ante as cámaras. O condutor do espazo, Roberto Vilar, desculpouse polo sucedido na propia emisión e tamén posteriormente mentres colectivos profesionais, organizacións feministas e partidos da oposición esixían, ademais de desculpas, garantías de que algo así non ía volver suceder e unha "reflexión" máis ampla sobre a perspectiva de xénero nos contidos dos medios de comunicación en xeral e dos públicos en particular.

Xornalistas Galegas aposta por unha "figura transversal" en cada medio que "evite a publicación de contidos machistas, sexistas ou que banalicen a violencia de xénero"

Un dos colectivos que vén chamando nos últimos días a ir alén do episodio concreto é Xornalistas Galegas. Esta organización feminista de profesionais da información vén de incidir na petición que mesmo elevou recentemente ao Parlamento: para evitar episodios como o do Land Róber, sinalan, cómpre a creación "dun departamento de xénero nos medios de comunicación". Trátase, subliñan, dunha "figura transversal" que propicie "evitar a publicación de contidos machistas, sexistas ou que banalicen a violencia de xénero".

Xornalistas Galegas reiteraba esta petición este 15 de abril, horas antes de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se pronunciase por primeira vez sobre o sucedido no devandito programa da TVG. A preguntas da prensa tras a rolda de prensa semanal do Consello da Xunta, o xefe do Goberno galego deu o "desacertado" episodio por zanxado coas desculpas do presentador.

Feijóo, este 15 de abril de 2021 na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta CC-BY-SA David Cabezón / Xunta de Galicia

Feijóo cre que a "desculpa explícita honra" ao presentador e cre que o acontecido contrasta con "actitudes machistas doutras persoas" que "non se desculpan"

"Cada un é responsable do que di e do que fai" e "cando un di ou fai algunha cousa que non é correcta, tamén lle honra que se desculpe de forma explícita". Neste caso concreto, "polo que eu sei, na información que posúo, houbo unha desculpa sentida, explícita, da persoa que nun programa da TVG non só non estivo acertado, senón que estivo francamente desacertado", sinala.

Na súa resposta, Feijóo agregou tamén que "é certo que hai outras actitudes machistas doutras persoas". "Xa sexan actores, xa sexan xornalistas, xa sexan políticos", nalgúns casos "non se desculpan, ao contrario; non só non se desculpan, senón que insisten na actitudes machistas", afeou. 

"Os medios públicos deberían servir de exemplo"

En contraste coa perspectiva do presidente, a petición de Xornalistas Galegas aposta por ir alén do episodio concreto. No seo do colectivo, resaltan, existe "preocupación pola frecuente propagación de contidos e pezas informativas sen perspectiva feminista nos medios galegos". Esta circunstancia, consideran, ten "maior gravidade nos públicos", xa que "deberían servir de exemplo e ser pioneiros" na integración "dunha figura que vele pola perspectiva de xénero de xeito continuado e rigoroso" e que o faga "antes, durante e despois da difusión de informacións de espazos informativos ou de entretemento".

O colectivo manifesta "preocupación pola frecuente propagación de contidos e pezas informativas sen perspectiva feminista nos medios galegos", o cal ven máis grave nos medios públicos

Nesta liña, lembran, no último ano a plataforma leva "denunciando decenas de publicacións en medios galegos e estatais" que carecen desta perspectiva. Veñen lembrando, asemade, "a obriga legal" do persoal dos medios "de promover a igualdade entre homes e mulleres". Este é o contexto no que elevaron a petición ao Parlamento co obxectivo de "garantir o cumprimento das leis de igualdade e violencia de xénero" no eido mediático.

Paralelamente, Xornalistas Galegas solicitou á Secretaría Xeral de Igualdade da propia Xunta "o reforzo dos mecanismos que garantan o compromiso dos medios coa perspectiva feminista". "A inclusión de voces expertas, tanto nos faladoiros como á hora de buscar fontes informativas", exemplifican, é "outra das medidas" que permiten afondar na igualdade e na perspectiva de xénero no conxunto dos medios e polas que deben velar os departamentos de xénero que reclaman.

Integrantes de Xornalistas Galegas, na presentación pública do colectivo en 2018 Dominio Público @asxornalistas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.