Unha muller de Carballo loita pola súa vida logo de sufrir unha brutal agresión na pasada madrugada na parroquia de Sísamo, en Carballo. De 43 anos, a vítima ingresou de madrugada no Hospital Universitario da Coruña en estado moi grave tras ter sufrido unha malleira por parte, presuntamente, da súa parella, que foi detida esta mañá logo de presentarse nas dependencias da Comandancia da Garda Civil e tras varias horas fuxido.
O presunto caso de violencia machista ocorreu de madrugada e uns veciños atoparon a vítima tirada na rúa, ante a súa vivenda, e ferida pouco antes das 3, con importantes golpes na cabeza. Dentro do estado crítico, a súa evolución é "favorable", segundo indica a Delegación do Goberno.
O home foi detido pola mañá logo de presuntamente ter agredido de madrugada a súa muller, en estado crítico
Logo de ser avisada a Garda Civil, o 061 trasladou a muller ao CHUAC. O marido da vítima e presunto agresor permaneceu en paradoiro descoñecido e en busca e captura ata que foi detido no momento no que se ía entregar, sobre as 10 da mañá, nos controis de acceso á Comandancia da Benemérita na Coruña e foi trasladado logo ao cuartel de Carballo, onde permanecerá ata pasar a disposición xudicial.
A Policía Xudicial da Garda Civil de Carballo abriu xa unha investigación para aclarar os feitos do que, todo parece indicar, é un novo caso de violencia machista en Galicia. No país, e segundo os últimos datos publicados polo INE, as vítimas de violencia de xénero aumentaron un 2,5% no pasado ano, ata as 1.217 en total en 2021.
Denuncia por "vexacións e insultos"
En extrema gravidade, a muller tería sufrido rotura craneal e varias graves contusións. A parella ten dous fillos pequenos e os bombeiros tiveron que acceder ao interior para poder facerse cargo deles. Máis tarde os dous quedaron baixo a custodia de familiares.
Segundo confirmou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a vítima presentara unha denuncia hai un ano por vexacións e insultos contra o home detido. Así, aclarou que "non existía denuncia previa ningunha" por violencia, razón pola que "non había orde de afastamento". "Seguían convivindo xuntos", engadiu.