A Audiencia de Pontevedra condena a nove anos de prisión un home acusado de maltratar e violar a súa parella durante o seu matrimonio, que durou 28 anos. As maxistradas destacan que o comportamento do sospeitoso “foi consciente e directamente dirixido a minguar o libre desenvolvemento da vida e da persoa” de quen era a súa parella durante o momento dos feitos, “a quen fixo obxecto dos seus desexos e imposicións a medio da violencia, tanto psíquica como física”, sinala o tribunal.
Na sentenza destácase que "durante toda a convivencia matrimonial, pero sobre todo transcorridos os oito primeiros anos do matrimonio", era frecuente que o acusado "humillase e insultase a súa dona, menosprezándoa con expresións como puta ou zorra, e dicíndolle que non valía como nai e que non valía para nada".
A sentenza destaca que o comportamento do condenado pretendeu "minguar o libre desenvolvemento da vida e da persoa” da que era a súa parella
No relato dos feitos, as maxistradas destacan que era "habitual" que no domicilio común e coas fillas menores presentes o acusado agredise con "golpes, patadas, labazadas ou empuxóns" a muller, "cunha frecuencia que dependía de como chegase de embriagado".
Ademais, relatan tamén agresións aínda máis graves, así como que era "frecuente, polo menos nos últimos anos de convivencia", que o home "exercese violencia sexual" contra ela, "impoñéndolle contra a súa vontade relacións sexuais".
Esta violencia sexual foi "práctica habitual", di a sentenza, nos últimos anos e ata "once días antes da interposición da denuncia" por parte da muller. O acusado recoñeceu integramente os feitos que se lle imputan, "sendo estes corroborados en todos os seus extremos pola rotunda, firme, e persistente declaración da vítima".
No ditame final da sentenza, as maxistras condenan o home "como autor penalmente responsable dun delito continuado de violación" así como doutro de "violencia habitual no ámbito familiar", coa concorrencia da "circunstancia agravante xenérica de "cometer o delito por razóns de xénero".