O brote de coronavirus detectado no Barbanza nos últimos días da pasada semana e revelado o pasado domingo polo Servizo Galego de Saúde amosa a dimensión que un único caso de coronavirus pode chegar a adquirir en forma de contaxios en ausencia de medidas para evitar a transmisión da doenza. Aínda que a orixe do foco é unha única persoa -un veciño de Ribeira que viaxar ao Brasil e regresou a través do Porto-, o brote atinxiu a un total de 91 persoas. Setenta e catro delas, non obstante, xa deron negativo en probas PCR.
Segundo confirma a Consellería de Sanidade a Praza.gal, fronte a eses 74 casos negativos están os 9 positivos entre persoas que tiveron contacto co considerado como orixe do brote. Outras 8 estaban na tarde deste luns aínda pendentes do resultado das probas PCR. Chégase así ao total de 91 persoas que deben permanecer en corentena durante 14 días e baixo control do Sergas por se desenvolvesen síntomas da covid-19.
Todas as persoas rastrexadas por teren contacto coa persoa considerada inicio do foco deben gardar corentena; 9 deron positivo e outras 8 están á espera de resultados de proba PCR
Dáse o caso de que o home considerado orixe do brote deu negativo en proba PCR pero positivo en test de anticorpos. Daquela, nunca contou como o que a Consellería de Sanidade considera "positivo activo", senón que pasou a ser sumado como infección resolta, o que os partes públicos do Sergas denominan "curacións" malia incluíren unhas 2.000 persoas nesta situación -positivo en anticorpos sen síntomas-. [Dúas mil persoas que figuran como "curadas" de coronavirus no Sergas nunca foron "positivos activos"]
Eses "positivos activos" aumentan este 22 de xuño en tres casos para o total de Galicia, ata 343, pero en catro na área sanitaria de Santiago-Barbanza, coa que corresponden as persoas que deron positivo no brote -8 residentes en Ribeira e unha, na Pobra do Caramiñal-. Mentres, o que o Sergas denomina "curacións" aumenta noutros tres casos, ata 10.535, polo que os incorporados ao acumulado total son 6 máis.
Por áreas sanitarias, ademais do incremento da área na que se detectou o devandito brote, o Sergas indica un positivo "activo" máis na área da Coruña-Cee e o mesmo número de casos que un día antes en todas as demais. Dado que os "positivos activos" supoñen a foto fixa do día, isto non quere dicir que nalgunha destas áreas non se rexistrase algunha das devanditas tres "curacións" e ao tempo, algún caso novo, o que deixaría os "positivos activos" sen variacións.
O Ministerio de Sanidade non reflicte diagnósticos novos de coronavirus en Galicia nas últimas vinte e catro horas e xa van once días sen novos falecementos
Estas dificultades para coñecer a evolución da pandemia a través da Xunta, que segue sen contemplar a publicación da súa serie histórica completa malia dispoñer dela, acláranse parcialmente ao contrastar a información cos partes diarios do Ministerio de Sanidade, que se pechan cada día ás dúas da tarde -os do Sergas reflicten o acontecido o día anterior- coa información das vinte e catro horas previas.
Este 22 de xuño os datos do departamento estatal permiten concluír que o brote do Barbanza non trouxo consigo máis diagnósticos e que tampouco existen polo momento outros focos detectados en Galicia. Así, o balance diario do Ministerio indica que non houbo diagnósticos novos en Galicia nas vinte e catro horas previas e que os dos últimos sete días son 15, entre os que xa estarían todos os do brote.
A aparición do brote deixou en segundo plano outro dos datos máis relevantes das últimas xornadas. Galicia segue a transitar polo período máis prolongado sen novos falecementos ligados á covid-19 dende o comezo da pandemia. Son 619 -tanto segundo o Sergas como segundo o Ministerio- e deles, 274 eran persoas que viviran en residencias de maiores e persoas en situación de dependencia.
No que atinxe ás hospitalizacións, o brote non afectou á relaxación da presión da pandemia sobre estes centros, toda vez que todas as persoas afectadas polo novo foco están en seguimento domiciliario. Así, quedan só 4 persoas ingresadas con test positivo de covid-19, mentres que as illadas a domicilio son 339 en toda Galicia, tres máis que o día previo, segundo o Sergas.