O pasado 15 de xuño, Galicia abandonou o estado de alarma decretado polo Goberno de España o 14 de marzo para frear os contaxios do coronavirus. Fíxoo, por decisión da Xunta, á que lle correspondía a competencia na fase tres do desconfinamento. Foi catro días antes que Catalunya, Euskadi ou Cantabria e seis días antes que o resto do Estado.
Dende o comezo do desconfinamento, o Ministerio computou 139 casos novos da covid-19 en Galicia; a metade dos rexistrados dende a fin do estado de alarma sinálaos nun só día na provincia de Lugo, no que semella ser o inicio do brote da Mariña
O Ministerio de Sanidade, que continúa a revisar a serie de casos da covid-19 a través da información fornecida polas comunidades autónomas e situando cada un deles no día estimado de inicio de síntomas. A última revisión, publicada esta semana, chega ata o remate da primeira semana na que Galicia estivo fóra do estado de alarma, o 21 de xuño.
Dende o comezo do desconfinamento (o 12 de maio) e ata ese día 21, o Ministerio computou 139 novos casos de covid-19 en Galicia. Vinte deles rexistrounos na primeira semana con Galicia fóra do estado de alarma e 10 sinálaos nun só día na provincia de Lugo, no que parece ser o comezo do brote de coronavirus da Mariña. Este venres o Sergas daba por confirmados 18 positivos nesa área entre dous focos para os que busca relación entre si.
O anterior pico de positivos na serie revisada do Ministerio de Sanidade sitúase, no caso galego, no domingo previo á fin do estado de alarma, o 14 de xuño. Son 5 casos na provincia da Coruña, na que se sitúa o que ata agora foi o primeiro brote dende o remate do desconfinamento, o do Barbanza, que provocou unha decena de positivos confirmados polo Sergas e que case un cento de persoas tivesen que gardar corentena.
Esa vintena de casos revisados e confirmados polo Ministerio de Sanidade para Galicia na primeira semana tras a fin do estado de alarma en Galicia inclúe cando menos unha parte dos 26 casos que, segundo sinalaba o departamento estatal este venres, 26 de xuño, foran diagnosticados nos sete días previos. Entre eles, tres terían como data de inicio de síntomas os últimos sete días.
Esta última información cómpre analizala con cautela, toda vez que nas semanas previas os datos definitivos aumentaron lixeiramente os cómputos provisionais. Non é posible contrastar o número de casos novos diarios cos datos divulgados directamente polo Sergas, toda vez que a Xunta continúa sen facer pública a súa serie de datos do coronavirus e segue a manexar como indicador de referencia os "positivos activos", que reflicte o número de casos positivos de cada día, pero sen datalle dos casos novos nin dos acumulados.
A suma manual de todos os casos diferentes indicados polo Sergas dende o comezo da pandemia chegaba este pasado venres aos 11.520 casos, dos que 10.590 serían persoas que a Xunta dá por "curadas" -entre elas, unhas 2.000 que nunca foron "positivos activos" por tratarse de positivos en test de anticorpos, pero sen síntomas da covid-19- e 619 persoas faleceron. Ao non existir unha serie pública non é posible saber se esta cifra de máis de 11.500 positivos acumulados inclúe casos duplicados ou que, tras seren revisados, foron considerados incorrectos.
Segundo o Ministerio, case 3 de cada 4 casos da covid-19 en Galicia dende o comezo da pandemia concéntranse nas provincias da Coruña e Pontevedra
Mentres, a nova revisión da serie estatal tiña ratificados ata o 21 de xuño un total de 10.716 casos acumulados en Galicia. Ata esa data, a suma manual de casos do Sergas elaborada por Praza.gal chegaba aos 11.489. Eses algo máis de 700 casos de diferenza poden ser positivos en test de anticorpos que o Ministerio aínda non validou ou non considerou confirmados como doentes da covid-19. Ata o remate desa primeira semana do Estado de alarma, segundo o Ministerio, case tres de cada catro casos rexistráranse nas provincias máis poboadas, as da Coruña e Pontevedra.