O brote de coronavirus detectado nos últimos días no Barbanza continúa controlado, cos mesmos 9 positivos anunciados o domingo. O Sergas informou este martes de que un total de 104 persoas relacionadas con ese foco foron investigadas, realizándose probas PCR a todas elas, con resultado negativo en 95 casos, que permanecen en corentena, en illamento e seguimento domiciliario, onde deberán permanecer 14 días.
Este martes non hai que sumar ningunha nova infección de coronavirus en Galicia
O Sergas destacou que contactos relacionados con este foco foron investigados de forma moi rápida, o que permitiu o seu control. Este martes, precisamente, a Consellería de Sanidade procedeu a actualizar o Plan de Detección, Control e Vixilancia ante posibles brotes da Covid-19. O documento ten como obxectivo establecer o marco de actuación para a toma de decisións e definir as medidas a levar a cabo tanto en vixilancia como en materia de prevención e control dos casos.
O do Barbanza é, de momento, o único brote de coronavirus declarado en Galicia dende o remate do estado de alarma. Fóra dos positivos detectados en Ribeira e A Pobra do Caramiñal nos últimos días o número de novos diagnósticos de coronavirus segue a ser moi baixo. Este martes, nos datos que o Ministerio de Sanidade vén de facer públicos, correspondentes a este luns, non hai que sumar ningunha nova infección.
A incidencia acumulada nos últimos 14 días en Galicia mantense por debaixo de 1 caso por cada 100.000 habitantes (0,93), moi lonxe da media española (8,10)
A incidencia acumulada nos últimos 14 días en Galicia mantense por debaixo de 1 caso por cada 100.000 habitantes (0,93), unha cifra que só é menor en Asturias e que se sitúa moi lonxe da media española (8,10). Madrid, Cataluña, as dúas Castelas, Navarra e Aragón son as comunidades cun maior número de novos positivos nos últimos días. En Galicia houbo 25 novos diagnósticos de coronavirus nos últimos catorce días e só 14 nos últimos sete días.
Nos últimos 12 días non se rexistraron novas mortes por coronavirus en Galicia
A Xunta ofrece o dato de 'casos activos', reduce este martes a cifra de positivos totais a 335, oito menos que onte, unha nova xornada sen falecementos, que se manteñen en 619. Nos últimos 12 días non se rexistraron novas mortes por coronavirus en Galicia.
A estatística do Sergas eleva o número de 'casos resoltos' en sete (de 10.535 a 10.542), polo que a cifra total de positivos acumulados redúcese en 1 no último día.
Tan só 4 pacientes están ingresados nos hospitais galegos e ningún deles nas UCI
A maior parte deses 335 casos activos de coronavirus atópanse nos seus domicilios, sen síntomas de importancia. Tan só 4 pacientes están ingresados nos hospitais galegos e ningún deles nas UCI.
Dos 335 casos activos, 108 son da área da Coruña, 17 da de Lugo, 21 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 138 da área de Vigo, 31 da de Santiago, e 12 da de Ferrol.